O labirinto autoritario exipcio

Share Embed


Descripción

Tempo exterior Nº 27, Vol. XIII (II), 2013, páxinas 191-202

O labirinto autoritario exipcio David Alvarado

P

artindo dunha inicial euforia desmedida e non sempre xustificada, pouco a pouco o realismo vaise impoñendo na percepción do cambio político que comezou hai agora tres anos no "mundo árabe". Como ten afirmado un dos grandes referentes teóricos das revolucións e o cambio social, o estadounidense Charles Tilly, a democracia é un lago. Ten propiedades distintivas e unha lóxica propia, pero fórmase de diferentes xeitos, cada un dos cales retén trazos dunha singular historia. Igual que un lago. Ao sur do Mediterráneo, a explosión da denominada "primavera árabe" evidenciou un extraordinario desexo de liberdade política e de xustiza social, ademais dun total rexeitamento do autoritarismo, a corrupción e o nepotismo. Estes elementos conformaron o corpus das "revolucións" que, de forma inclusiva naquel intre, fundaban un novo pacto social cidadán, susceptible de edificar os cimentos de sistemas autenticamente democráticos. A rapidez coa que os déspotas foron desposuídos do seu cetro de mando dexenerou en euforia, un estado de ánimo de perniciosos efectos, como se comprobou ulteriormente, xa que cegou aos actores directamente implicados nos movementos á pé de rúa, ademais de a analistas, observadores, estadistas e dirixentes de todo o planeta. Desatendeuse o proceso, necesaria e obrigadamente arduo e complexo, como ocorre en calquera momento transicional, dirixíndose toda a atención cara o anhelado resultado, e relativizando calquera variable susceptible de escurecer tan idílica estampa, o pretendido feito democrático. Co devir da actualidade, do estado de cousas realmente existente sobre o terreo, que tempera o entusiasmo primeiro, os principios "revolucionarios" vense confrontados á práctica. Nesta nova etapa do cambio entran xa en liza actores políticos organizados, con conviccións e intereses ben diferenciados, que obvian que calquera momento fundacional esixe un mínimo entendemento, de certa flexibilidade, de concesións capaces de consolidar un consenso elemental que permita a todo o mundo vivir baixo un mesmo marco institucional e xurídico. No particular caso exipcio, o lago democrático bebe dunha antiga e sobranceira polarización ideolóxica aliñada por unha ética da convicción rigorista e excluínte, sen apenas marxe para aquiescencias durables, impregnado todo dun devastador e instintivo maquiavelismo, ancorado en antergas e profundas animadversións. O Exipto "posrevolucionario" é excluínte por natureza. E os actores políticos non viron máis aló dos seus postulados, dunha momentánea relación de forzas favorable, aquí e agora, deixando a diversidade política, social e cultural ad kalendas graecas. Os Irmáns Musulmáns tiveron a oportunidade histórica de inserir ó país dos faraóns na senda da edificación institucional democrática e da consolidación do pluralismo. Sen embargo, enrocados nas súas sectarias conviccións, tomándose por finos estrategos, máis intelixentes que

Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

191

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

o resto, cunha lectura a todas luces errónea da vitoria de Mohamed Morsi na segunda volta das presidenciais sobre un candidato, Ahmad Chafiq, epidemicamente identificado co antigo réxime. A islamita irmandade creu dobregar ao poder militar, quitándose do medio ao mariscal Mohamed Hussein Tantaoui e nomeando á fronte da institución castrense ao xeneral Abdel Fattah Al Sissi, reputado polo seu conservadorismo e piadosa práctica relixiosa. A confraría islamita creu representar a cada un dos exipcios, habida conta que todos os demais (liberais, nacionalistas, laicos, esquerdistas e salafistas) lles tiñan cedido o seu voto, sen apenas tomar conta de que se trataba dun xesto que pretendía pasar páxina do antigo réxime. E como a relación de forzas lles resultaba favorable, os Irmáns Musulmáns persuadíronse a eles mesmos de que todo estaba permitido. Non só a implementación da súa axenda ideolóxica, senón tamén a exclusión para con todos aqueles que non comulgaban co seu credo, coa súa particular visión do mundo, coa súa máxima "o islam é a solución". De xeito autoritario, nuns poucos meses os Irmáns Musulmáns creron posible facer o que os islamitas turcos anceian levar a cabo desde hai unha década, a saber, o control de todas e cada unha das estruturas do Estado para utilizalas contra os seus opositores, ao servizo dun proxecto ideolóxico co que non comulga a maioría da poboación. A islamita confraría valeuse da aritmética democrática para acceder ao mando do país e logo, unha vez instalada, minar a separación de poderes e arremeter contra as minorías, a liberdade de expresión e mesmo os dereitos das mulleres. Alzados na presidencia, controlando de xeito paulatino todos e cada un dos resortes político-administrativos de natureza estática, tanto na administración nacional como rexional, os Irmáns Musulmáns perderon o sentido da vívida realidade. Esqueceron que ser musulmán, mesmo practicante, non significa necesariamente ser islamita, e moito menos simpatizante da súa particular organización. É así como a irmandade de Mohamed Badie, guía supremo da confraría e, por ende, auténtico presidente de Exipto, mesmo por riba do propio Morsi, logrou poñer a todo o mundo na súa contra. Foi precisamente o unanimismo da rúa contra o poder islamita en liza o que dotou de lexitimidade ao golpe militar encabezado polo xeneral Al Sissi, que abriu unha nova e incerta etapa no proceso transicional exipcio. Os anti-Morsi, ao igual que fixeron os Irmáns Musulmáns, están persuadidos de que poden rematar co islamismo a través da única represión. Unha cousa é constatar que os Irmáns Musulmáns non representan a todos os exipcios, pero outra moi diferente é significar que non representan absolutamente nada ou a ninguén. Co exército á fronte, os outrora opositores están a facer gala do mesmo maquiavelismo instintivo que os seus adversarios, na orixe de numerosas críticas sobre o devir do proceso de construción democrática en Exipto, sobre todo en Occidente. E todo a sabendas de que a única solución pasa por romper o círculo de exclusión e contra-exclusión, para que os diferentes afluentes poidan converxer por fin no lago exipcio da democracia

192

Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

Un antigo e profundo enfrontamento A presenza dos Irmáns Musulmáns en Exipto é antes que nada unha reacción á dominación británica. Non é casual que Hassan El Banna, teólogo e profesor de instituto, funde a irmandade en 1928 en Ismaïlia, unha cidade intimamente vinculada á posta en marcha da Canle de Suez e poboada en meirande medida por funcionarios estranxeiros. A confraría oponse á ocupación militar británica, facendo especial fincapé na loita contra a pobreza e o subdesenvolvemento, que atribúen ao imperialismo económico e ao "declive da moralidade", froito todo da imposición cultural. Os Irmáns Musulmáns comprométense a guiar e educar aos crentes na senda da relixión, sendo a súa finalidade última a total islamización da sociedade. "A relixión é a solución", é a súa máxima. Cunha vertente social e outra política, o grupo predica entre universitarios e campesiños, non deixando de medrar e incrementar a súa influencia. A organización tamén desenvolve unha sección paramilitar, que protagoniza unha campaña de atentados e asasinatos contra os colonos. O 15 de novembro de 1948, dous oficiais británicos son asasinados e o 8 de decembro os Irmáns Musulmáns son oficialmente disoltos por vez primeira. O 28 de decembro o Primeiro Ministro, Mahmoud Fahmi Nokrashi, é asasinado por un membro da irmandade. Os más destacados persoeiros da confraría son detidos e o seu fundador e morchid (guía), Hassan Al Banna, é asasinado o 12 de febreiro de 1949. Nos seus comezos, os Irmáns Musulmáns atópanse fortemente asociados á loita nacionalista, mantendo relacións máis ou menos cordiais cos Oficiais Libres, que se ven atraídos pola súa retórica anticolonial impregnada de relixión, que calla facilmente entre a poboación. O 23 de xullo de 1952, o rei Farouk I é derrocado e o 18 de xuño do vindeiro ano é oficialmente proclamada a República. A non islamización do país a través da nova Constitución é considerada unha traizón en toda regra, a ollos dos Irmáns Musulmáns. En 1954, un elemento do brazo armado da organización tenta asasinar a Gamal Abdel Nasser, que entón é xefe de Goberno, fito que da inicio á persecución dos Irmáns Musulmáns e ao enfrontamento coa institución militar. Os membros da confraría son detidos, torturados e empuxados ao exilio. Acusados de "complot contra o réxime", a partires de 1965 desátase unha segunda onda de represión. Trala morte de Abdel Nasser, con Anouar Al Sadate no poder a partires do 15 de outubro de 1970, reláxase a persecución. Os Irmáns Musulmáns son liberados e os que están no exilio son autorizados a regresar a Exipto. O guía supremo, Hassan Al Hobeidi, sucesor de Al Banna en 1951, tamén e posto en liberdade. Al Sadate instrumentaliza aos Irmáns Musulmáns contra naseristas e esquerdistas. Durante anos, a irmandade recruta de forma impune nas universidades do país. A viaxe do presidente Al Sadate a Xerusalén en 1977 supón un punto de inflexión nas relacións entre o Estado e a confraría. Os Irmáns Musulmáns condenan os acordos de Camp David, asinados o 18 de decembro de 1978 por Al Sadate, o primeiro ministro israelí, Menachem Begin, e o presidente estadounidense Jimmy Carter. O acordo de paz entre Exipto e Israel Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

193

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

de 1979 supón o definitivo divorcio entre as autoridades e a confraría islamita. A situación non cesa de degradarse e a partires de 1981 multiplícanse os enfrontamentos interconfesionais. Os Irmáns Musulmáns contan cuns dous millóns de adeptos, só en Exipto. En setembro, Al Sadate ordena o arresto de miles de opositores e relixiosos, entre os cales se atopa Omar Al Tilmisani, mourchid da irmandade. O 6 de outubro de 1981, unha célula de Al Jihad asasina ao presidente Al Sadate. Tralo proceso aos asasinos do presidente, o seu sucesor, o xeneral Hosni Moubarak, ratificado no posto de xeito unánime vía unha consulta popular celebrada o 13 de outubro, avoga por relaxar o cerco á irmandade, permitíndolle desenvolver o seu labor de predicación e caridade a condición de non albergar ambicións políticas. Namentres, os Irmáns Musulmáns continúan coa súa empresa de penetrar a sociedade exipcia, facéndose agora poderosos no seo das organizacións profesionais e sindicais. Tamén se operan avances no eido a priori proscrito para eles, o político. Deste xeito, durante as lexislativas de 1984, os Irmáns Musulmáns rexístranse como candidatos independentes, obtendo 8 escanos. Dous anos despois, en 1986, gañan 36 representantes. Moubarak mantén o sentido das políticas do seu predecesor a nivel rexional e internacional, ao tempo que trata de lidar coas presións para instaurar un sistema autenticamente democrático en Exipto. A partir de 1992, durante a primeira guerra do Golfo, os grupos islamitas radicais vense reforzados coa volta masiva de jihadistas de Afganistán, que desatan unha guerra contra o réxime "impío" de Moubarak. Multiplícanse os ataques contra as forzas de seguridade, turistas e cristiáns coptos. Os atentados ofrecen ao poder a oportunidade de moderar o proceso de apertura e reforzar os servizos de seguridade. Acusados de complicidade nas violencias, os Irmáns Musulmáns son privilexiados na persecución das autoridades. Confrontados a unha forte represión, as novas xeracións da irmandade reflexionan sobre a conveniencia de operar un cambio de estratexia. Deste xeito, o cambio xeracional sanciona a tendencia política e entrista da organización. A pesares dos arrestos e violencias durante os escrutinios, a confraría, prohibida pero tolerada de facto, obtén 88 escanos nas eleccións lexislativas de 2005, converténdose na primeira forza de oposición no hemiciclo. En paralelo, a presión das forzas de seguridade non cesa un ápice. En 2010, as autoridades amañan os comicios e ningún "irmán" resulta electo. Namentres, sucédense as loitas entre diferentes correntes no seo da organización islamita e Mohamed Badie, representante da vella garda, imponse como mourchid. A "primavera árabe" aínda está por chegar.

Apoxeo e miseria do presidente islamita A pesares de que a situación de inestabilidade interior e rexional xustifica a lentitude das reformas democráticas na era Moubarak, as presións internacionais terminan por incitar ao xefe de Estado a propoñer unha reforma da Constitución que, aínda que con importantes restricións, permite a participación de varios candidatos

194

Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

nas eleccións presidenciais do 7 de setembro de 2005. Despois dun controvertido escrutinio, que algúns chegan a cualificar mesmo de "fraudulento", Hosni Moubarak é reelixido para un sexto mandato consecutivo cun 88,6% dos sufraxios. En 2011, un novo contexto alimenta o descontento dos exipcios. A delicada situación económica do país e o derrocamento do presidente tunesino, Zine El Abidine Ben Alí, tralo desencadeamento da "revolución xasmín", empuxan aos contestatarios á saír ás rúas, protagonizando multitudinarias marchas que teñen como epicentro a Praza Tahrir, no Cairo. Os manifestantes reclaman reformas democráticas, a fin da corrupción e a inmediata partida do presidente. A pesares da forte represión inicial e dos intentos de sufocar a revolta, a situación vólvese insostible e Moubarak vese na obriga de ceder. O veterano militar disolve o Goberno, nomea a un vicepresidente e anuncia que non se presentará a unha nova reelección. A rúa estima que os xestos do raïs non son suficientes. As mobilizacións non se deteñen e o 11 de febreiro o Xefe de Estado vese impelido a abandonar o seu posto. Coa xefatura do Estado vacante, o exército ofrécese como garante da transición, comprometéndose a deixar o poder en mans dos civís chegado o momento. Á cabeza do país sitúase o Consello Supremo de Forzas Armadas liderado por un poderoso e veterano militar, o mariscal Tantaoui. A chegada ao poder dos Irmáns Musulmáns explícase en certa medida polo calendario electoral que o propio exército impón trala caída de Moubarak. A celebración de comicios lexislativos a finais de 2011 deixa en evidencia que as formacións políticas nacidas durante o curso das mobilizacións non son capaces de organizarse de xeito suficiente e adecuado, nin desenvolver auténticas campañas electorais. Son polo tanto os Irmáns Musulmán, o movemento mellor estruturado, quen se fan coa vitoria na cita coas urnas. Estes gozan dunha ampla popularidade e son os únicos en dispoñer de sólidas bases locais. Controlan hospitais, escolas e a súas accións sociais lles permitiron sobrevivir baixo o xugo de Mourbarak. E todo a pesares de non ter xogado un rol de primeira orde durante as manifestacións de principios de 2011. A irmandade permaneceu á marxe durante un certo tempo, antes de decidir a súa adhesión ao movemento contestatario, o cal non lle impediu facerse coa maioría parlamentaria e logo, no verán de 2012, coa presidencia na figura de Mohamed Morsi. Unha vez no cargo, o presidente Morsi trata de acapararse de xeito rápido do poder. O mandato presidencial está marcado por un enfrontamento co poder xudicial. Desde os primeiros meses de presidencia, os xuíces da Alta Corte Constitucional disolven o Parlamento recen elixido e declaran a Cámara Alta e a Asemblea Constituinte como anticonstitucionais. En resposta, Morsi abrógase os poderes lexislativos e declara os seus decretos inatacables. Inmerso nunha guerra contra as autoridades xudiciais, chégase a poñer sobre a mesa un proxecto de lei para diminuír a idade de xubilación dos maxistrados, unha medida destinada a substituír a uns xuíces refractarios do antigo réxime por outros máis novos e ideoloxicamente máis próximos ás teses dos Irmáns Musulmáns. Esta tentativa de infiltrar a cúpula xudicial entronca coa crítica sobre os intentos de islamización do Estado. Son recorrentes as denuncias Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

195

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

sobre un acaparamento xeral dos resortes de poder e administrativos en aras de asegurar o seu control a longo prazo. A nominación de até sete gobernadores - sobre un total de 17 - afiliados á confraría islamita o 16 de xuño de 2012 suscitou unha vaga de indignación en todo o país. Morsi, que gustaba de presentarse como o primeiro presidente civil democraticamente electo de Exipto, tamén decepcionou en materia de política exterior, reproducindo os mesmos esquemas que o seu predecesor, mesmo no seu apoio á política rexional de Estados Unidos. O máis recente, a ruptura repentina, o 15 de xuño de 2013, das relacións diplomáticas con Siria, dous días despois de que a Casa Branca anunciara o seu apoio militar aos insurxentes sirios. E tralo desvío das augas do Nilo iniciada o 28 de maio por Etiopía en previsión da construción dun novo encoro, moitos exipcios non puideron evitar subliñar que Adis Abeba nunca tería tomado unha tal iniciativa de xeito unilateral durante o mandato do antigo presidente Moubarak. Despois de ter acadado un 78% de opinións favorables tres meses despois da súa chegada ao poder, a cota de popularidade do Xefe de Estado islamita caeu de xeito significativo. Segundo unha sondaxe realizada a finais do mes de maio de 2013 polo Centro Exipcio para a Investigación sobre a Opinión Pública (Baseera), só un 42% de exipcios xulgaban "satisfactoria" a acción do presidente, estimando que este non tiña conseguido introducir cambios significativos nin realizar os obxectivos da "revolución". Para moitos, Mohamed Morsi non facía senón reproducir as políticas do antigo réxime baixo unha nova forma, pecando dun exceso de autoritarismo. O desencanto era tal que algunhas voces chegaban a lamentar publicamente o derrocamento de Hosni Moubarak. No eido económico, o país atravesa entón unha conxuntura delicada, superando o déficit público o 11% do PIB. Os exipcios viven unha difícil situación marcada polos cortes de electricidade e auga corrente, así como a carencia de combustible e produtos de primeira necesidade como, en ocasións, o pan. A inflación e o paro non cesan de aumentar. En maio de 2013, a taxa de inflación elevábase ao 9% e durante primeiro trimestre do ano a taxa de paro era do 13,2%, fronte o 12,6% durante o mesmo período de 2012. A nova política fiscal fixa no 30% o imposto para rendas superiores a cinco millóns de liras (530.000 euros) anuais, un baremo moi inferior ao practicado en países como Francia, onde un ingreso equivalente é taxado ao 45%. Nun país onde en 2011 o 25% da poboación vivía por debaixo do limiar da pobreza, a xustiza social nunca foi unha prioridade para Morsi, que en materia económica tamén se limitou a seguir a política neoliberal do seu predecesor. A inseguridade e a criminalidade aumentaron de xeito substancial. A política autoritaria e sectaria do presidente, xunto coa precarización da situación económica, fan que Morsi perda os xa de por si precarios apoios de revolucionarios e os liberais, que lle outorgaran o seu voto para impoñerse ao candidato que encarnaba o antigo réxime, Ahmed Chafik, a quen venceu cun 51,8% de sufraxios. No seo mesmo do movemento islamita cada vez máis salafistas critican a deriva gobernamental. Morsi tampouco dispón de apoios relixiosos, nin de parte do gran imán de Al Azhar, Ahmed El Tayeb, e moito menos

196

Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

do novo papa copto, Teodoro II, cuxa comunidade é obxecto de recorrentes discriminacións e ataques de parte dos adeptos do presidente. O Goberno vacila.

O exército ou o caos O 3 de xullo de 2013 Mohamed Morsi é destituído despois de varios días de manifestacións. Os contestatarios tiñan planificado o Movemento do 30 de xuño desde había meses a través da campaña Tamarrod (rebelión), unha iniciativa popular que obtivo un éxito desmesurado e que demandaba como máxima reivindicación a marcha do actual Goberno. A estes sumouse a Fronte de Salvación Nacional, unha coalición que reagrupa aos principais partidos e figuras da oposición liberal a Mohamed Morsi. A intervención do exército na destitución do presidente suscita a cuestión do lugar da institución castrense no Exipto post-Moubarak. Pódese entender a fin de Morsi como unha desfeita democrática, habida conta que a destitución non se fixo por vía electoral. Pero para algúns esta intervención é lexítima porque reflicte o anhelo dunha maioría de exipcios. Analistas e observadores apuntan como namentres a revolución de 2011 foi iniciada polas clases medias ou acomodadas, os máis recentes acontecementos son debedores dunha meirande implicación dos medios populares, que son as primeiras vítimas da crise económica e do baleiro de seguridade. Semella evidente que a implicación do exército nos acontecementos é interesada. Asemade, é imposible gobernar Exipto sen o apoio dos militares. A Constitución de 2012 votada por un parlamento de maioría islamita concedía un estatuto e independencia ao exército sen precedentes. Púxose de relevo entón a existencia dunha sorte de acordo implícito entre os Irmáns Musulmáns e a cúpula militar en orde a delimitar os respectivos ámbitos de influencia. Sen embargo, o acordo non podía durar pola mesma natureza da organización islamita e os seus apoios financeiros, habida conta que representaban unha ameaza para o exército, cuxa cúpula se sitúa á fronte de todo un imperio económico. Máis aló da competencia sobre determinados mercados e a economía pública, o comportamento dos Irmáns Musulmáns, que axiña intentaron tomar o control das principais administracións do país, foi certamente percibido polos xenerais como una ameaza para a súa caste. Así as cousas, os violentos enfrontamentos entre as forzas da orde e os Irmáns Musulmáns marcan a actualidade do país desde o derrocamento do presidente islamita. Tralo derrocamento de Morsi, o desmantelamento do campamento de protesta islamita na praza Rabâa Al Adawiya tería deixado un saldo de máis de 280 mortos. O asasinato de 25 policías en Rafah, na Península do Sinaï, a proximidade da fronteira con Gaza, foi o atentado islamita máis violento dos últimos anos na zona, elevando a 102 os perecidos entre as forzas de seguridade unha semana despois do relevo á fronte da xefatura do Estado. A isto hai que engadir a morte de 37 presos da irmandade, asfixiados en circunstancias aínda non dilucidadas nun furgón penitenciario. Durante as semanas posteriores á deposición do presidente islamita, o saldo Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

197

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

foi de más de cinco centos mortos, centos de feridos e arrestos. Asemade, as forzas de seguridade atacaron ás instancias dirixentes da organización islamita. A noite do 19 de agosto de 2013, o guía supremo dos Irmáns Musulmáns, Mohamed Badie, de 70 anos de idade, foi detido nun apartamento do barrio de Nasr City, no noroeste da capital, en aplicación dun mandato xudicial ditado o 10 de xullo, unha semana despois das grandes manifestacións contra a confraría islamita. Acusado de "incitación á violencia e ao asasinato", a sorte de Badie está en mans dos tribunais, ao igual que a dos seus adxuntos Khairat Al Chater e Rachad Bayoumi, así como a do presidente do Partido Liberdade e Xustiza, Saâd Al Katatni, e outros importantes dirixentes da irmandade, incluído Mohamed Morsi, acusado de "complicidade en asasinato e tortura". Reprimindo sen concesións as mobilizacións dos partidarios do deposto presidente Morsi, o exército non fai senón retomar o enfoque privilexiado ao encontro dos Irmáns Musulmáns durante a mais recente historia do país, baixo os mandatos de Gamal Abdel Nasser, Anouar El Sadate e Hosni Moubarak. O xeneral Abdel Fattah Al Sissi ten decidido dobregar á irmandade islámica custe o que custe, e caia quen caia. Ao igual que en épocas precedentes invócase a ameaza terrorista e os lazos que a organización mantén con grupos extremistas armados. O exército é ante todo un actor político que se enfronta desde hai décadas á confraría islamita, unha organización que supón unha ameaza á hexemonía militar. O recurso á forza é defendido polo groso dos partidos laicos, amplos sectores do Movemento 6 de abril, punta de lanza da revolución de 2011, e o movemento Tamarrod. "O terrorismo e a violencia téñense convertido na relixión e hábito cotiá destes grupos islamitas", expresa un comunicado de Tamarrod virado en Internet, amosándose partidario de constituír "comités populares" de apoio ás forzas da orde. Para tranquilizar a esta franxa da poboación, o 18 de agosto, o xeneral Al Sissi afirmou en declaracións aos medios de comunicación que o país non se pregaría diante dos "terroristas", en clara alusión aos Irmáns Musulmáns. A loita entre Irmáns Musulmáns e o exército confirmaría unha antiga tese segundo a cal o mundo árabe estaría eternamente condenado a escoller entre un réxime autoritario, militar ou civil, e unha teocracia. Non obstante, se ben minoritaria, en Exipto tamén existe unha terceira vía autenticamente democrática, encarnada por un conxunto heteróclito e desunido de esquerdistas, liberais e militantes dos dereitos humanos. Estes rexeitan os dous extremos da alternativa, tanto exército como islamitas, e a súa neutralidade é acollida con desconfianza polos dous campos. Máis aló do orixinal dalgunha das súas iniciativas, o movemento "nin-nin" (nin Irmáns Musulmáns nin exército) non consigue atraer a un gran número de persoas nin a atención dos medios de comunicación. A finais de xullo protagonizaron varias mobilizacións baixo o epígrafe "A terceira praza", buscando distinguirse dos islamitas de Praza de Rabaa Al Adawaya et dos partidarios do exército que se dan cita na Praza Al Tahrir. O 1 de agosto de 2013, sen ir mais lonxe, unha delegación de representantes de ONG exipcias facíase expulsar de xeito violento dunha sentada na propia Praza de Rabaa

198

Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

Al Adawya organizada pola confraría islamita co único obxecto de amosar aos corpos e forzas de seguridade do Estado que os contestatarios non escondían armas no seu campamento. A súa meta, romper a visión maniquea que existe da situación en Exipto.

Reacción extra muros A percepción da sucesión de acontecementos na fronte interior contrasta moito coa imaxe que prevalece en Occidente. As secuencias de violencia expostas nos medios de comunicación de masas e as redes sociais teñen feito reaccionar ás chancelerías occidentais que, premidas polas súas respectivas opinións públicas, timidamente teñen condenado a deriva do exército. Occidente, con Estados Unidos á fronte, tiña soñado un Exipto gobernado por uns Irmáns Musulmás subitamente reconvertidos á democracia e respectuosos dos tratados internacionais. Tíñase obviado que a fin última da irmandade islamita era a toma, total e absoluta, do poder, e que os eventuais compromisos adquiridos non eran senón etapas necesarias a franquear, reflexo dun determinado estado de forzas nun momento dado. Occidente tiña pasado por alto a inexperiencia e falta de preparación das elites islamitas para a xestión dun Estado moderno do que depende a realidade de millóns de cidadáns. Tíñase minimizado o impacto da promulgación dunha Carta Magna non exenta de aspectos reaccionarios e moi excluinte. Tíñase pasado por alto o risco de sectarismo e división, o comunitarismo intrínseco á irmandade. Estados Unidos semellou titubear de portas para fóra, se ben analistas e observadores están certos de que Washington non fará nada que poida contrariar a Tel Aviv, que prefire ver no poder a unha cúpula militar coa que sempre estivo en bos termos. En Europa, os embaixadores exipcios teñen sido convocados polos diferentes gobernos. Trala reunión mantida polos principais responsables comunitarios para fixar unha posición común, e ao igual que ocorre con Siria, semella que Bruxelas non sabe de qué lado posicionarse, ou de qué contentarse. Semella indicar que os dirixentes europeos se decantarán de xeito discreto por un exército laico sostido por amplos sectores da poboación antes que pola difusa nebulosa islamita. Como primeiro socio económico de Exipto e principal achegador de turistas, Europa benefíciase a primeira vista dunha certa influencia. Máis aló do apoio que Bruxelas tiña aportado a Moubarak, o ente comunitario non pode máis que soster o país dos faraóns, sexa cal sexa a forma do novo réxime. É grazas a Exipto que Europa está presente no Medio Oriente. Doutra banda, O Cairo xoga un rol central na loita contra o terrorismo. A perspectiva da proliferación de Al Qaeda no Magreb Islámico na rexión do Sinai, onde se atopa o gasoduto israelo-exipcio, é alarmante. Para os europeos, é fundamental que Exipto non se converta nun terreo fértil para o radicalismo islamita. Relegando aos Irmáns Musulmáns á clandestinidade se elimina a posibilidade de asentar un islam político moderado e a participación da confraría no novo proceso político Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

199

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

podería ser percibida como un símbolo de progreso, recoñecendo a opción política dun bo número de exipcios, ao tempo que se contrarresta un eventual auxe dos radicais salafistas do movemento Al Nour. A mellor opción para Europa non é outra que incidir na reconciliación nacional e o diálogo construtivo e inclusivo. Namentres a Unión Europea valora a resposta a adoptar e Estados Unidos afirma "examinar" a súa axuda a Exipto, valorada en 1,5 mil millóns de dólares anuais, Arabia Saudita e Emiratos Árabes Unidos teñen manifestado a súa disposición a compensar calquera minoración da contribución occidental ás arcas do país dos faraóns. Todos os países do Golfo, Xordania e Iraq teñen saudado a destitución de Morsi. Alxeria e Marrocos pola súa banda deploraron a "efusión de sangue" se ben se abstiveron de condenar o golpe do xeneral Abdel Fattah Al Sissi. Só a Tunicia de Ennahda, partido islamita cuxa matriz son os propios Irmáns Musulmáns, e o Hamas palestino teñen denunciado o que consideran un "golpe de Estado". Catar é o gran perdedor da evicción de Morsi. A caída do dirixente islamita exipcio, a delicada situación que atravesa Ennahda en Tunicia, a crise libia e as consecuencias no Magreb e no Sahel, tendo en conta o estado de cousas en Siria, supoñen o fracaso da diplomacia catarí, que en virtude dos seus inxentes recursos económicos favoreceu a instauración de réximes dominados polos Irmáns Musulmáns, do Atlántico ao Golfo Pérsico. O islam político sae debilitado desta crise política que ben podería favorecer ao seu grande rival, o islam salafista, pero tamén ao mesmo nacionalismo árabe. Arabia Saudita, que ten visto en tela de xuízo o seu liderado no mundo islámico polas veleidades catarís pero tamén pola irrupción de Turquía no contexto medio oriental, non vía con bos ollos a chegada ao poder dos Irmáns Musulmáns en Exipto, cunha ideoloxía e proxecto político que é próximo do AKP turco. Unha alianza entre O Cairo e Ankara, as capitais dos dous principais países musulmáns sunitas apoiados por Washington, podería romper os xa de por si fráxiles equilibrios na rexión, reducindo de xeito considerable o rol de Riad. Neste senso, cabe tamén destacar a posición da Turquía do islamita Recep Tayyip Erdogan, que durante os últimos anos tense erixido en potencia diplomática rexional e que si ten arremetido contra o golpe de Estado militar desde o principio, condenando ao exército e mesmo o "laxismo occidental", e reclamando medidas do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. Ankara, que non conseguiu aínda dobregar ao poder militar turco, non estaría de todo a salvo dun escenario como o exipcio. Pero as mensaxes de condena apenas si teñen efectos na fronte interna. A represión da confraría islamita non ten feito decrecer o apoio do pobo ao exército, que goza de gran lexitimidade nas actuais circunstancias, sendo considerado como a columna vertebral do país.

Nova folla de ruta Os dramáticos desenvolvementos en Exipto ameazan con conducir ao país cara unha guerra civil. Os máis pesimistas evocan unha reprodución do "esquema

200

Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

alxerino" dos anos noventa do século pasado, cando a institución castrense anulou os resultados dos comicios nos que se impuxo a Fronte Islámica de Salvación. Na casuística exipcia, un dos bandos estaría encabezado polo exército, liderado polo novo home forte do país, o xeneral Abdel Fattah Al Sissi, apoiado por partidos e organizacións laicas. No outro bando se situarían as hostes islamitas, radicalizadas e secundadas, cada vez mais, por extremistas chegados de todo o planeta. Lonxe de languidecer trala represión á que se teñen visto sometidos, os Irmáns Musulmáns están máis decididos ca nunca a proseguir as súas protestas, chamando a novas manifestacións, explotando até o extremo a súa máis recente calidade de "mártires", de vítimas dos excesos do poder militar. Nesta orde de cousas, o Estado árabe de referencia e o máis poboado preséntase como o máis recente campo de batalla da jihad global. Un escenario non exento de gravísimos riscos, a sumar aos xa existentes nunha rexión xa de por si convulsa. Tras varios días de negociacións entre militares e a Fronte de Salvación Nacional, a composición do novo Goberno foi por fin desvelada o 16 de xullo. Adly Mansour é nomeado presidente. O novo primeiro ministro non é outro que Hazem El Beblawi, que dispón dun Goberno de 34 ministros onde a antiga oposición laica e liberal obtén varias carteiras importantes. A composición do gabinete, que tamén inclúe a tres coptos e tres mulleres, non é do agrado dos salafistas de Al Nour, que finalmente decidiron retirarse da mesa de negociación. Desde entón, o novo Executivo cristaliza as expectativas do pobo exipcio, que padece a violencia do cambio de réxime. As manifestacións dos anti e pro Morsi son numerosas e sáldanse a diario con mortos, feridos e arrestos, sobre todo do lado islamita. O retorno á senda do crecemento é a prioridade absoluta deste Goberno. Exipto precisa de reformas económicas custosas e dolorosas para a poboación. O Fondo Monetario Internacional reclama a supresión das subvencións aos prezos dos bens de consumo corrente e a enerxía a cambio dun préstamo de 4,8 mil millóns de dólares. Esta necesidade de cartos tamén se traduce pola promesa de donativos de Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e Kuwait, que suporían uns 12 mil millóns de dólares. Tras varios aprazamentos, o proxecto de nova Constitución exipcia foi finalmente adoptado o pasado 1 de decembro por unha Comisión de cincuenta membros nomeados polo Goberno de transición. O texto, que aínda debe ser sometido a referendo popular, consolida o rol do exército no proceso de transición democrática. A institución castrense ve como se manteñen os seus tradicionais privilexios, que datan do derrocamento da monarquía, en 1952, ao tempo que se reforza o seu ascendente sobre a vida política do país. Case tres anos despois da revolta popular iniciada no contexto das denominadas "primaveras árabes", á luz das flamantes disposicións constitucionais, asociacións internacionais de defensa dos dereitos do home intensifican as súas denuncias polo "retorno a un Estado autoritario como o vixente durante a presidencia de Hosni Moubarak", habida conta que na nova Carta Magna os militares parecen preservar a súa independencia, intereses económicos e inmunidade legal. Por unha banda, o presuposto do exército non está sometido ao control parlamentaTempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

201

O labirinto autoritario exipcio / David Alvarado

rio nin gobernamental. Doutra, o exército faise cunha das atribucións do Executivo, obrigando ao equipo gobernamental a obter o seu aval para a nominación do Ministro da Defensa que debe ser obrigatoriamente un militar. Ademais, a partir de agora, os tribunais castrenses teñen absoluta potestade para xulgar a civís que presuntamente teñan delinquido contra persoal ou equipamentos militares. Despois da aprobación do proxecto de Carta Magna pola Comisión Constituínte, o inminente referendo para a súa eventual ratificación marca a primeira etapa do proceso chamado a conducir o país cara a total normalidade política, cinco meses despois do derrocamento do presidente islamita Mohamed Morsi. Á consulta popular debe seguir a organización de eleccións lexislativas e presidenciais. Numerosas voces, sobre todo fóra de Exipto, non cesan de alertar sobre a crecente prominencia dos militares na vida política do país. Despois do levantamento popular do 30 de xuño de 2013 e as manifestacións masivas que conduciron á deposición de Morsi o 3 de xullo, e a subseguinte represión dos Irmáns Musulmáns, o enfrontamento entre exército e confraría islamita acaparou boa parte do espazo político. Namentres, os Irmáns Musulmáns son ilegalizados, volvendo de facto a unha situación equiparable á que se vivía nos anos noventa, cando a organización operaba na clandestinidade, e dentro desta dialéctica, e co parabén de amplas capas da poboación exipcia, a institución castrense non cesou de asentar a súa pominencia. Máis aló dos recorrentes episodios de represión contra o movemento dos Irmáns Musulmans, o pasado 24 de novembro o presidente interino, Adly Mansour, asinou un proxecto de lei dirixido a regulamentar de xeito moi estrito o dereito de folga e manifestación. Unha lei que non dista moito da que no seu momento quixo aprobar o propio Mohamed Morsi cando aínda estaba no poder. O Estado de emerxencia foi suprimido sobre o papel pero os críticos do proceso de transición afirman que a loita do exército contra os Irmáns Musulmáns é unha sorte de pretexto para limitar a esfera dos dereitos e liberdades, e non só dos islamitas. No actual contexto, habida conta da ausencia de políticos de talla, o exército podería escoller gobernar desde a sombra. Pero a emerxencia da figura do xeneral Abdel Fattah Al Sissi como personalidade popular nun país onde o líder carismático é unha institución de referencia podería conducir a cambios na folla de ruta do exército.

David Alvarado é politólogo, xornalista, escritor e consultor especializado no Norte de África e o mundo árabe. É investigador asociado do IGADI.

202

Tempo Exterior / 27 (segunda etapa) - xullo/decembro 2013

Lihat lebih banyak...

Comentarios

Copyright © 2017 DATOSPDF Inc.