Usos do adxectivo \'alegre\' na lírica galegoportuguesa

May 24, 2017 | Autor: E. Fidalgo Francisco | Categoría: Lírica Galego-Portuguesa, Lírica Gallego-Portuguesa, Emociones
Share Embed


Descripción

Medioevo Ispanico Collana diretta da Pilar Lorenzo Gradín

6

Volume pubblicato con il contributo del Ministerio de Economía y Competitividad spagnolo (Progetto: FFI2012-37355) e della Xunta de Galicia (GRC2013-046), con fondi FEDER.

I volumi pubblicati nella Collana sono sottoposti a un processo di peer review che ne attesta la validità scientifica.

Mercedes Brea (ed.)

La expresión de las emociones en la lírica románica medieval

Edizioni dell’Orso Alessandria

© 2015 Copyright by Edizioni dell’Orso s.r.l. 15121 Alessandria, via Rattazzi 47 Tel. 0131.252349 – Fax 0131.257567 E-mail: [email protected] http: //www.ediorso.it Impaginazione a cura di Francesca Cattina È vietata la riproduzione, anche parziale, non autorizzata, con qualsiasi mezzo effettuata, compresa la fotocopia, anche a uso interno e didattico. L’illecito sarà penalmente perseguibile a norma dell’art. 171 della Legge n. 633 del 22.04.1941

ISBN 978-88-6274-649-6

Usos do adxectivo alegre na lírica galegoportuguesa ELVIRA FIDALGO Universidade de Santiago de Compostela

1. Desde que o Profesor Tavani publicara o primeiro estudo global sobre a poesía lírica galego-portuguesa, vense aceptando que o xénero da cantiga de amor – malia a súa “diluzzione concettuale e l’affievolimento stilistico (…) rispetto alla metrice provenzale”1 – é o herdeiro directo da cansó provenzal. Non obstante, aínda subliñando esas limitacións, quen non estea familiarizado coa nosa poesía medieval podería pensar que este novo produto que agroma preto do Atlántico tería herdado, como sería esperable, os trazos característicos que poñen en evidencia o vínculo familiar. Sen embargo, todos sabemos que os fillos non sempre son imaxes idénticas de seus pais e que, moitas veces, non é fácil atopar nos descendentes máis que febles trazos secundarios agachados detrás de fisionomías que aparentemente pouco teñen que ver cos apelidos. Algo parecido lle ocorreu á cantiga de amor: sendo a filla lexítima da cansó trobadoresca, adquiriu en terras do occidente peninsular trazos tan peculiares que só se sabe que pertence á mesma familia porque mantén o indeleble cuño da metáfora do servizo vasalático que pinta o fondo do cadro no que se vai desenvolver a relación amorosa entre o trobador e a dama, ademais dalgúns dos elementos máis significativos que decoran esta paisaxe (como os miscradores, o apóstrofe á senhor, ou os amores segredos, por exemplo). Polo demais, os cadros resultantes son tan diferentes que se diría que os pintores aprenderon en escolas de estilos opostos, aínda que empreguen técnicas e materiais comúns. Polo que respecta á cantiga de amor, as variacións fundamentais derivan do cambio nas tonalidades e no manexo dos materiais empregados, o que dá como resultado escenas bastante máis sombrías cas que coñecemos nos obradoiros dos provenzais. A mudanza é evidente cunha lectura rápida de calquera repertorio ou antoloxía da poesía amorosa galegoportuguesa:2 cos substantivos constrúense expresivas constelacións para reflectir un sentimento dorido, os adxectivos empre-

1 Vid. G. Tavani, La lirica galego-portoghese, Grundriss der romanischen Litteraturen, Vol. II, tomo I, fascículo 6, Heidelberg, 1980, p. 61. 2 Queda excluída nesta lectura a cantiga de amigo, que ten contornos propios.

264

ELVIRA FIDALGO

gados adoitan estar connotados negativamente, e verbos como ‘sufrir’, ‘padecer’, ‘lazerar’, ‘coitar’ ou ‘morrer’, úsanse como sinónimos de ‘amar’. Este panorama percíbese, con leves variacións, na poesía de todas as xeracións de trobadores que foron engrosando a escola desde os seus inicios ata os últimos anos, como demostra o cancioneiro de Afonso Paez (1380-1430 ca.), recentemente recuperado.3 É certo que algúns movementos renovadores se perciben, sobre todo, a nivel formal, ca adopción do refrán ou de diferentes recursos paralelísticos collidos prestados da cantiga de amigo, por exemplo,4 pero a renovación temática tarda en chegar, entre outras cousas, porque o xenio poético dos trobadores prefire experimentar sobre os outros dous xéneros da escola, menos rigorosos que a cantiga de amor, precisamente porque non están sometidos ás débedas que esta soporta con respecto á matriz provenzal.5 Por iso, causa unha grande sorpresa poder atopar, no medio deste homoxéneo corpus atormentado, certas cantigas nas que a mensaxe que se percibe é contraria á predominante, xa que o trobador se revela satisfeito na vivencia do seu amor e, incluso, declara escribir porque está contento, pois está namorado.6 Pero choca máis aínda que este sentimento se exprese recorrendo a un adxectivo alleo ao noso léxico patrimonial,7 que xa contaba con ledo, lidiça, lidiçia,8 para manifestar

A edición do cancioneiro corre a cargo de H. Monteagudo, “En cadea sen prijon”. Cancioneiro de Afonso Paez, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2013. 4 Vid. V. Beltrán, A cantiga de Amor, Vigo, Xerais, 1995, pp. 89-99 e 128-149. 5 Nun traballo anterior xa indiquei como, cara o último tercio do século XIII, unha serie de trovadores e xograres tardíos (Don Denis, Johan Garcia de Guilhade, Gonçal’Eanes do Vinhal, Johan Airas, Johan Baveca, Johan de Cangas) usaron a cantiga de amigo para renovar a vella tópica da cantiga de amor, coincidindo co momento en que eses e outros trobadores rexeitaban a morte por amor nas súas cancións, para adoptar ynha postura que intentaba escapar aos ríxidos límites que a tradición impuña ao rexistro aristocratizante. (Vid. E. Fidalgo, “A coita do amigo (para unha nova perspectiva da amiga)”, O mar das Cantigas, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, pp. 189-212). 6 Recoñecemos neste cambio de actitude un intento de renovación absoluta da tópica manexada coa volta ás orixes, o que, efectivamente, supón unha viraxe completa na maneira de interpretar e de expresar o sentimento amoroso. A cuestión desenvolvina con máis detalle en «De nuevo sobre la expresión del joi en la lírica gallegoportuguesa», Literatura y Ficción: “estorias” aventuras y poesía en la Edad Media (M. Haro, ed.), Publicacions de la Universitat de València, 2015, Vol. II, pp. 701-716. 7 Ou quizais, xustamente por iso se busca un novo termo alí onde o “novo” sentimento para a poesía galegoportuguesa fora unha emoción habitualmente expresada. 8 Ledo, adxectivo derivado do LAETUS, -A, -UM latino, que á súa vez, dará lugar ao substantivo laetitia, ‘alegría’. “LAETUS, -A, -UM, adxectif de la langue rustique, ‘gras’”, re3

USOS DO ADXECTIVO ALEGRE NA LÍRICA GALEGOPORTUGUESA

265

un estado de ledicia ou satisfacción persoal, tal como se deduce das referencias que podemos atopar no DDGM.9, Estoume a referir á existencia de certas cantigas onde se emprega o adxectivo alegre (e outros termos que comparten a mesma raíz léxica)10 no seu sentido recto, é dicir, non sometido a manipulacións retóricas que poidan modificar o seu sentido habitual. Estes textos son: Alegre: Don Denis, O gram viç’ e o gram sabor (25 59) Airas Nunez, Pois min amor non quer leixar (14 y 13) Alegrar: Don Denis, Proençaes soen mui bem trobar (25 86) Martin Moxa, Ben poss’Amor e sseu mal endurar (94 6) Roi Fenandiz de Santiago, Ora começa o meu mal (143 8) Alegría: Don Denis, Senhor, que bem parecedes! (25 122) Airas Nunez, Que muito m’ eu pago d’ este verão (14 14).

ferido a terras e animais. “En passant dans la langue commune, l’adjectif a pris le sens de ‘à l’aspect plaisant ou riant, joyeux’”, e será con este senso co que pase maioritariamente ás linguas románicas. Sobre o adxectivo latino crearanse os substantivos laetitā, laetitia. (Vid. A. Ernout – A. Meillet, Dictionnaire Etymologique de la langue latine, Paris, Klinsieck, 1985, p. 337). Por outra parte, Machado indica que ledo en portugués ten o significado de ‘satisfeito’, ‘agradável’, ‘favorável’, ‘de aspecto risonho’, e que con este sentido foi empregado por Don Denis no século XIII (Vid. J.P. Machado, Dicionário etimológico da lingua portuguesa, 2 vols., Lisboa, Confluência editorial, 1952-1959, II, p. 1311), aínda que, como sabemos, o seu uso na poesía medieval das orixes é moito máis estendido e anterior ao rei trobador. 9 DDGM: Diccionario de Dicionarios do Galego Medieval, incluído no recurso electrónico RILG: Recursos Integrados da Lingua Galega, consultable en liña en http://sli.uvigo.es/RILG/. 10 Con respecto a alegre, alegría, Machado remítenos a un termo latino alăcre, ‘esperto, ‘vivo’, ‘expedito’ que entraría na lingua portuguesa a través do provenzal alegre, según indica o R.E.W. Efectivamente, Meyer Lübke sinala que alăcer (derivado dunhas formas *ALICER, *ALECRIS), dará lugar ao francés antigo halaigre, que pasaría, a través do provenzal e do catalán, ao español e ao portugués como alegre (R.E.W., entrada n. 307). O mesmo periplo lle supón o DCECH, aínda que con respecto ao castelán alegre, Corominas dubida de que puidese entrar por vía literaria (como no caso do portugués, onde a derivación culta vén demostrada pola conservación do -l- intervocálico), xa que a lingua non tiña outra palabra patrimonial, como ocorre co noso ledo. Engade que está documentado xa por San Isidoro, como sinónimo de laetus e que as primeiras documentacións en castelán están xa no Poema de Mío Cid (DCECH, 1980, I: 141-142).

266

ELVIRA FIDALGO

Alegrança: Airas Nunez, Amor faz a min amar tal señor (14 2)11

A estas cantigas de amor, aínda lle poderiamos engadir algún exemplo máis que se escapa aos límites do rexistro amoroso, como son un escarnio de Johan Airas, Dizen que ora chegou don Beeito (63 23), unha cantiga moral de Martin Moxa, Per quant’ eu vejo (94 15), un lais, anónimo coma todos, (Ledas sejamos ogemais!, 157 28) e un abultado número de cantigas de Santa María que, aínda que só sexa polo enorme corpus de estudo que representan, sempre ofrecen mostras variadas de practicamente cada cuestión sobre a que se queira discutir no ámbito la poesía medieval (CSM 4, 8, 9, 10, 11, 18, 25, 57, 65, 85, 94, 105, 115, 125, 132, etc.). 2. Seguramente o texto máis famoso desta serie sexa aquel no que se alude directamente aos provenzais, pero permítaseme empezar por outro, tamén de Don Denis e non menos coñecido: O gram viç’ e o gram sabor. A sorprendente sonoridade deste íncipit con xustiza ten reclamado a atención de cantos se achegaron á poética da escola peninsular, pois presenta dous sustantivos que raras veces se atopan xuntos no corpus de amor coa intención de describir o sentimiento do namorado.12 Este innovador arranque é só unha primeira mostra da acumulación de expresións de tono positivo con que se van tecendo os versos sucesivos, que, como se pode advertir, pouco teñen que ver co trillado canto monocorde da cantiga de amor tradicional: O gram viç’ e o gram sabor e o gram comforto que ei, é porque bem entender sei que o gram bem da mha senhor nom querrá Deus que err’ em mi, que a sempr’ amei e servi e lhi quero ca mim melhor. (25 59,1-7)

Estes textos, xunto co corpus completo da produción da escola galego portuguesa, poden atoparse en Brea, 1996 (MedDB 2, consultable na páxina www.cirp.es) e por aquí edito. As referencias numéricas indican o trobador, a primeira, e o número da cantiga, a segunda. 12 Só seis trobadores (Airas Nunez, Diego Moniz, Don Denis, Pero d’Armea, Pero de Ver e Martín Moxa – en tres ocasións –) empregan o substantivo viço para referirse a un estado de felicidade pretendido. 11

USOS DO ADXECTIVO ALEGRE NA LÍRICA GALEGOPORTUGUESA

267

A segunda estrofa reitera o anuncio da felicidade do trobador cuns versos non menos sorprendentes porque máis parecen provir de terras de alén dos Pirineos que ter sido escritos preto do Atlántico: “Esto me faz alegr’ andar / e mi dá comfort’ e prazer”, vv. 8-9). Se a mensaxe é rechamante, aínda o é máis polo material con que está construída, pois a inclusión dese adxectivo ‘alegre’, tan alleo á tradición lírica como ao patrimonio léxico galegoportugués, indica un emprego consciente do termo e, por tanto, a vontade do trobador de afastarse da linguaxe e da mensaxe que viña unificando as xeracións de trobadores que o precederon.13 A impresión corrobórase ca simple lectura da cantiga, que revela que toda ela está edificada con materiais recollidos da poética provenzal cos que se describe un sentimento máis común entre os occitanos que nesta parte da península: gram viço, gram sabor, conforto, gram bem, alegre, gram prazer… son fórmulas raras entre os trobadores galegoportugueses que, pola contra, prefiren gran mal, gran pesar, gran coita, desden, doo, pouco ben, sofrer, lazerar, triste, morrer-morte, e outras expresións análogas, máis acordes co seu estado emocional. Non obstante, e para ser honestos, deberiamos aclarar que Don Denis enseguida se ve na obriga de matizar que este estado de exaltación non é froito dun amor correspondido, senón da convencida esperanza de selo un día, pois é a calidade da dama (“Deus, que lhi fez tanto bem [a la dama], / nom querrá que o seu bom sem / err’ em mim”, vv. 12-14) o que lle infunde ao trobador a confianza en obter a correspondencia ao seu amor (v. 21) como xusto premio a un leal servizo, tal como reflicten os versos da estrofa inicial arriba transcritos; pero esta declaración xa distancia a Don Denis dos seus contemporáneos, que amaban aínda sendo conscientes da esterilidade do seu servizo ao saber que a dama endexamais outorgaría o ben que reclamaban en cada unha das súas composicións.

Non será esta a única vez que o faga. Os exemplos máis destacables son dúas cantigas de amor que inclúen unha explícita alusión aos provenzais no íncipit (unha delas xa está incluída no listado inicial). A outra é Quer’ eu em maneira de proençal (25 99), na que, aparentemente, o monarca declara a súa vontade de seguir o modelo proposto polos occitanos, pero en realidade limítase a compoñer unha cantiga de meestria que dedica íntegramente ao panexírico da dama, motivo certamente inusual na nosa tradición lírica. Pese a ocupar tres das catro estrofas da cantiga, o retrato non achega detalles concretos que individualicen esta senhor frente a calquera outra, pois a descrición redúcese á reiteración de trazos morais comúns a todas as damas galegoportuguesas, a través do habitual artificio da repetición e o paralelismo característicos desta escola, engastados nun molde formal que se fixera moi popular no occidente peninsular e, curiosamente, bastante estraño aos provenzais, que só o emplearon en nove ocasións. 13

268

ELVIRA FIDALGO

3. Tal vez polo cambio de estilo, tal vez polo uso de termos novos para acadar unha tonalidade distinta, o certo é que aquela cantiga do rei portugués comentada arriba debeu causar non pouca sorpresa no seo da escola vencellada á corte castelá. Unha primeira proba é a recuperación da sorprendente alianza de viço e sabor, xeradora de ‘alegria’ no corazón do namorado, que foi recollida – e repetida – por Martin Moxa, trobador de probable orixe aragonesa, contemporáneo de Don Denis pero que exerce a súa actividade poética no entorno da corte castelá de Sancho IV. En Ben poss’ Amor e sseu mal endurar (94 6), non só recupera literalmente o sintagma co que o portugués abría a súa composición («e aquest’é meu viço e meu sabor», v. 7, pechando, por tanto a primeira cobra), senón tamén a súa mensaxe de vontade de permanecer firme no servizo amoroso, confiado na resposta favorable da súa señor que lle ha de conceder o “bon galardon” (v. 18), tal como argumenta na esperanzada fiinda que pecha a cantiga: E por end’ am’ e servh’ e sõo seu, d’ esta senhor, e servi-la quer’ eu, ca bon serviç’ en ben ss’ encimará.

Se cadra, a preferencia de Moxa pola poesía de carácter moral impídelle cantar abertamente un amor completamente satisfeito e, pola contra, prefire manterse na cautela dun amor esperanzado: as bondades que encarecen a valía da súa senhor son tantas que, simplemente, poderlle prestar servizo é motivo de satisfacción (“assy m’alegra no meu coraçon”, v. 17), como xa manifestara Don Denis, pero prescinde da expresión manifesta da ledicia que sinte o rei, representada pola chocante conxunción de “confort’ e prazer”, e o “cuidar” común ten para Moxa un sentido máis recortado. Mentras o primeiro, animado polo contento do seu corazón, pasa o tempo cavilando nas maneiras en que podería obter o “ben” da súa dama (25 59, vv. 8-11), o crego confórmase con ‘cuidar’ para merecer a resposta favorable da senhor. De todos os xeitos, parece terse establecido un diálogo entre ambas as dúas composicións, a xulgar polo elevado número de termos (de diferentes categorías gramaticais) que comparten os versos de ambos autores,14

Sería moi interesante poder concluír en que dirección se establece este diálogo, pero, como se sabe, a falta de indicacións cronolóxicas nos cancioneiros fai imposible a datación exacta dos textos. Polo que veremos máis adiante, poderíase aventurar que a cantiga dinonisina foi escrita cando o portugués era aínda un mozo novo, con afección á poesía – e demostrada pericia –, alentada, seguramente, polos numerosos trobadores que frecuentaban a corte de seu pai. 14

USOS DO ADXECTIVO ALEGRE NA LÍRICA GALEGOPORTUGUESA

269

termos altamente significativos no contexto do discurso amoroso, capitaneados polo verbo alegrar, que eleva estes dous trobadores sobre a capa uniforme dos seus colegas de escola.

4. Non obstante, a mostra máis evidente do impacto causado polo texto dionisino ofrécenola un dos máis excelsos trobadores, Airas Nunez, dono dun riquísimo xenio poético posto de manifesto na súa innovadora poesía calquera que sexa o xénero escollido, que recolle – como tamén fixera Moxa – non só o motivo senón tamén o verso máis salientable da cantiga dionisíaca para construír sobre el dous dos seus máis coñecidos produtos poéticos, nos que o trobador galego entoa un auténtico canto ao amor como fonte de contento para o namorado, que proclama a súa felicidade desde uns versos realmente excepcionais: Pois min amor non quer leixar e da-me esforço e asperança, mal veña a quen se d’el desasperar. Ca per amor cuid’ eu mais a valer e os que d’ el desasperados son non poden nunca nẽũu ben aver, nen fazer ben. E per esta razon con amor quero-me alegrar, e quen tristur’ ou mal-andança quer, non lle dê Deus al, pois s’ én pagar. Pois min amor non quer leixar e da-me esforço e asperança, mal veña a quen se d’el desasperar. Amor faz a min amar tal señor mais fremosa de quantas og’ eu sei, e faz-m’ alegre e faz-me trobador cuidand’ en ben senpr’; e mais vos direi: u se pararon de trobar trob’ eu, e non per antollança, mais pero sei mui lealmente amar. Pois min amor non quer leixar e da-me esforço e asperança mal veña a quen se d’el desasperar. (14 13, vv. 1-24)

Amor faz a min amar tal señor que é mais fremosa de quantas sei, e faz-m’ alegr’ e faz-me trobador, cuidand’ en ben sempr’; e mais vos direi: ............................................................ -ar faz-me viver en alegrança, e faz-me todavia en ben cuidar. Pois min amor non quer leixar e da-m’ esforç’ e asperança, mal veñ’ a quen se d’ el desasperar. Ca per amor cuid’ eu mais a valer e os que d’ el desasperados son nunca poderán nẽũu ben aver, mais aver mal. E por esta razon ............................................. -ar trob’ eu, e non per antollança, mais pero que sei lealment’ amar. Pois min amor non quer leixar e da-m’ esforç’ e asperança, mal veñ’ a quen se d’ el desasperar. (14 2, vv. 1-20).

270

ELVIRA FIDALGO

Aínda que se amosen dous textos diferentes que comparten un gran número de versos, o seu editor prefire falar de dúas versións dun mesmo texto que foi transmitido seguindo tradicións distintas, unha delas dramáticamente alterada pola inexperiencia do copista que se viu sorprendido por unha cantiga tan extravagante desde o punto de vista formal como de contido.15 Sexa como fose, o cambio de ton e tema son evidentes nesta(s) composición(s) con respecto á tradicional cantiga de amor, e aquela sorpresa advertida na poesía de Don Denis convértese aquí en xovial expansión daquel verso inspirador que contiña no seu interior o sintagma máis novidoso (recordemos, “Esto me faz alegr’ andar / e mi dá comfort’ e prazer”, 25 59, vv. 8-9), que será reproducido polo crego santiagués na súa composición como “e faz-m’ alegre e faz-me trobador” (14 13, v. 16), seguramente, participando do asombro causado pola presenza dese adxectivo, alleo ao léxico patrimonial galego, e intencionadamente empregado para destacarse nun contexto no que o adxectivo propio ‘ledo’ describiría exactamente o mesmo estado emocional que, por outra parte, é, como xa dixemos, inusual no corpus poético galegoportugués e que, por mor do emprego de ‘alegre’, convértese en excepcional. A partir deste sintagma común, a esperanza posta nun amor correspondido gracias ás altas calidades da dama – motivo que fora aproveitado por Moxa – transformouse en boca do crego compostelán16 nun canto ao amor e á felicidade que

Vid. G. Tavani, A poesía de Airas Nunez, Vigo, Galaxia, 1992, pp. 24-28. Sen embargo, o texto menos perfecto ábrese con un íncipit calcado sobre os versos doutra famosa cantiga do rei portugués (“Amor faz a min amar / gram temp’ a unha molher / que meu mal quis sempre e quer…”, 25 15, vv. 1-3). Nunez substitúe a “moller” dionisina por unha “senhor” e amor non só converte o namorado en trobador, senón que lle infunde “alegrança”. Particularmente, inclínome a pensar que, máis ben, se trate de ensaios do propio Nunez e que, pola razón que fose, se conservou tamén ese borrador. Non creo que un copista, por letrado que fose, tivese a pericia de incluír ese substantivo estraño, que constitúe un unicum no corpus da poesía amorosa da escola. Por outra banda, aínda que se podería pensar que Martin Moxa recollese en primeiro lugar o reto lanzado por Don Denis e mantivese con el unha postura novidosa con respecto á interpretación do amor que se viña facendo na escola, creo que cando Nunez entrou no xogo, fíxoo para xogar directamente co rei luso. 16 Coñecida é a estratexia do crego compostelán de recoller nas súas cantigas o eco doutras de trobadores galegos ou provenzais (Vid. Tavani, A poesía…, pp. 41-42 e X.X. Ron Fernández, “Citar es crear. El arte de la cita en Airas Nunez”, La literatura en la época de Sancho IV (C. Alvar – J.M. Lucía, eds.), Universidad de Alcalá, 1996, pp. 487-500). Non debemos esquecer a súa condición de chanceler da corte de Sancho IV, onde tivo que ocupar cargos que esixían unha grande habilidade política, tanto dentro do reino como para mellorar as relacións co exterior e coa Santa Sede. Esta circunstancia permitiríalle, 15

USOS DO ADXECTIVO ALEGRE NA LÍRICA GALEGOPORTUGUESA

271

este procura e, por conseguinte, á compracente satisfacción nacida dun sentimento amoroso descoñecido no noroeste peninsular. Como na escola provenzal, será este sentimento o que estimule a creación poética (“faz-m’ alegre e faz-me trobador”), ligando, como xa fixeran os occitanos, a exaltación xerada por amor coa inspiración que rebaixa a un segundo plano a posibilidade dunha techné aprendida, e que no verso de Airas Nunez cobra unha nova dimensión ao permitirlle homologarse ós seus mestres e, en consecuencia, acadar un estadio superior ao dos seus compañeiros de escola. O trobador non só aproveita esta declaración para apartarse da trillada tópica, senón que aínda inclúe outro elemento distorsionador ao declarar abertamente o seu rexeitamento por aqueles trobadores que fan da insatisfacción que senten o leitmotif das súas composicións. Pola contra, el defende a paciencia na espera fronte á desesperación dos outros (“Ca per amor cuid’ eu mais a valer / e os que d’ el desasperados son / nunca poderán nẽũu ben aver”, 14 13,4-6), como único medio para obter o favor da dama, e así o proclama desde o refrán (“Pois min amor non quer leixar / e da-m’ esforç’ e asperança, / mal veñ’ a quen se d’ el desasperar”) que, como dicimos, non só abre a composición, senón que se repite constantemente, en obrigada obediencia á mecánica da estrofa. O desprezo por cantos non se atreveron a transgredir os gastos temas que caracterizan a doutrina trobadoresca apontoa a consciencia do compostelán de estar innovando coa súa poesía, sabéndose máis perito que os demais por ter dado un paso adiante e ter ousado romper o que parecía inamovible: “u se pararon de trobar, trob’ eu e non per antollança, / mais pero sei mui lealmente amar” (14 13,18-20). Chegados a este punto, pregúntome se con estes versos non lle estará recriminando ao xove rei (se admitimos a hipótese de que estas sexan poesías de xuventude) que non fose quen de continuar pola nova ruta que el mesmo abrira e volvese caer na vella tópica de amores desgraciados, desesperando de amor, como indica a fiinda doutra singular cantiga que, paradoxicamente, destaca dentro da extensa produción dionisíaca polo emprego do substantivo alegria. Estoume a referir a Senhor, que bem parecedes! (25 122), pois, se quixeramos establecer unha secuencia na produción poética do rei – imposible de establecer, dada a ausencia total de datas ou calquera outra indicación cronolóxica a carón das súas poesías –, e relacionar este texto ca primeira cantiga súa que mencionamos arriba, logo nos dariamos conta de que as súas esperanzas resultaron erradas, pois

por un lado o acceso á magnífica corte do Sabio, herdada en parte polo seu fillo, e por outro entrar en contacto con ambientes literarios extranxeiros (Vid. G. Lanciani – G. Tavani, Dicionário da literatura medieval galega e portuguesa, Lisboa, Caminho, 1993, pp. 27-28).

272

ELVIRA FIDALGO

nestoutra composición, despois de tan prometedor incipit, Don Denis quéixase de que a sin par fermosura da súa senhor é só equiparable á súa altanería, impresión que aparece condensada na fiinda da súa canción, onde o substantivo ‘alegría’ é utilizado para sinalar a falta da emoción que designa o vocábulo: Da vossa gram fremosura, ond’ eu, senhor, atendia gram bem e grand’ alegria mi vem gram mal sem mesura (vv. 15-18)

Unha vez máis, a pericia do trobador bota man dun termo inusual para indicar a carencia do referente, de modo que o substantivo multiplica o seu potencial evocador ao ser contrastado co peso e a gravidade do verso seguinte, que si nomea o que o trobador recibe en pago ao seu amor. A alegría e a esperanza no amor dunha dama perfecta física e moralmente, fonte de ledicia, pereceron morrer naquela primeira cantiga inspiradora, e a poesía do monarca luso volve esmorecer na paisaxe dorida da cantiga de amor prototípica. De todos os xeitos, os luminosos lampexos da poesía dionisíaca (e seguramente, tamén a intervención de Moxa no xogo poético) deberon causar fonda impresión no xenio poético de Airas Nunez, porque o compostelán prolonga o diálogo co portugués por medio da famosísima cantiga Que muito m’eu pago d’este verão (14 14), na que o crego recupera o motivo do exordio primaveral tan característico da cansó occitana pero que, como se sabe, está absolutamente ausente na cantiga de amor. Con esta canción, que destaca polo decidido ton optimista dos seus versos, Airas Nunez convértese no cantor por excelencia do amor como fonte de contento e felicidade,17 aventaxando dese xeito o precursor Don Denis, con este texto de dúas únicas estrofas singulars, rematadas por unha fiinda que concentra o motivo fundamental da cantiga: a alegría do poeta só pode compararse ao gozoso espectáculo da natureza en primavera:

Sen que iso queira dicir que non sume a súa voz á doutros trobadores que cantan os seus amores desgraciados (vid. 14 7, 8 e 11), anque, como xa vimos, sen caer na desesperación da maioría dos seus colegas, froito do carácter mesurado do crego galego. Curiosamente, nos cancioneiros aparecen copiados estes textos menos optimistas despois dos que estamos tratando e despois da cantiga Vi eu, señor, vosso bon parecer, que inclúe o refrán (diferente en cada estrofa) en provenzal (mesturado con elementos hispano-romances), así como a fiinda, o que podería querer indicar unha vontade innovadora. Lamentablemente, a ordeación dos textos non indica necesariamente unha correlativa orde cronolóxica na composición e, por tanto, unha suposta recondución da temática da súa poesía. 17

USOS DO ADXECTIVO ALEGRE NA LÍRICA GALEGOPORTUGUESA

273

Ei eu gran viço e grand’ alegria quando mias aves cantan no estio.

Como se pode apreciar, no primeiro verso deste xovial dístico resoa aquela cantiga dionisíaca vista arriba (O gran viç’ e o gran sabor), pero o segundo remite, sen lugar a dúbidas, a unha das máis célebres cantigas de amor do rei portugués, Proençaes saben moi ben trovar (25 86), na que Don Denis, a través dun xogo que simulaba o seu desprezo, tachaba de falso o amor cantado polos provenzais, aludindo ao coñecido tópico do exordio primaveral:18 Proençaes soen mui bem trobar e dizem eles que é com amor; mais os que trobam no tempo da flor e nom em outro, sei eu bem que nom am tam gram coita no seu coraçom qual m’ eu por mha senhor vejo levar. (25 86,1-6)

Airas Nunez, polo contrario, insiste en que a primavera é a imaxe adecuada para cantar o amor porque a exuberancia da estación é o único en que pode verse representado o estado de exaltación emocional que está vivindo, recuperando con esa imaxe o gozoso canto á natureza, o calor, o verdor, e o alegre revoo dos paxaros que Bernart de Ventadorn cantaba, por exemplo, en Lancan folhon bosc e jarric (P.C. 70,24). Este é o texto de Nunez: Que muito m’ eu pago d’ este verão por estes ramos e por estas flores, e polas aves que cantan d’ amores

Nesta composición, Don Denis remitía de novo aos provenzais para aplaudir a súa “maneira” de compoñer, ou sexa, a arte de trobar subxacente na poética da escola gala. Sen embargo, ese prometedor íncipit logo desinchaba, xa que precedía un par de estrofas que reconducían o poema cara a tópica poética galegoportuguesa, onde o rei aparece coma un doente namorado máis. En realidade, semella que aproveitou esta composición para censurar o que consideraría un abuso do ‘exordio primaveral’, motivo que xa estaría moi gasto, dado o seu uso reiterado na escola occitana. Non obstante, lendo entre liñas, advirtese que, o rei aproveita o equívoco para aliñarse con cantos recorreron á tópica do Natureingang para indicar que o namoramento non depende das estacións e, por tanto, reivindicar a autonomía do canto con respecto ás estacións do ano. (Vid. A. Ferrari, “Linguaggi lirici in contatto: Trobadors e trobadores”, Boletim de Filologia, 1984, pp. 35-57). 18

274

ELVIRA FIDALGO

por que ando i led’ e sen cuidado; e assi faz tod’ omen namorado: sempre i anda led’ e mui loução. Cand’ eu passo per algũas ribeiras, so bõas arvores, per bõos prados, se cantan i passaros namorados log’ eu con amores i vou cantando, e log’ ali d’ amores vou trobando, e faço cantares en mil maneiras. Ei eu gran viço e grand’ alegria quando mias aves cantan no estio.19

É evidente que Airas Nunes basea os seus versos na longa tradición do exordio primaveral occitano que, sen embargo, fora repudiada polo rei luso na súa canción. É como se o talante provocador de Nunez o impulsase a escribir para aproximarse e ao mesmo tempo distanciarse – adiantándoo – dun dos trobadores máis innovadores da escola poética galegoportuguesa, aproveitando aquel texto do monarca luso que merecera a atención do trobador santiagués, precisamente porque lembraba os provenzais. Como se pode observar, o trobador compostelán afástase completamente dos módulos tradicionais da cantiga de amor para posicionarse á altura dos seus colegas provenzais (e franceses), a quen recorda constantemente desde os versos da súa composición, tanto a nivel semántico como puramente léxico.20 Amor insúflalle vitalidade no seu corazón e a fermosura da primavera e esa alegría interior fusionada co alento que lle chega

Non debemos deixarnos enganar polos términos ‘verão’ e ‘estyo’, sinónimos, como se deduce do seu uso nesta cantiga e que nun primeiro momento faríannos pensar na estación máis calorosa do ano. Sen embargo, unha longa explicación do editor do cancioneiro do crego-trobador, demostra que ambos os dous substantivos designan a primavera (Vid. Tavani, A poesía…, p. 96). 20 Vid., entre outros, X.X. Ron Fernández, “Os trovadores no tempo da frol”, en O cantar dos trobadores, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1993, pp. 475-492. Non obstante, non poucas referencias do mesmo tipo vinculan esta cantiga a outra conocidísima peza de Alfonso X, Non me posso pagar tanto (18 26), na que o rei asociaba a primavera á tempada da guerra e renegaba da florida estación polos sinsabores que reportaban as armas e porque a guerra sacaba á luz a auténtica cara dalgúns dos seus homes. Curiosamente, a estrutura formal desta cantiga, única no corpus da nosa escola, foi parcialmente reproducida por Don Denis en Senhor, pois me non queredes (25 120), o cal demostra o impacto producido por este notable texto no ambiente trobadoresco e as redes poéticas que orixinou. 19

USOS DO ADXECTIVO ALEGRE NA LÍRICA GALEGOPORTUGUESA

275

do exterior impúlsao a cantar. Esta mensaxe é contundentemente ratificada na sintética fiinda (vista arriba), que concentra o paralelismo que fora desenvolto ao longo das dúas estrofas deste novidoso texto. 5. Por último, e para rematar a discreta relación de pezas que conteñen estes termos foráneos, gustaríame sinalar unha curiosa cantiga de Roi Fernandiz de Santiago, Ora começa o meu mal (143 8). A cantiga é efectivamente moi particular dado o seu contido, o que fixo que fose etiquetada como “chanson de change”, aínda que, persoalmente, discrepo desta acepción.21 En calquera caso, o trobador galego emprega o termo marcado na última cobra da súa composición para revolverse contra cantos se alegran por estaren namorados;22 pola contra, el, que coñece a tranquilidade e o descanso dos tempos sen amor, non ve ningún motivo de ledicia en acharse namorado. Explicitamente culpabiliza o demo de o ter metido de novo nesta situación tan ingrata porque sabe que ao “filhar outra senhor” entrará de novo no labirinto de amar sen ser correspondido: Que ledo me fezera ja, quando s’ Amor de min quitou un pouco, que mi-a min leixou. Mais d’ outra guisa me vai ja: ca o dem’ agora d’ amor me fez filhar outra senhor! E non se dev’ om’ alegrar muito de ren que poss’ aver, ca eu, que o quige fazer, non ei ja de que m’ alegrar: ca o dem’ agora d’ amor me fez filhar outra senhor!

21 Máis que cambiar de senhor, na miña opinión, o trobador inicia unha nova relación amorosa, abandoando así o apacible estado no que vive un home que non está namorado nin está comprometido con muller ningunha e que non debe sufrir os rigores do amor non correspondido. Pola contra, agora que está de novo namorado, vése sometido á tiranía común a todos os que aman. Sobre o motivo da chanson de change nos trobadores galegoportugueses, vid. V. Bertolucci Pizzorusso, “Motivi e registri minoritari nella lirica d’ amore galegoportoghese: la cantiga “de change””, O cantar dos trobadores, pp. 109-120. 22 O sentido destes versos dista moito de ser diáfano. Aínda que se poden prestar a diferentes interpretacións, queda claro o seu rexeitamento dun estado que, por experiencia, sabe que non lle reportará nada bo.

276

ELVIRA FIDALGO

Ao dem’ acomend’ eu amor; e bẽeiga Deus a senhor de que non será sabedor nulh’ om’, enquant’ eu vivo for’. (143 8, vv. 13-24 e fiinda)

6. A modesta transmisión manuscrita da poesía galegoportuguesa prívanos de calquera referencia biográfica ou cronolóxica que non poida ser deducida da mención a determinados feitos históricos ou relacións persoais entre trobadores, polo que é moi difícil coñecer a data exacta de composición da maior parte dos textos. Na serie tratada nestas páxinas é imposible sinalar a cantiga máis temperá porque a duras penas se podería ordear cronoloxicamente a actividade poética dos seus autores. O único que podemos avanzar é que todos parecen coincidir compoñendo no terceiro cuarto do século XIII, Roi Fernandiz na corte afonsina, Airas Nunez e Martin Moxa tamén, aínda que desenvolven o groso da súa actividade poética na corte de Sancho IV, e Don Dinis na súa propia, xa cara final de século. Todos gravitan, nalgún momento, arredor da corte do Sabio,23 Don Denis por razóns familiares máis que ‘laborais’, e foi Afonso X quen máis veces empregou os termos alegría e alegre nas CSM, e xa nos textos que formaron parte da primeira colección de cen milagres,24 en adaptacións de vellas lendas como a do neno xu-

23 A actividade poética de Johan Airas na corte afonsina parece estar ben documentada (Vid. G. Lanciani – G. Tavani, Dicionário…, p. 341), o mesmo que a de Airas Nunez, cuxo nome mesmo aparece no fol. 204r do Códice E das CSM. Canto a Moxa, sábese que estivo activo nos últimos anos da corte do Sabio e que se debeu trasladar á do herdeiro á morte do anterior, sobre todo, se damos crédito ás noticias que salientan a extraordinaria lonxevidade deste clérigo-trobador (Vid. G. Lanciani – G. Tavani, Dicionário…, pp. 438-440 e V. Beltrán, “Tipos y temas trovadorescos. XI. La corte de Sancho IV”, La literatura en la época de Sancho IV (C. Alvar – J.M. Lucía, eds.), Universidad de Alcalá, 1996, pp. 121-140). E, se atendemos ás relacións poéticas que Roi Fernandiz mantivo con Gomez Garcia, nomeado despois abade de Valladolid, tamén puido gravitar na corte castelá, antes da súa morte acaecida, probablemente, en 1273. De Don Denis abonda con recordar a admiración que sentía polo seu avó, tamén no aspecto poético que manifesta expresamente co emprego da marcada palabra “alva” en rima ou a adopción do esquema métrico sinalado na nota 20. 24 Refírome á primeira colección de cen miragres, da que dá conta o Códice de la Biblioteca Nacional de Madrid 10069K (To). Tal como explica moi ben Parkinson, cando o proxecto inicial se viu amplamente incrementado, esta primeira compilación tivo que ser reordeada para responder á nova planificación. Vid. S. Parkinson, “The First Reorganisation of the Cantigas de Santa Maria”, Bulletin of Cantigueiros de Santa Maria, 1/2, 1988,

USOS DO ADXECTIVO ALEGRE NA LÍRICA GALEGOPORTUGUESA

277

deo (CSM 4), a de Pedro Sigrar (CSM 8), a da imaxe de Sardonay (CSM 9), ou a do cerco de Orleans polo Conde de Peitieu (CSM 51). Anque sería fácil deixarse tentar pola hipótese de que fose o Sabio, quen, traducindo textos de orixe francesa, introducise o adxectivo, a verdade é que, con toda probabilidade estaría lendo textos escritos en latín25 e non tería por que botar man dun vocabulario alleo cando o galego contaba xa con termos propios para describir esa emoción, a menos que a particular sonoridade das palabras novas o animase ao seu emprego.26 Volvendo a mirada cara as composicións amorosas, podemos deducir que a coincidencia na inclusión dos mesmos motivos e, sobre todo, do emprego deses termos singulares para plasmalos nos versos, indica claramente a existencia dun xogo literario no que participan uns trobadores que converxeron na pretensión de reformular a anquilosada expresión do sentimento amoroso, para manifestar unha vivencia gozosa do amor, contraria á comunmente cantada nas cantigas amorosas. Ao seren tan poucos os textos que inclúen nos seus versos os termos alegria, alegrança ou o verbo alegrar, non cabe dúbida do seu emprego consciente por parte dos autores e, ao analizar o contido dos textos, que recuperan literalmente algún verso de cantigas de autoría allea, revélase a construción dunha rede na que estes trobadores tensonean sobre o tópico do joi de amor, ca intención de invertir unha das características identificadoras do xénero, presente desde os seus inicios e que, por iso mesmo, xa resultaba moi pouco estimulante para a creación de novos produtos poéticos. A provocación de Airas Nunez no seu magnífico canto ao “verão” non tivo moito éxito, como xa tiven ocasión de comprobar,27 e nin el nin os outros xogadores nesta partida foron quen de desprenderse do pesado lastre da tradición

pp. 91-97 e L. Fernández Fernández, “‘Este livro, com’ achei, fez ´onr’ e á loor da Virgen Santa Maria’. El proyecto de las CSM en el marco del escritorio regio. Estado de la cuestión y nuevas reflexiones”, Cantigas de Santa María. El Códice Rico, Ms. T-I-1, RBME (Fernández Fernández, Laura y Ruíz Souza, Juan Carlos, coords.), 2 vols., Madrid, Patrimonio Nacional – Testimonio Compañía Editorial, 2011, pp. 45-78, que detalla a evolución do proxecto afonsino. 25 De todos os xeitos, os textos franceses empregan o termo joie e os seus derivados (Vid. Les Miracles de Nostre Dame de Gautier de Coinci, 4 vols., (V.F. KOENING, ed.), Genève, Droz, 1961-1970. 26 É moi probable que eses textos latinos presentasen o adxectivo relacionado con alăcer, tendo en conta que o outro (laetus) era un “adxectif de la langue rustique”, como o define Ernout, entendendo como “rustique” o ámbito da agricultura ou gandeiría, e que non conviría ao contexto da literatura miraculística. Quizais por esa razón recolleu o “novidoso” alăcer e o introduciu nas súas Cantigas, cuxos descendentes coñecía pola poesía provenzal. 27 Vid. nota 6.

278

ELVIRA FIDALGO

para abrir novas vías de expresión neste rexistro amoroso. Pero o intento mereceu a pena, como podemos constatar ca lectura destes habilidosos textos que racharon cos vellos estereótipos. Non menos interesante sería coñecer a vía de entrada destes termos singulares na escola galegoportuguesa, pero este é un propósito difícil de ver realizado. Na miña opinión, pódense establecer dúas liñas que decorren practicamente paralelas desde o seu nacemento nos cancioneiros ultrapirenaicos. Unha simple busca no corpus trobadoresco occitano28 permite deducir que os derivados de ALACER son moi comúns na poesía trobadoresca occitana, tamén na obra de aqueles trobadores que visitaron a corte afonsina, polo que puideron ter introducido un termo que tampouco no Midi francés era moi común, xa que o habitual era recorrer a joi/joy e joios/joyos para a expresión da felicidade. O Sabio, amante das novidades e das posibilidades de innovación como o demostra a compilación dun enorme cancioneiro dedicado a un xénero inexplorado ata entón, axiña o incorpora ao seu repertorio léxico para manifestar a ledicia nos textos do xénero relixioso.29 Martín Moxa, Airas Nunez e o mesmo Johan Airas (que, lembremos, emprega o termo nun escarnio) frecuentaron a corte afonsina. A súa condición de cregos e hábiles trobadores poderíaos facer particularmente proveitosos para colaboraren na redacción dalgunhas cantigas marianas, sobre todo naquelas de contido máis especificamente mariolóxico, posto que deberían ser máis expertos coñecedores de himnos marianos – tanto desde o punto de vista de contido como o musical30 – máis ou menos frecuentes na tradición cristiá, e, froito desta colaboración, puideron entrar en contacto cos termos que nos ocupan. O mesmo paso intermedio podería xustificar o emprego do verbo alegrar(se) por parte de Roi Fernandiz e, incluso, demostrar a veracidade da hipótese, xa que, persoalmente, non podo deixar de recoñecer o célebre repudio afonsino do amor mundano detrás dos versos do tamén crego na súa corte, cando este declara que prefería non sentir amor porque así se libraría dos seus efectos (sinalados polos máis comúns signa amoris na segunda cobra) e lamenta ter caído na tentación

28 Fácil de facer, gracias á completísima base de datos en liña www.Trobvers.org, na que converxe o esforzo de moitos investigadores baixo a dirección de Rocco Distilo. 29 Aínda que nos movamos no ámbito do milagroso e do marabilloso, o sentido con que se emprega o termo ‘alegría’ ou o verbo ‘alegrar(se)’ nas CSM non se diferencia do seu significado recto, sen recibir ningún tipo de connotación ‘espiritual’. 30 Para achegarnos ós modelos subxacentes no repertorio melódico das CSM, vid. A. Rossell, “Las CSM y sus modelos musicales” en Literatura y cristiandad. Homenaje al prof. Jesús Montoya, Granada, 2001, pp. 403-412 e M.P. Ferreira, Aspectos da Música Medieval no Occidente Peninsular. Vol. I: Música palaciana, Lisboa, Fundação Calouste Gulbenkian, 2009, pp. 175-302.

USOS DO ADXECTIVO ALEGRE NA LÍRICA GALEGOPORTUGUESA

279

do demo, que é como el define terse namorado de novo. Esta intromisión da figura demoníaca, responsable do amor terreal, xunto ca solicitude de bendición para a senhor na fiinda a seguir da ‘maldición’ do amor, tranme inmediatamente á memoria os coñecidísimos versos afonsinos.31 Canto a Don Denis, seguramente recoñeceu a singularidade do termo na interpretación das cansós provenzais que cantaban os trobadores da corte de seu pai32 e que o inspiraron para compoñer audaces cantigas que ían revolver os alicerces da asentada coita amorosa, sen descartar totalmente a posibilidade de que súa nai, a raíña dona Beatriz, filla de Afonso X, nos seus constantes viaxes á corte castelá como intercesora polo restablecemento das boas relacións entre Portugal e Castela, trouxese algunhas cantigas marianas con que seu pai a puidese ter agasallado e con elas chegase o recoñecemento do termo. É moi difícil avanzar neste campo fóra da conxectura, como se pode advertir ata o aquí exposto, e nin sequera a interpretación dos textos no seu conxunto nos permite chegar a conclusións máis alentadoras. O único seguro é o desexo duns poucos trobadores que, encarando xa o último cuarto do século XIII, ousaron rachar ca tradicional tópica que viña ensombrecendo a expresión amorosa na cantiga de amor e que uns escollidos dese reducido grupo se significaron dentro dese movemento co emprego consciente dun lexema absolutamente novidoso, porque procedía de ambientes alleos á escola en que foi inserido, a cal xa posuía un léxico propio co que podía expresar o mesmo sentimento que indicaban os termos de

31 Refírome ós versos finais da cantiga de loor, CSM 10, na que o rei ratifica a súa aparente decisión de deixar de cultivar a poesía profana para consagrarse á composición de versos en honra da Virxe: “Esta dona que tenno por sennor / e de que quero ser trobador, / se eu por ren poss’ aver seu amor, / dou o demo os outros amores”. Incluso, ese verso que destaco subliñado foi recollido polo crego, como se quixera con el responder á errada elección do rei, porque, di Fernandiz, non hai de que se alegrar no gozo de amores non carnais (“E non se dev’ om’ alegrar / muito de ren que poss’ aver”), que, de ser correcta esta interpretación, converteríase na primeira alusión na poesía de ámbito profano ao cambio de rexistro do rei Sabio. 32 Lémbrese que Afonso III, cando volveu a Portugal para ocupar o trono que lle disputou a Sancho II, trouxo con el os gustos franceses adquiridos na súa estancia na corte da súa muller, a condesa Mathilde Dammartin, e, por tanto, é fácil supoñer que o acompañaran diversos trobadors e/ou trouvères. Tamén baixo o seu patrocinio teríase levado a cabo a tradución ao portugués dos textos artúricos (Vid. S. Gutiérrez García, “A Corte poética de Afonso III o Bolonhês e a materia de Bretaña”, Ondas do mar de Vigo: actas do Simposio Internacional sobre a Lírica Medieval Galego-Portuguesa, (D.W. Flitter – P. Odber de Baubeta, eds.), Birmingham, Seminario de Estudios Galegos – Department of Hispanic Studies, 1998, pp. 108-123), o cal corroboraría a hipótese do coñecemento directo de textos ultrapirenaicos por parte de Don Denis.

280

ELVIRA FIDALGO

fóra. Se a manifestación de ‘alegría’ por estar namorado é un sentimento chocante na ‘coitada’ tradición da cantiga de amor, o emprego deses termos foráneos para transmitila debeu ser unha agradable provocación para o xenio daqueles trobadores que, xa noutros xéneros máis proclives á discusión, puxeran de manifesto o seu agrado polas disputas literarias, canle que aproveitaban para competir e demostrar a súa valía poética sobre os demais contendentes.

Lihat lebih banyak...

Comentarios

Copyright © 2017 DATOSPDF Inc.