Tipos de costa e procesos de erosión nas Illas Cíes

June 7, 2017 | Autor: A. Gómez-Pazo | Categoría: Geomorphology, Coastal Geomorphology, Erosion, Geographic Information Systems (GIS), Rocky Coast
Share Embed


Descripción

Facultade de Xeografía e Historia Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio Curso académico: 2014-2015

TIPOS DE COSTA E PROCESOS DE EROSIÓN NAS ILLAS CÍES Traballo Fin de Grao

AUTOR: Alejandro Gómez Pazo

Asdo. Alumno,

Departamento de XEOGRAFÍA Santiago de Compostela, xuño de 2015

“TIPOS DE COSTA E PROCESOS DE EROSIÓN NAS ILLAS CÍES” “TYPES OF COAST AND EROSIONAL PROCESSES IN THE CÍES ISLANDS”

Alejandro Gómez Pazo

Traballo de fin de grao dirixido por;

Augusto Pérez Alberti

Agradecementos A Augusto por darme a oportunidade de traballar neste proxecto, preocupándose en todo momento e ensinándome o porqué das formas sobre o campo. A Horacio García, Ramón Blanco, Laura del Río e Xosé Luís Otero por axudar a que este traballo hoxe sexa unha realidade e ás persoas que pasan comigo o día a día, especialmente a Noelia. A tódalas persoas que ao longo destes catro anos do Grao conseguiron que me interesara por seguir aprendendo e investigando, fomentando a miña actitude crítica e a capacidade de buscar máis aló da visión superficial do noso mundo.

Índice 1.

Introdución ................................................................................................................ 1 1.1 Área de estudo ...................................................................................................................3 1.2 Estado da cuestión ...........................................................................................................10

2.

Metodoloxía ............................................................................................................ 16

3.

Resultados e discusión ............................................................................................ 24 3.1 Tipos de costa ...................................................................................................................24 3.2 Taxas de cambio ...............................................................................................................30 3.3 Discusión ..........................................................................................................................35

4.

Conclusións.............................................................................................................. 37

5.

Referencias .............................................................................................................. 39

6.

Anexos ..................................................................................................................... 42 6.1 Anexo I: Figuras ................................................................................................................42 6.2 Anexo II: Táboas DSAS ......................................................................................................62

Resumo As Illas Cíes localízanse na boca da Ría de Vigo, noroeste da Península Ibérica e destacan polo seu perfil asimétrico, con dúas fachadas ben diferenciadas. Na occidental dominan os acantilados que chegan a superar os 160 m de altura e os 80º de pendente, mentres que a fachada oriental caracterízase por unha topografía máis suave, con pendentes que non alcanzan os 75º e alturas inferiores aos 150 m, encadeándose acantilados, plataformas, praias, dunas areosas e praias de bloques. Co obxectivo de poder chegar a unha mellor caracterización dos tipos de costa xeráronse diversas capas de información mediante un SIX, a partir de modelos dixitais de alta resolución, que permitiron diferenciar 10 tipos de costa, para os que se calculou, posteriormente, a súa evolución dende o ano 1981, sendo a taxa de cambio na meirande parte dos casos negativa Palabras chave: Illas Cíes; xeomorfoloxía litoral; costa rochosa; erosión; SIX. Resumen Las Illas Cíes se localizan en la boca de la Ría de Vigo, noroeste de la Península Ibérica y destacan por su perfil asimétrico, con dos fachadas bien diferenciadas. En la occidental dominan los acantilados que llegan a superar los 160 m de altura y los 80º de pendiente, mientras que la fachada oriental se caracteriza por una topografía más suave, con pendientes que no alcanzan los 75º y alturas inferiores a los 150 m, encadenándose acantilados, plataformas, playas, dunas arenosas y playas de bloques. Con el objetivo de poder llegar a una mejor caracterización de los tipos de costa se generaron diversas capas de información mediante un SIG, a partir de modelos digitales de alta resolución, que han permitido diferenciar 10 tipos de costa, para los que se calculó, posteriormente, su evolución desde el año 1981, siendo la tasa de cambio en la mayoría de los casos negativa. Palabras clave: Illas Cíes; geomorfología litoral; costa rocosa; erosión; SIG. Abstract The Cíes Islands are located at the mouth of the Ría de Vigo, northwest of Iberian Peninsula and stand out for its asymmetrical profile, with two very different facades. On the western facade, cliffs dominate reaching over 160 m of altitude and 80º slope, while the eastern facade is characterized by a smooth topography with slopes that do not reach 75º and heights not exceeding 150 m, chaining cliffs, platforms, beaches, sand dunes and beaches of blocks. With the aim of reaching a better characterization of the types of coast, different layers of information in a GIS were generated from digital high-resolution models, which allowed making a differentiation of 10 types of coast, their evolution was calculated since 1981, it is the rate of change in most of the cases negative. Keywords: Cíes Islands; coastal geomorphology; rocky coast; erosion; GIS.

1. Introdución O coñecemento da costa e as súas características ten sido ao longo da historia un elemento fundamental para os habitantes dos terreos litorais. Dito coñecemento abrangue unha ampla gama de necesidades, dende coñecer as características dos solos, para mellorar os cultivos e as producións, até poder predicir eventos catastróficos como poden ser as inundacións. Na actualidade, o coñecemento da costa vai máis aló das necesidades que existían no pasado, arestora como consecuencia do acelerado cambio global ao que estamos asistindo, no que o aumento dos gases de efecto invernadoiro e das temperaturas auguran un aumento do nivel medio do mar (IPCC, 2013), é de vital importancia a predición deste próximo aumento mediante modelos que poidan evitar os efectos catastróficos relacionados coas inundacións. A pesar de atoparnos nunha zona practicamente deshabitada, exceptuando os servizos de vixilancia, a primeira análise desta costa pode darnos pé a un estudo futuro da situación costeira ao longo de toda a área, analizando onde podemos atopar os maiores problemas en relación coa erosión e como actúa esta nos distintos sectores do litoral. No caso concreto que analizamos neste traballo, os tipos de costa que podemos atopar no arquipélago das Illas Cíes, levarannos posteriormente ao estudo das taxas de erosión que teñen lugar en cada un deles, o que nos axudará a entender a súa dinámica e quizais servirnos de modelo para interpretar a súa evolución futura. Neste estudo aplicamos como ferramenta chave para a análise e comprensión do territorio os SIXs, empregando os materiais que nos permiten chegar á máxima precisión posíbel. Este aspecto é vital para poder describir os tipos de costa e a súa evolución, dado que nos atopamos con áreas delicadas, nas que as variacións, ao tratarse de costas rochosas na súa maioría non son moi grandes. Unha vez que coñecemos tanto as agrupacións de costas como a súa evolución, empregando a aplicación DSAS (Himmelstoss, 2009) que nos axudará a calcular as taxas de mudanza existentes para cada zona, relacionaremos estes resultados coas distintas variábeis que atopamos neste

1

territorio, entre as que destacan as climáticas, mariñas ou xeomorfolóxicas, claves para entender a dinámica costeira. Un último aspecto que tamén queremos resaltar, en relación coas posíbeis taxas expresadas nos capítulos seguintes, é que sempre tratamos de traballar cun alto nivel de confianza nos resultados. Así, en ocasións non falamos da existencia de movemento nun acantilado por ser os resultados do DSAS inferiores á marxe de erro aplicada ao estudo. Esta marxe é resultado dos erros acumulados nos distintos procesos, como o referenciado das ortofotografías, a interpretación da liña de costa, ou a desviación inherente á interpretación persoal da mesma, entre outros. Co fin de acadar os nosos obxectivos empregamos o esquema de traballo que se presenta a continuación (Figura 1).

1981

Recompilación de datos

Bibliografía

2004

Ortofotografías

2008

Modelo Dixital

2010

Altitude

Análise Illas Cíes

Definición cliff top

Clasificación de cantís

Análise SIX

Pendente

Altitude e pendente Altitude, pendente e perfil

Evolución costeira

Figura 1: Esquema de traballo seguido neste estudo.

2

DSAS

1.1 Área de estudo A zona de estudo á que se circunscribe este traballo abrangue a totalidade das illas de Monteagudo e o Faro, que forman a parte máis extensa do arquipélago das Illas Cíes, con preto de 300 hectáreas (Mouriño Lourido et al., 2002). A pesar de existir ao sur destas illas a de San Martiño, de algo máis de 140 ha., non a incluímos na nosa análise polas dificultades existentes á hora de poder realizar o traballo de campo, dado que non hai un acceso mediante barco regularizado como o do peirao de Rodas. Localización As Illas Cíes sitúanse en Galicia, no NO da Península Ibérica, rexión que conta con arredor de 2.100 km de costa, incluíndo

as

distintas

illas

(POLGalicia, 2010). Estamos ante un territorio no que destaca a gran diversidade de tipoloxías costeiras, produto

das

características

procesos

mariños,

xeomorfolóxicos,

dos

xeolóxicos

atopándonos

e con

contrastes moi acusados entre costas rochosas e praias de area nun pequeno treito de litoral (Del Río et al., 2013). En concreto, o arquipélago das Illas Cíes localízase na boca da Ría de Vigo (Figura

21), feito que

importante

papel

xoga

limitando

un os

intercambios entre o interior da ría e o

Figura 2: Localización da zona de estudo. Elaboración propia.

1

Tódalas figuras seguirán unha numeración correlativa, aparecendo as que consideramos esenciais para a comprensión global do texto no corpo do mesmo, mentres que as figuras que non sexan esenciais axúntanse no Anexo I, dedicado a tal fin.

3

océano, definindo a caracterización e evolución das illas, propiciando dúas vertentes moi diferenciadas e diminuíndo os efectos dos temporais na Ría de Vigo. Características e formación As Illas Cíes teñen unha disposición Norte-Sur e presentan un perfil asimétrico cunha vertente occidental abrupta, afectada pola influencia directa do océano e formada por cantís e furnas. Destacan os cantís de máis de 80 metros con pendentes por riba dos 50º. A vertente oriental ten unha topografía máis suave na que predominan os depósitos areosos (López Román, 2008) e sobresae o sistema praia-duna-lagoon de Rodas. A orixe das Illas Cíes está vencellada á das rías e do relevo litoral do NO da Península Ibérica. Durante a oroxénese Hercínica ergueuse un sistema montañoso, que posteriormente, foi rachado por faias N-S e NO-SE e erosionado durante o terciario. Este intenso sistema de fracturación incidiu na configuración xeral das Cíes e particularmente no seu modelado de detalle, cun deseño de formas sigmoides que se repiten a diferentes escalas, relacionado cos strike-slip faults (De Vicente et al., 2011). Con posterioridade, a oroxénese Alpina favoreceu o movemento dos bloques, mudando a configuración xeral da zona. Por iso, para comprender a orixe das rías, e especialmente das Rías Baixas, debemos entender a importancia que tiveron os procesos tectónicos, como xa defendía Pannekoek (1970) nos seus estudos, pero sen esquecer a acción erosiva mariña ou fluvial, que tivo un papel complementario, ao igual que aconteceu cos procesos fríos (Casal Vila, 2003). No caso concreto da nosa zona de estudo, a etapa máis importante para a súa formación sitúase no Terciario inferior, durante o Paleóxeno, fai entre 65 e 24 millóns de anos, momento no que se xerou unha gran faia tectónica dende o sur de Aveiro (Portugal) até o norte das Illas Cíes, de máis de 300 quilómetros. Xeoloxía Este arquipélago está dominado case na súa totalidade por materiais graníticos, sendo o elemento máis importante as facies de gran medio, granitos de dúas micas Tamén se aprecian algunhas pequenas áreas ocupadas por xistos que conteñen niveis de cuarcitas na parte sur da actual zona de acampada e outras pequenas áreas nos areais denominadas

4

como dunas litorais e zonas de praia, situadas na vertente oriental (Abril Hurtado e Corretgé, 1979). Clima Ao clima das Cíes acostúmaselle denominar como oceánico subhúmido, con pouca diferenza térmica entre o verán e o inverno e cun nivel de precipitacións moderado, sendo case nulas nos meses estivais. As condicións climáticas son semellantes ás que podemos atopar no ámbito mediterráneo, destacando que as precipitacións poden chegar a ser a metade das que se producen nas zonas máis próximas do continente, o que se relaciona tanto coa condición de insularidade do arquipélago como coa baixa altitude do mesmo (Costas, 2008). Pola súa parte, o vento é maioritariamente de compoñente norte ou nornoreste2 tendo en conta os valores anuais na boia próxima, podendo destacar as diferencias existentes entre as estacións, dominando durante o inverno a compoñente sur e suroeste e desaparecendo case totalmente durante o verán. No caso da estación existente no arquipélago, xestionada por Meteogalicia, presenta uns valores de ventos nos que predomina con claridade a compoñente suroeste 3, o que está relacionado en boa medida coa posición desta estación, situada na vertente oriental das illas e resgardada en parte da incidencia oceánica. Este feito fai que os ventos procedentes de mar aberto, no caso de chegar a esta zona, o fagan con moitas dificultades e moi modificados. Pola súa parte a temperatura media rexistrada na estación de Meteogalicia entre setembro do ano 2005 e abril do 2015 foi de 15,1 ºC. Un valor que podemos considerar suave. Se o desgranamos por estacións obtemos a media máis elevada nos meses de verán con 18,3 ºC e a mínima nos meses de inverno, como cabía esperar, con 11,4 ºC. Para o 2

Datos recollidos na boia WANA 1044069 situada ao oeste da Illa de Monteagudo, empregando a velocidade media (m/s), no período do 1958 á actualidade, tendo en conta tódolos meses do ano e con medicións cada 3 horas. 3

Valor calculado a partires dos datos da Estación das Illas Cíes de Meteogalicia cuxo anemómetro se atopa a 10 metros de altura. A serie temporal vai dende marzo de 2012 até abril de 2015, sendo erróneos os datos para os meses de xuño de 2012 e outubro de 2014. O reducido da serie débese a falta de datos anteriores por erro de medición.

5

ano 2013 podemos comprobar as diferencias existentes dentro da propia illa entre as súas dúas vertentes, grazas á estación colocada na zona de Figueiras por mor dun proxecto sobre a influencia das aves mariñas na vexetación4. As temperaturas non rexistran grandes variacións con respecto á estación analizada anteriormente, situándose o valor máis distante en agosto do ano 2013 con 0,7 ºC menos que na vertente oriental. Pola

súa

parte

as

precipitacións

presentan unha importante variación estacional, situándose as medias de outono e inverno por enriba dos 110 mm, mentres que no verán as precipitacións son inferiores aos 30 mm, condición que axuda entender a extensión de especies vexetais

características

da

zona

mediterránea. Para os dous últimos anos

Figueiras Meteogalicia Temp Precip Temp Precip 11.8 133.8 11.7 179.3 xaneiro 10.7 39.4 10.6 63 febreiro 11.9 173.8 11.9 214.5 marzo 13.0 110.6 12.9 112.3 abril 13.4 44 13.5 52.4 maio 16.7 29 17.1 36.3 xuño 19.6 3.8 19.9 4.4 xullo 19.9 4.4 20.6 4.6 agosto 19.1 47.6 19.1 50.3 setembro 17.6 238 17.7 203.6 outubro 52.4 13.4 69.6 novembro 13.4 160 11.6 179.6 decembro 11.6 MES

(2013 e 2014) a media anual de

Táboa 1: Datos meteorolóxicos da estación de Meteogalicia nas Cíes e a estación de Figueiras.

precipitacións foi de 1.169,9 l/m2 para o

caso da estación de Cíes, cifra bastante por debaixo da rexistrada para a estación meteorolóxica situada no porto de Vigo, onde este valor ascende aos 1.467,2 l/m2. Dita variación de case 300 l/m2 anuais aínda é máis acusada en datas anteriores cando a estación do arquipélago non chega en case ningún ano aos 1.000 l/m 2. Ao igual que fixemos coa temperatura, para o ano 2013 tamén podemos relacionar os datos extraídos da estación de Figueiras (Táboa 1) na que se rexistraron uns niveis de precipitacións 100 l/m2 anuais inferiores aos do receptor de Meteogalicia, polo que poderíamos interpretar que as precipitacións son menores na vertente máis exposta a mar aberto.

Proxecto “Monitorización de los procesos biogeoquímicos en suelos de acantilados y aguas costeras en relación con la influencia de las colonias de aves marinas en el Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Illas Atlánticas de Galicia”, financiado polo organismo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino. Organismo Autónomo Parques Nacionales. Referencia 041/2010. 4

6

Réxime de oleaxe A compoñente das ondas que baten nas Illas Cíes é predominantemente oeste e noroeste5 ao longo do ano (Figura 3), mais podemos destacar que durante o inverno as ondas chegan de maneira moi clara dende o oeste, mudando a compoñente cara o norte conforme nos achegamos ao outono. No inverno é cando se rexistran as alturas máximas, superando os rexistros absolutos do receptor os 10 metros entre outubro e febreiro, destacando o valor de 13 metros rexistrado en febreiro do ano 1979. Este réxime de oleaxe caracterizaranos as zonas de erosión e de sedimentación das illas, sendo as

Figura 3: Rosa de ondas 1958-2015

primeiras as situadas nas áreas nas que golpean para datos anuais. Fonte: Puertos del Estado.

directamente as ondas e as segundas as localizadas nos lugares máis resgardados da influencia do mar. Vexetación Na vexetación do arquipélago de Cíes teñen unha importancia capital os factores antrópicos, reflexados xa dende a Idade de Bronce (Luaces Anca, 1998) co aproveitamento da madeira. Un dos elementos máis salientábeis nas illas é a escaseza de especies autóctonas, especialmente de porte arbóreo, o que está en consonancia coas repoboacións realizadas nos anos 50 do século pasado por parte do ICONA, nas que se empregaron piñeiros (Pinus pinaster) e eucaliptos (Eucalyptus globulus) e que progresivamente coa chegada doutras especies invasoras foron reducindo a extensión ocupada por especies propias da zona como o cerquiño (Quercus pyrenaica). Tamén destaca a presenza de especies de marcado carácter mediterráneo como consecuencia das similitudes climáticas con este medio, entre as que podemos mencionar a sobreira (Quercus suber) ou a jara negra (Cistus salviifolius).

5

Datos recollidos na boia SIMAR 1044069 situada ao oeste da Illa de Monteagudo, empregando a altura significativa (Hs), cun percorrido temporal que abrangue dende 1958 ao ano 2015 e tendo en conta tódolos datos mensuais con medicións cada 3 horas.

7

Unha comunidade vexetal de gran importancia neste arquipélago é a vexetación dos cantís, que se pode escalonar verticalmente segundo a súa resistencia á salinidade e á falta do solo, pasando dunha vexetación halocasmofítica aos pastizais aerohalófilos e os matos costeiros, ocupando estes últimos unha importante área na parte alta das illas. Outro efecto a destacar neste contexto é a presenza das gaivotas e a súa nidificación, que inflúe de xeito determinante no crecemento de determinadas especies vexetais como as halonitrófilas, que se benefician dos excrementos das aves, pudendo destacar o caso do brizo mariño (Angelica pachycarpa) (Otero e Mouriño, 2002). O último sector que podemos diferenciar son as dunas e as praias en cuxa superficie a vexetación segue unha sucesión dende as máis adaptadas a salinidade e ao vento (vexetación halófita) que colonizan as dunas primarias, pasando polas que se presentan en dunas secundarias e chegando até as especies que colonizan os campos de dunas ou dunas terciarias, nas que a cobertura é moito maior pola melloría das condicións de vida das plantas. Toda a vexetación que mencionamos con anterioridade hai que relacionala coa actuación do home na illa, xa non só coas intervencións de repoboación, senón tamén co comportamento dos visitantes, que poden influír na súa distribución. Como exemplo podemos por a degradación dos sistemas dunares como consecuencia da construción das infraestruturas de paso para os turistas que impide o comportamento natural das dunas e porén a sucesión de vexetación que tería lugar nestas de xeito natural. Evolución histórica Existen referencias da existencia das Illas Cíes xa no século I d.C. con Plinio, que as situaba na desembocadura do Miño, do mesmo xeito que fará no século seguinte Ptolomeo, que denominará a este arquipélago como Deorum Insulae (Luaces Anca, 1998). Esta denominación tamén será empregada polos romanos, podendo ser traducida como Illas dos deuses. Entre as diversas nomenclaturas que recibiron ao longo da historia, podemos falar da de Siccae por autores clásicos como referencia a súa aridez, ou Cice recollida no século XV.

8

En relación co poboamento, o primeiro asentamento no arquipélago data da Idade de Ferro, situándose na parte occidental do Monte Faro (Mouriño Lourido et al., 2002). Seguindo de xeito cronolóxico, na Idade Media mencionase a posíbel chegada dos normandos e xa no século XI aparecen os primeiros eremitorios beneditinos, volvéndose a ocupar o mosteiro de Santo Estevo a finais do século XIII, pasando a acoller nesta ocasión aos franciscanos. Xa na Idade Moderna asístese á chegada de piratas como os berbéricos e dende comezos de 1700, as Cíes permanecerán despoboadas até finais de século pola presenza de corsarios e navíos de guerra, tanto ingleses como franceses. Na primeira metade do século XIX a zona pacifícase e instálanse pesqueiras, almacéns e carabineiros, provindo as familias que se asentan no arquipélago maioritariamente da península do Morrazo (Mouriño Lourido et al., 2002). A finais da década de 1970 abandonan o arquipélago os derradeiros habitantes, momento dende o que se asiste a un aumento pronunciado do turismo, que vive nos últimos anos os seus valores máis elevados en canto ao número de visitantes. Se pasamos agora a referenciar cronoloxicamente as principais construcións das illas, debemos comezar destacando a conservación dos restos pertencentes ao que podería ser un viveiro de ostras e lagostas no lagoon, o cal estaría formado por dúas construcións, unha onde se empraza o actual dique e outra de maior tamaño no norte do lagoon que aínda se pode apreciar mediante as fotografías aéreas. As construcións que seguen marcando a paisaxe na actualidade temos que mencionar como entre 1851 e 1853 construíuse o primeiro faro, mentres que na segunda metade dese século levouse a cabo a construción do dique, o cal será reformado na década de 1940 tras ser destruído. En canto aos peiraos presentes na illa podemos mencionar o de Rodas construído pola empresa de transportes marítimos “Vapores de Pasaje” na segunda metade do século XX e o de Carracido, que se realizou para a construción do faro mencionado con anterioridade (Luaces Anca, 1998). No aspecto normativo e de protección cabe destacar que as Illas Cíes foron declaradas Parque Natural no ano 1980, pero non será até o ano 2002, mediante a Lei 15/2002 do 1

9

de xullo, cando se forme o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, no que quedaran enmarcadas xunto as illas de Ons, Sálvora e Cortegada.

1.2 Estado da cuestión O escenario costeiro segundo Trenhaile (1997) é “o produto da combinación de elementos, incluíndo: a morfoloxía dos hinterlands; climas presentes e pasados; ondas e entornos mareais; cambios no nivel relativo do mar; e a estrutura e litoloxía das rocas. Estes elementos proporcionan infinitas variacións da forma tectónica básica”. Dentro deste escenario centrarémonos nas costas rochosas, podendo comezar destacando o tratamento que se ven dando a estas ao longo do tempo. Na literatura contemporánea asistimos a un abandono destas costas en detrimento das praias e outras tipoloxías de resposta rápida ante as mudanzas medioambientais (Trenhaile, 1997), o que se relaciona en parte coas menores necesidades de datos temporais para realizar unha análise evolutiva da costa. A este respecto tamén cabe salientar que os cantís e as costas rochosas ocupan ¾ partes das costas do planeta (Bird, 2008), dato que deixa patente a importancia que teñen estas, e que redunda na necesidade do seu estudo. Unha das características máis salientábeis das costas rochosas, en contraposición co mencionado con anterioridade para as costas sedimentarias, son as lentas taxas de erosión que presentan ligadas a súa resistencia. Esta lentitude dos procesos fai que os estudos sexan máis complicados, en boa medida pola dificultade á hora de desenvolver técnicas para o estudo dos períodos máis distantes temporalmente. En moitas ocasións fálase desta tipoloxía costeira como a máis espectacular polas altitudes acadadas nos cantís e a forte pendente que acostuman presentar, marcando unha transición case instantánea entre o océano e o continente. Dita altura é controlada primeiramente polo relevo da zona costeira en cuestión e seguidamente polos procesos costeiros que teñan lugar na zona (Davidson-Arnott, 2010), polo que temos que considerar múltiples factores para comprender a súa evolución.

10

Clasificacións de cantís As clasificacións de cantís existentes son moi diversas e varían segundo o autor que sigamos e os criterios que este empregue para a delimitación. Entre estes criterios poden aparecer as taxas de retroceso ou a altura dos cantís. Así, podemos falar no caso de Davidson-Arnott (2010) de cantís afundidos, que se somerxen no mar en rocas duras e presentan procesos erosivos moi lentos, cantís con plataforma inclinada e cantís con plataforma horizontal. Trátase dunha clasificación similar a empregada por Sunamura (1992) que diferencia tres tipoloxías segundo a súa interacción co océano, como son: plataforma rochosa inclinada, plataforma rochosa horizontal e cantil vertical. Pola contra Bird (2008) clasifica os cantís segundo a súa altura entre altos cantís (100-500 metros) e mega- cantís, aqueles que superan os 500 metros. Outra das clasificacións máis importantes é a de Trenhaile (1997) que diferencia tres tipoloxías segundo as taxas relativas de erosión basal mariña e a meteorización subaérea. No primeiro grupo estarían os cantís que amosan un equilibrio entre a erosión basal e a meteorización, en segundo lugar teríamos os cantís nos que a erosión basal é máis rápida, producíndose o escorregamento da parte superior do cantil, cando a base é socavada máis aló do nivel preciso para soportar o material superior, neste caso estariamos ante unha degradación cíclica, repetíndose o proceso continuamente. No terceiro grupo teríamos os cantís que non presentan erosión basal, xa que acumulan sedimentos nesta zona pola acción erosiva na parte máis alta, diminuíndo continuamente a pendente. Pola súa parte Woodroffe (2003) tamén clasifica os cantís segundo a súa actividade basal en catro tipos. En primeiro termo presenta os cantís activos, que presentan na actualidade procesos erosivos, seguidamente os inactivos, que presentan na súa base unha acumulación sedimentaria que frustra a incidencia mariña, en terceiro lugar os relícticos, que permanecen inactivos durante un longo período de tempo. Por último están aqueles cantís que foron re-activados por diferentes causas como pode ser a elevación do nivel mariño. Procesos de erosión A erosión producida nas costas rochosas e especialmente nos cantís, débese á actuación conxunta de múltiples factores e prodúcese cando a forza de resistencia, que ven marcada polo material que forma a costa, é superada pola forza de meteorización. Entre os factores

11

que inciden na erosión temos a variación do nivel medio mariño, as ondas, a persistencia/repetición de fenómenos tormentosos ou a incidencia do vento segundo a súa compoñente e forza. Sen dúbida o principal mecanismo erosivo é a meteorización (Gutiérrez Elorza, 2008), pero non podemos esquecernos dos movementos en masa, que destacan nos períodos húmidos, e da bioerosión producida polos organismos tanto na terra como nos océanos, podendo destacar como fai Trenhaile (1997) as algas como grandes axentes erosivos nas costas rochosas. Os momentos nos que asistimos a un maior retroceso dos cantís coinciden cos períodos tormentosos e a súa influencia na base do cantil pola presión hidráulica do impacto das ondas e a acción abrasiva das augas, que chegan cargadas de fragmentos de diverso tipo (Bird, 2008). En consonancia co anterior, non podemos deixar sen citar a abrasión, pola influencia que ten na evolución da costa. Este proceso destaca no caso das plataformas litorais, formadas a miúdo pola exposición da roca espida con material abrasivo ao pé do cantil e que marcará a evolución deste e as formas que poden aparecer no mesmo (BlancoChao et al., 2007). Retroceso dos cantís Á hora de estudar o retroceso vivido polos cantís atopámonos cun grave problema, xa que a pesar de dispor de diversas técnicas para definilos, como poden ser as fotografías aéreas ou as evidencias morfolóxicas, estas tan só poden ofrecernos datos moi recentes, polo que a miúdo non son suficiente para interpretar cal foi a evolución dunha determinada costa. O retroceso está relacionado coa resistencia e estrutura das formacións, a enerxía que chega a través das ondas, o rango mareal e a existencia ou non dunha plataforma litoral. A existencia desta ou a presenza de materiais de praia favorecen que a base dos cantís non sexa erosionada (Bird, 2008). Por isto é fundamental para comprender o retroceso dun cantil analizar a litoloxía do lugar, a súa dureza e a exposición á meteorización.

12

Neste punto tamén poderíamos mencionar como nos últimos anos teñen aumentado os estudos sobre as variacións costeiras, apoiados na maioría dos casos no emprego das novas tecnoloxías (Del Río et al., 2013). Plataformas litorais Trátase da superficie de erosión na roca ou outro material resistente que se estende dende o pé do cantil até o límite de erosión das ondas, podendo presentar unha amalgama de cantidades de sedimentos sen evitar a exposición á erosión da roca orixinaria (Davidson-Arnott, 2010). Aínda que esteamos ante un elemento herdado, as plataformas son modificadas substancialmente por procesos contemporáneos (Trenhaile, 1997), como pode ser a abrasión. Estudos existentes sobre as Illas Cíes Os estudos que falan das Illas Cíes, até o momento, prestan unha atención capital ao sistema praia-duna-lagoon de Rodas, o que podemos por en consonancia co menor interese na literatura contemporánea respecto ás costas rochosas mencionado con anterioridade. Na meirande parte dos estudos para o resto do arquipélago tan só se realiza no mellor dos casos unha caracterización simple, diferenciando as dúas vertentes e expondo as características climáticas especiais das illas, que as diferencia do continente. A maioría dos traballos realizáronse a través da análise das fotografías aéreas de diferentes anos para deste modo comparar a evolución vivida polo sistema, algúns estudos apóianse tamén en análises sedimentolóxicas, ou como en Costas et al. (2006) empréganse técnicas máis novidosas para entender a composición do solo e a súa evolución, como o xeoradar (GPR). Un dos feitos que máis se destaca nos estudos desta área é a importancia que ten o dique, construído na segunda metade do século XIX e que na década de 1940 sería reformado polos danos que presentaba. A existencia desta estrutura provocou mudanzas no comportamento do lagoon ao diminuír a enerxía recibida (Alcántara-Carrió et al., 2005). A súa presenza é un feito de discusión permanente e a súa xestión un reto para o futuro (Otero, 2013), xa que nos últimos tempos vimos asistindo á colmatación, reducíndose dun

13

xeito importante a presenza das especies que habitaban nel e pondo en grave perigo o futuro do sistema de Rodas tal e como o coñecemos na actualidade. A evolución vivida por este sistema sedimentario téndese a periodizar en distintas etapas, como en Costas et al. (2006a) onde se distinguen 3. Un primeiro período que vai dende 1956 (primeiras fotografías aéreas) até 1972, que se caracteriza por unha colonización máis importante da vexetación na parte sur, onde existía neses intres unha canle que conectaba o lagoon coa ría, mentres que a erosión era semellante ao longo de todo o perfil. Na segunda etapa, que chega até 1985, prodúcese unha erosión diferenciada ao longo da barreira, destacando o feito da destrución dunha edificación situada na parte traseira da duna, mencionado noutras obras como Costas e Alejo (2007), a causa dos frecuentes temporais sufridos na zona. Xa no período entre 1985 e 2003 asístese á reconstrución da barreira, nova tendencia que é posíbel grazas á cantidade de sedimentos dispoñíbeis tralos períodos erosivos anteriores. Ligado á evolución recente, tamén se acostuma destacar como a apertura invernal da canle na zona norte está dando comezo a unha nova fase erosiva. Habitualmente cando se fai referencia á erosión do sistema, téndese a mencionar a gran importancia que tivo entre as décadas de 1950 e 1970 a extracción de area na zona (Costas et al., 2006b), o que provocou mudanzas no comportamento do sistema favorecendo a aparición da canle na zona norte que conecta o lagoon co mar durante as épocas de temporais durante o inverno e a desaparición da canle existente até os anos 50 do século XX na área sur do sistema praia-duna. En referencia ao período máis recente, tamén se destaca a erosión provocada polos camiños de paso realizados polos visitantes no entorno da praia de Rodas sobre o sistema dunar (Costas, 2008). En relación coa evolución seguida polas costas deste arquipélago, tódalas obras atribúen o seu control a múltiples factores actuando ao mesmo tempo, como son as condicións climáticas, a topografía e o aumento do nivel do mar, ao igual que se menciona nas obras que versan sobre áreas costeiras máis extensas mencionadas con anterioridade. Un dos factores físicos destacados á hora de analizar os cambios que se producen no entorno costeiro das Illas Cíes é a incidencia das tormentas, relacionadas coa flutuación da Oscilación do Atlántico Norte (NAO), cuxos valores negativos coinciden coas épocas

14

máis tormentosas (Costas e Alejo, 2007) e polo tanto cos ciclos erosivos máis importantes. Para coñecer as dinámicas existentes no sistema tamén é importante facer referencia á débil chegada de material das costas próximas, polo que a evolución costeira no arquipélago depende case na súa totalidade do retraballo do material preexistente. A diferenza do que podemos observar nos traballos que se viñeron realizando sobre as Illas Cíes, no noso caso imos levar a cabo unha análise máis aló da zona do sistema praiaduna-lagoon de Rodas, prestándolle especial atención á clasificación tipolóxica dos cantís e a súa evolución.

15

2. Metodoloxía Tódolos procedementos realizados para a análise das Illas Cíes que se presenta neste traballo realizáronse axudándose basicamente do software ArcGIS 10.2 (licenza da USC) e de SAGA 2.1.2. O material empregado para posteriormente, a partir de distintos tratamentos, acadar os obxectivos deste estudo foi o seguinte: 

Límites administrativos españois.



Ortofotografías (anos 19816, 2004, 2008 e 2010) procedentes do Centro de Descargas do IGN.



Modelo Dixital do Terreo (MDT) de 2 metros de resolución.



LAS (Laser Airbone Scanning). Ficheiros dixitais con información altimétrica da nube de puntos LIDAR procedentes do Centro de Descargas do IGN.

Realización do Modelo Dixital a partir do LAS Para realizar o Modelo Dixital (MD), que serviu para a análise dos perfís de cada tipo de costa, empregamos os datos LAS ofrecidos dende o IGN e procedemos a realizar o seguinte tratamento, empregando primeiramente en SAGA 2.1.2 (System for Automated Geoscientific Analyses) e finalmente en ArcGIS. Utilizamos estes arquivos pola gran resolución que se pode acadar a partir dos mesmos (Pereira et al., 2013), conseguindo deste xeito un maior grao de detalle para a nosa área de estudo. En primeiro lugar tras descomprimir os arquivos LIDAR mediante a aplicación LAStools engadímolos de xeito individual en SAGA para o seu procesado coa ferramenta

6

Para completar a ortofotografía procedente do voo interministerial do ano 1981 optamos por realizar

unha composición a partir das imaxes aéreas extraídas da Fototeca do IGN a unha escala 1:4.000 e referenciadas a partir da ortofotografía do ano 2010 co sistema de Polinomios de 3ª orde e cunha media de 10 puntos para cada imaxe na zona norte da illa, e mediante spiline na área sur da Illa do Faro co emprego de máis de 30 puntos para cada imaxe. Para realizar o mosaico das imaxes empregamos a ferramenta Mosaico a novo ráster de ArcGIS 10.2.

16

Import LAS File. Unha vez que temos estes datos visualizados no programa mudamos as cores que lle outorga ao factor Z (altitude) de xeito que podemos diferenciar mellor as unidades do terreo e polo tanto observar posíbeis valores anómalos. Para lograr unha mellor calidade do arquivo eliminando as zonas que non nos interesan e que poden arrastrar erros de altitude, empregamos a ferramenta Point Cloud Reclassifier/Subset Extractor coa que construímos unha nova nube de puntos na que só aparece o valor que desexamos, neste caso seleccionamos o valor 2, para que deste xeito nos exporte tódolos puntos aos que a clasificación do LAS lle outorga dito valor, o cal fai referencia ao terreo segundo a metodoloxía do IGN. Unha vez que temos esta nova capa para cada un dos arquivos LAS que forman a nosa área de estudo comezamos a unilas, sumando unha capa de cada vez mediante a ferramenta Merge Point Clouds. Unha vez que temos toda a zona de traballo nun mesmo arquivo de puntos, transformámolo nun MD coa función Triangulation dentro da sección Gridding de SAGA. Con este modelo xa exportado a formato compatíbel con ArcGIS multiplicámolo neste programa mediante a ferramenta homónima situada na caixa de ferramentas da calculadora por un arquivo ráster transformado a partir dunha capa poligonal na que definimos as zonas de terreo co valor 1 e a auga co 0. Deste xeito ao realizar os cálculos obtemos un novo ráster no que só aparecen os valores de interese para o estudo, é dicir, aqueles que marcan a superficie terrestre. Clasificación dos cantís A partir do MDT creáronse dúas novas capas, unha clasificando a pendente en 5 grupos, e outra agrupando a altura en 6 niveis distintos (Táboa 2).

PENDENTE ALTURA 120 m

outorga unha diferenciación entre as dúas vertentes, aparecendo as categorías de maior altitude na fachada

Táboa 3: Equivalencias segundo a altura.

occidental. Na figura 7 represéntanse 4 grupos segundo os niveis de pendente descritos na Táboa 4,

que

empregamos

para

realizar

unha

primeira

caracterización mediante este parámetro analizado de xeito illado, obtendo un resultado, que como no caso anterior, non é suficientemente claro como para realizar unha boa

TIPO

PENDENTE

1

< 3°

2

3°-30°

3

30°-50°

4

> 50°

división en tipoloxías da costa do arquipélago. Ao igual que Táboa 4: Equivalencias segundo a pendente. acontecía no caso da clasificación mediante a altitude, as categorías cuns valores máis elevados sitúanse na vertente occidental e no sector norte da illa de Monteagudo. Pola falta de concreción outorgada polas análises presentadas con anterioridade, optamos por realizar unha clasificación na que unimos as dúas variábeis e que nos deu como resultado inicial 30 categorías, que posteriormente fomos depurando e axustando á zona estritamente costeira a partir da liña de cliff top até quedarnos con 11 grupos

24

representados na figura 8, os cales resultan do agrupamento das clases que tiñan uns valores de altitude e pendente similares (Táboa 5) e que ademais se sitúan de xeito

TIPO

ALTURA

PENDENTE

continuado ao longo da costa podendo formar

1

> 16 m

> 50°

unha agrupación individualizada.

2

> 80 m

> 50°

3

0-30 m

> 50°

4

30-80 m

> 50°

Unha vez que tivemos a clasificación empregando conxuntamente a altitude e a

5

30-80 m

30°-50°

pendente e restrinxida pola liña superior de

6

> 80 m

15°-30°

cantís,

anteriormente,

7

< 80 m

3°-15°

comezamos a realizar perfís topográficos para

8

< 30 m

15°-30°

cada un dos 11 tipos resultantes en distintas

9

30-80 m

15°-30°

zonas dos mesmos co fin de definir con maior

10

< 30 m

30°-50°

11

< 15 m

< 3°

que

realizamos

claridade cada agrupación, obtendo finalmente

Táboa 5: Equivalencia dos tipos iniciais.

10 categorías de cantís, que presentan as características resumidas na táboa 6. As tipoloxías descritas están ordenadas dende a que presenta unha maior verticalidade e que corresponde coa costa de cantís máis abruptos até a costa baixa que está formada esencialmente polos areais das illas (Figura 9). TIPO

ALTURA

PENDENTE

SINGULARIDADE

1

> 16 m

> 50°

Gran verticalidade

2

> 80 m

> 50°

3

< 80 m

> 15°

4

> 80 m; < 80 m

15°-30°; 3°-15°

5

< 80 m

3°-30°

6

30-80 m

15°-30°

7

< 30 m

30°-50°

8

< 30 m

30°-50°

9

30-80 m

30°-50°

10

< 15 m

< 3°

Con plataforma

Dominio da costa baixa

Táboa 6: Caracterización dos tipos de costa definitivos.

25

A primeira tipoloxía representa aquelas zonas de costa cunha altura superior aos 16 metros e que teñen pendentes en tódolos casos superiores aos 50º, superando nas áreas máis verticais os 80º. Esta categoría está presente só na illa norte,

destacando

o

seu

desenvolvemento nas zonas máis expostas ás ondas, sobresaíndo o extremo norte das Cíes e a vertente occidental. Pola contra, na parte oriental,

máis

protexida

da

influencia mariña, tan só aparece representada esta categoría en dúas zonas moi puntuais asociadas a escarpes de pequena altura con material sedimentario de gran

Figura 9: Mapa de tipos de costa definitivos.

tamaño na súa base. Nos cantís deste tipo situados na vertente occidental e norte tamén teñen unha gran importancia os coídos, que presentan acumulacións moi importantes na base dos cantís, podendo formar áreas chas de máis de 50 metros de ancho que contrastan co perfil do cantil, practicamente vertical (Figura 10). A diferencia entre este grupo e o seguinte radica na existencia de plataforma ou acumulación de coídos da base, na altura inferior na maioría dos casos e na maior pendente na parede do cantil, sendo os de tipo 1 os máis abruptos. Os cantís de tipo 2, poden ser considerados como mega-cantís pola súa altura dentro do rango altitudinal no que nos movemos neste arquipélago, onde a altitude máxima non excede os 190 metros, aínda que moitos deles segundo Bird (2008) quedarían enmarcados dentro dos altos cantís. O seu desenvolvemento vertical non é en moitos dos casos o aspecto máis relevante, senón que destacan por ter unha pendente superior aos 50º. Trátase dunha categoría que polas súas características atópase restrinxida á vertente

26

occidental da illa, onde as condicións propician unha erosión máis importante e evitan a acumulación sedimentaria, que está reducida a unha pequena área no norte na que temos unha presenza destacábel de coídos de gran tamaño como causa do abrigo outorgado por un saínte na costa, que actúa limitando a influencia mariña. Pola súa parte, na illa sur estes cantís aparecen acompañados por pequenas plataformas litorais de menos de 20 metros. O perfil desta tipoloxía (Figura 11) desenvolve unha pendente extremadamente homoxénea, o que se relaciona co substrato predominantemente granítico que presenta unha resistencia idéntica á erosión, sen mostrar ningunha ruptura de pendente até chegar á cima do cantil, que en ocasións coincide cos puntos máis elevados das illas. O terceiro tipo confórmano aquelas áreas cunha pendente superior aos 15º e unha altura máxima de 80 metros. En relación coa súa disposición, estes cantís atópanse en maior medida na vertente occidental, de maior influencia oceánica, mentres que na vertente oriental tan só aparecen na parte central e norte das illas, onde a influencia do océano é menor. Unha das características máis destacábeis desta tipoloxía é que en case tódolos casos presentan unha plataforma litoral ou no seu defecto unha importante acumulación de coídos, sobre todo na parte central das illas de ambas vertentes, o que nos leva a comprender un pouco mellor o seu comportamento, xa que dita acumulación tan só desaparece naquelas zonas dunha maior exposición ás inclemencias meteorolóxicas. Nestes casos podemos atoparnos con plataformas de até 50 metros e coídos compostos por bloques heterométricos que poden superar os 5 metros no eixo maior. En canto ao seu perfil (Figura 12), este presenta unha pendente tendida que só se modifica na parte baixa se existen plataformas ou as acumulacións de materiais, á vez que o seu desenvolvemento lonxitudinal non supera os 100 metros. No cuarto tipo de costa que podemos diferenciar, agrúpanse dúas tipoloxías de cantís que presentan un perfil case idéntico. Por un lado están os de máis de 80 metros e cunha pendente de entre 15 e 30º e por outro os que teñen unha pendente de entre 3º e 15º e unha altitude inferior aos 80 metros. A súa distribución é maior na vertente oriental, propiciada polas menores alturas e o maior desenvolvemento das plataformas litorais, que aparecen en case a totalidade dos cantís enmarcados nesta tipoloxía, só podendo excluír unha pequena zona no extremo sur das illas na que aparece na base unha importante

27

acumulación de coídos. Na vertente occidental restrínxense a pequenas zonas. En relación co perfil (Figura 13), este presenta varias ruptura de pendente, unha primeira que está ligada á plataforma litoral e unha segunda a media altura do cantil, destacando especialmente esta última ruptura nos cantís baixos, de menos de 80 metros. En quinto lugar temos os cantís de menos de 80 metros e con pendentes comprendidas entre os 3º e os 30º. En canto a súa distribución, destaca na zona sur das illas, seguida da vertente oriental. Pola súa parte, na vertente occidental esta tipoloxía tan só está representada nas proximidades da zona do dique coas acumulacións de materiais de gran tamaño. Tamén hai que destacar que nos sectores norte a base destes cantís está formada por plataformas litorais inclinadas. O seu perfil característico (Figura 14) está composto por unha base case plana ou de pendente bastante baixa que evoluciona cara unha zona de maior pendente na que aparece unha ruptura, relacionada co fin da zona de acumulación, momento a partir do cal conforme aumenta altura tamén o fai a pendente. A este respecto tamén hai que destacar que o perfil lonxitudinal desta tipoloxía é bastante reducido. O sexto tipo está formado por aqueles cantís de entre 30 e 80 metros de altura e cunha pendente que vai dende os 15 aos 30º, estamos ante unha categoría cunha distribución bastante reducida, que se cingue en gran medida ás proximidades da unión entre as illas na súa parte occidental e a un pequeno reduto no sur. Trátase dunha zona baixa cunha importante presenza de plataformas de pequeno tamaño, a partir das cales o cantil presenta unha pendente relativamente acusada (Figura 15) e con pequenas ondulacións que non chegan a representar ningunha ruptura de pendente. A sétima categoría fórmana aqueles cantís de menos de 30 metros de altura e unha pendente que se sitúa entre os 30 e os 50º. Trátase dunha tipoloxía que domina fundamentalmente no sector nororiental das illas e que en tódolos casos ven acompañada dunha plataforma litoral a partir da cal existe unha ruptura de pendente (Figura 16). Pode aparecer un segundo nivel de plataforma ou zona plana, que da paso a unha pendente que se vai reducindo conforme vai aumentando a altitude. A plataforma característica desta tipoloxía, que pode acadar os 2 metros nas zonas de maior desenvolvemento, é o feito que a diferencia da seguinte tipoloxía descrita.

28

O tipo 8 presenta as mesmas características de altitude e pendente que o anterior grupo, pero diferenciándose deste na ausencia de plataforma litoral (Figura 17). Estamos ante unha categoría cunha presenza xeral bastante reducida e que se atopa case na súa totalidade no extremo norte da área de estudo e máis concretamente na súa vertente oriental. Presenta unha pendente bastante tendida, pero con ondulacións, que forma un cantil que entra directamente no mar. A súa vez, o desenvolvemento lonxitudinal é maior que o da categoría anterior. O noveno tipo está asociado a unha costa con altitudes comprendidas entre os 30 e os 80 metros e unhas pendentes fortes, de entre 30 e 50º. Estamos ante unha tipoloxía distribuída na vertente occidental das illas, destacando a súa presenza cara a zona norte, pero sen chegar a representar unha das categorías principais dentro do ámbito de estudo deste traballo. Está formada por cantís que entran directamente ao mar e nos que non aparece ningún tipo de acumulación (Figura 18), o que se debe relacionar coa súa posición, en zonas de impacto das ondas, que impiden dita acumulación. A pendente deste grupo é máis acusada na parte baixa, existindo unha ruptura a media altura a partir da cal a pendente vai reducindo a súa potencia progresivamente. A derradeira tipoloxía (Tipo 10) é a que presenta as altitudes (
Lihat lebih banyak...

Comentarios

Copyright © 2017 DATOSPDF Inc.