Presencia da Nación! O galeguismo xuvenil de Xaime Isla

Share Embed


Descripción

  

Presenza da nación! O galeguismo xuvenil de Xaime Isla XO S É L . PA S TO R I Z A RO Z A S

N



os relatos e recontos verbo da Xeración Galaxia e do galeguismo desde a II República sempre se anota unha ausencia ou unha presenza velada: a de Xaime Isla Couto, o proxectista, ideador e imaxinación creadora do grupo que liderou a resistencia interior do galeguismo tras a Guerra Civil. O propio Xaime contribuíu a este minguamento biográfico. De todos era ben coñecida a súa loita interior coa escrita, a súa confortable estadía nos eidos da palabra falada e da conversa maiéutica, e o seu teimudo perfeccionismo que o sumía nun desacougo interior que o paralizaba. A celebración do centenario do seu nacemento —a noitiña do 23 de outubro de 1915 na vella casa cuartel da Garda Civil de Santiago de Compostela, a carón da igrexa de San Miguel dos Agros— obríganos a un exercicio de memoria colectiva que sitúe con precisión o seu protagonismo na reconquista da nosa soberanía cultural e do autogoberno político tras a esperanza esmagada do Estatuto de 1936. Emporiso, cómpre recuperar o xuízo do seu amigo e irmán “galaxiano” Marino Dónega, que nos advertía nas súas memorias do risco de que ao Xaime o “papen as baleas do esquecemento”. Porque este compostelán de nacemento, vigués de adopción, mariñeiro de Raxó e pontevedrés de cidadanía, consciente ou inconscientemente, por obra ou por omisión, permitira que o tremor íntimo ante a folla en branco o deixase “a navegar polo mar das neboentas lembranzas”1. Se cadra non mallou na escrita coa farturenta vivacidade de Paco del Riego ou Ramón Piñeiro. Pero abofé que escribiu, especialmente tras do anonimato, dos pseudónimos e dun amplo e descoñecido epistolario. Este desafío obrigounos a identificar os seus numerosos escritos anónimos e recoñecer como unha mesma persoa o Lourenzo da III liña de Ultreya, a Illa, a Santiago Fernán-

dez, ao poeta Jacob, ao sarxento Isla, a Nikilitó, a Jaime Lorenzo ou ao Sant-Iago da súa correspondencia con Ánxel Casal. Porque detrás destas máscaras agroma unha mesma persoa: o economista, o político, o emprendedor, o construtor de contrastes; pero sobre todo o artista, coas luces e sombras dun creador polifacético, enérxico, ciclotímico, apaixonado, impertinente e precoz, que viviu a frustración dunha carreira artístico-filosófica a prol dun camiñar polo areeiro que representaba o mundo da avogacía. En contrapartida a este sacrificio, o Dereito ofreceulle unha riqueza material —canalizada con xusteza cara á filantropía e o mecenado— que nunca compensou unha íntima penuria espiritual polas renuncias que provocou, mirrando os froitos ventureiros da súa bohemia idealista. Mais hai esperanza fronte ao nubeiro do esquecemento. Xaime amoreou e conservou —nunha caótica e memorable desorganización documental— centos de documentos, cartas, fotografías e recordos que agardan a teimosa e artesá reconstrución dunha vida2. Ou máis ben de dúas vidas, porque nesta urda documental tamén se nos agocha a biografía do seu irmán Ramiro Isla, dinamizador infatigable do nacente nacionalismo galego alén mar nos anos vinte do século pasado. Neste artigo presentamos unha serie de catas na biografía de Xaime Isla entre 1927 e 1950, intre no que remata a fase xuvenil do seu galeguismo dando paso ao despregamento pleno da estratexia de batalla política a través da cultura. Porque será en 1950 cando aquel feixe de homes novos deixen de ser os das Mocedades Galeguistas para se transformar nos de Galaxia, intre no que Xaime argalla formalmente a “mercantilización do galeguismo”, unha alternativa de resistencia política inédita que transformou o consello do Partido Galeguista (PG) no consello

  

C O N S T R U Í R

G A L I C I A

Xosé L. Pastoriza Rozas é padroeiro e investigador

de administración dunha sociedade mercantil por accións e os seus militantes e simpatizantes en accionistas. Pero esta xa é outra das historias.

da Fundación Isla Couto.

A universidade epistolar do nacionalista máis novo de Galicia Historicamente, o galeguismo adoita ter un aire de familia. Os Isla Couto únense á liñaxe de irmáns no sangue dos Villar Ponte, os Beiras ou os Álvarez Blázquez. Entre Ramiro e Xaime —irmáns máis vello e máis novo respectivamente da prole de nove fillos de Fidel Isla Araújo e Manuela Couto Pazos— axiña xurdiu unha relación de profunda e íntima protección e admiración malia os dezanove anos que os separaban. A súa vida decorreu nun prolongado afastamento físico compensado pola morna calideza dun mutuo discipulado afectivo materializado nun epistolario que amosa un proceso de xenuína iniciación nacionalista. Porque a humilde familia de Xaime viviu en carne propia o drama da emigración. Unha separación e un sacrificio compensado pola atmosfera cosmopolita de Buenos Aires que arrequeceu o espírito sensible e espelido de Ramiro. Un mociño de quince anos, de brillante expediente académico que emigra para situarse nun comercio dun tío materno por ver de axudar os seus pais e irmáns. No Río da Prata estudará comercio e para mariño mercante. Tras un breve regreso á Terra entre 1918 e 1922 —coutado polo servizo militar na guerra de África e a creba posterior da Casa Banca Deza de Vilagarcía, para a que traballaba de apoderado nun estaleiro á sombra do castelo de San Filipe, en Ferrol—, regresa á Arxentina para fundar a Irmandade Nazonalista Galega por encomenda de Vicente Risco. Mais non será até finais de 1931 cando se instale coa súa muller Chita Lamas en Galicia. E en 1937 comezará unha longa peregrinación galeguista e republicana por Portugal, Francia, Cuba, México, Colombia e Venezuela. En 1957 regresa definitivamente a Galicia para, por fin, convivir abeirado ao seu

Excursión dos Ultreya ao monte Alba, 20-II-1933

1. Dónega, M. De min para vós. Unha lembranza epistolar. Vigo, Galaxia, 2002, p. 22. 2. O arquivo persoal de Xaime e Ramiro Isla Couto atópase nun proceso inicial de ordenamento, clasificación e inventariado na sede da Fundación Isla Couto (FIC) en Vigo. Estes traballos de organización están financiados pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.



  



irmán e aos proxectos da Editorial Galaxia, SEPT e da Fundación Penzol durante case outros trinta anos. En todas estas distancias, as cartas marcaron o ritmo da súa relación, que evolucionou desde o discipulado á complicidade, desde a iniciación á camaradería, desde a imitación fraternal ao respecto e amor na diferenza3. En 1928, por mediación das amizades de Ramiro, Xaime recibiu o seu bautismo como “o nacionalista máis noviño de Galicia” na dedicatoria que Eduardo Blanco Amor grava no folleto da súa conferencia “La nueva emoción gallega”. A principios deste mesmo ano enviara a súa primeira carta en galego a Ramiro para que lla corrixise e “saber de punta a cabo o idioma galego” que escoitaba con aires da Ulla dos beizos dos seus pais4. Mais as aprendizaxes epistolares de Ramiro non pararon no idioma, senón que abrangueron unha formación humanista integral deste “pequeno gran nazonalista”. Desde as provincias de Misiones, Chaco ou Corrientes, onde traballaba de viaxante de comercio, Ramiro ábrelle a luz da conciencia galeguista e da inquedanza intelectual cunha esforzada pedagoxía epistolar. A bordo dos vapores que navegaban os ríos Paraná e Paraguai, Ramiro escríbelle falándolle de todo: estética, política, literatura e da súa vida naqueles territorios guaranís de fronteira, mestura de charrúa e selva, de humidades tropicais e comercio con algodón, quincalla, tecidos e plumas na compaña de Eliseo Pulpeiro. Este “intercambio espiritual” deixoulle unha profunda pegada, coidándoa “un tesouro, a mellor fonte de información que tiven”, pois o forneceu cunha vasta erudición intelectual5. A súa brillantez nos estudos inzaron de optimismo e de “esperanzas venturosas no futuro” a Ramiro, que ollou nel “unha prolongación dos meus caros anceios” que compensaban a frustración da súa propia carreira académica6. E desde alén mar ateigábao con moreas de publicacións e libros galegos e non galegos, alimentando o seu voraz maxín coa Revista de Occidente, Céltiga, A Nosa Terra (ANT), A Fouce, La Gaceta Literaria e os suplementos literarios dos xornais arxentinos La Prensa e La Nación. Nas súas cartas Ramiro actúa coma un mestre no nacionalismo desde unha rigorosa ética de deberes inescusables: amar Galicia e identificarse con ela; empregar o galego e ler en galego para se galeguizar; ou coñecer a historia de Galicia7. Mais tamén afonda nas virtudes persoais que deben ser sinal de identificación co Ideal e a “Santa Causa”: o sacrificio, a paciencia, a humildade, a austeridade, a rectitude, a coherencia e a responsabilidade. Teimosamente actuou durante cinco anos como un mentor no sangue que axu-

dou a Xaime a florecer vitalmente como un nacionalista xuvenil de primeira hora, un intelectual e bibliófilo, un debuxante vocacional e un republicano nacionalista arredista. Podemos afirmar que Xaime —unha vez convertido plenamente á chamada nacionalista no verán de 19288— desenvolverá a súa vida sobre o modelo e exemplo do seu irmán, que soubo recoñecer nel unha “intelixencia desperta e fina” e unha “concencia limpa, ergueita e avizorante ó rexurdimento da terra”9. E sempre atopará no seu irmán o acompañamento, comprensión e nutrimento necesarios para vencer as “xurdias dificultades” da vida, e un cómplice de angueiras. Cando no verán de 1930 Xaime lle comunica a súa vocación de mestre10, Ramiro apóiao entusiasticamente: desde as páxinas d’A Fouce, e co apoio da Sociedade Nazonalista Pondal, proporá a creación da Asociación Protectora do Ensiño Galego11. Amais, grazas a esta correspondencia podemos fixar a ideoloxía de Xaime no fervedoiro social e político da II República e achegarnos aos diversos estadios da súa evolución persoal: firme na Nación, atoutiñante na ideoloxía. Daquela “todas las ideas provocan lucha dentro de él y así lo que va diciendo está teñido con su personalidad”, tal e como o xornalista Johán Carballeira describira asisadamente nunha súa reportaxe sobre o Instituto de Vigo12. Na súa vida permaneceron os riscos de carácter asociados a unha “inteligente curiosidad”: exploración de alternativas, imaxinación creadora, ideación prospectiva e ensoñamento de utopías. Así, en maio de 1931 comunícalle a Ramiro a súa simpatía polo Partido Republicano Radical Socialista, inspirado por Gregorio Marañón e liderado, entre outros, por Marcelino Domingo, futuro ministro de Instrución Pública, que deseñaría canda os homes da Institución Libre de Enseñanza o Plan Profesional de Maxisterio polo que estudará a carreira de mestre na Escola Normal de Pontevedra entre 1933 e 1936. E dentro desta corrente de simpatía socialista e admiración polas conquistas sociais e culturais da Revolución rusa, farase cotizante do Socorro Rojo Internacional e participará na creación en Vigo da Asociación de Amigos da URSS13. Nesta alborada republicana, o Xaime filosocialista, republicano, con acenos anticlericais e nacionalista —que da man do seu pai asiste ás xuntanzas preparatorias do Grupo Autonomista de Vigo—, inicia no Instituto de Vigo, no que ingresa en 1927 tras o seu paso de dous anos polos Salesianos de San Matías, unha actividade infatigable de proselitismo cultural e político a través da Asociación de Alumnos e Antigos Alumnos do Instituto —inspirada polo seu cate-

  

No verán de 1935 participou na Xeira do Deza do Seminario de Estudos Galegos, ao que Xaime Isla se incorporou, como alumno-bolseiro, da man de Xosé Filgueira Valverde

drático de agricultura Julián Alonso— e da Asociación Escolar de Iniciación Cultural. Como secretario xeral desta última envía en 1930 cadanseu telegrama e carta de adhesión á VI Asemblea das Irmandades da Fala celebrada na Coruña o 27 de abril e a Ramón Otero Pedrayo, homenaxeado en Ourense o 8 de xuño14. Ao tempo, promove unha Agrupación Escolar ao Servizo da República —a semellanza da liderada por Gregorio Marañón, Pérez de Ayala e Ortega y Gasset e do seu comité local vigués, dirixido por Manuel Gómez Román, Roberto González Pastoriza e Xerardo Álvarez Gallego15. Xaime gabarase toda a súa vida de proclamar a República no Instituto de Vigo unhas horas antes ca en Madrid perante os líderes da Juventud Republicana e grazas á xenerosa complicidade do conserxe “republicanote” do centro. Tras ser retirada pola policía en dúas ocasións a bandeira tricolor do mastro da entrada do Instituto, finalmente a nova bandeira ondeará sen máis desacougos tras a chegada da confirmación oficial. E de aí as manifestacións populares de celebración e un seu discurso satírico ás portas do cárcere de Vigo pedindo a liberdade dos presos. Mais a soidade xuvenil nacionalista axiña atopará un espazo onde se desenvolver con plenitude coa aparición dos Ultreyas. A asociación de Álvaro de las Casas casaba perfectamente co

3. No arquivo da FIC localizáronse polo momento 51 cartas enviadas por Ramiro Isla ao seu irmán Xaime entre 1927 e 1957. 4. Carta de Xaime Isla a Ramiro Isla. S. l., ca. febreiro-marzo 1928. FIC. 5. Conversa de Xaime Isla Couto con María Luísa Brey. 1993. FIC, e Víctor F. Freixanes, Unha ducia de galegos. Vigo, Galaxia, 1982, pp. 166-167. 6. Carta de Ramiro Isla a Xaime Isla. Posadas (Misiones). febreiro-marzo de 1928. Carta de Ramiro Isla a Xaime Isla. Mercedes, 6-IX-1930. 7. Carta de Ramiro Isla a Xaime Isla. Goya, 21-IX-1928. FIC. 8. Carta de Ramiro Isla a Xaime Isla. Goya, 21-IX-1928. FIC. 9. Carta de Ramiro Isla a Xaime Isla. Buenos Aires, Nadal de 1928. FIC. 10. Carta de Ramiro Isla a Xaime Isla. Curuzú Cuatiá, 15-VIII-1930. FIC. 11. Carta de Ramiro Isla a Xaime Isla. Posadas, 22-V-1931. FIC. 12. J. Carballeira. “De 11 a 12 en el Instituto”. El Pueblo Gallego (EPG), 19-IV-1930. 13. O comité local do Socorro Rojo Internacional créase en Vigo o 18 de outubro de 1931. EPG, 15/17-X-1931. A Asociación de Amigos da URSS de Vigo créase o 5 de agosto de 1933, El País. Diario Republicano de la Tarde, 5-VIII-1933. 14. A adhesión á Asemblea das Irmandades da Fala aparece recollida en A Nosa Terra (ANT) 271, 1-V-1930. A carta de adhesión á homenaxe a Otero Pedrayo atópase na Fundación Penzol. 15. EPG, 15-IV-1931.



  

degoiro que Ramiro lle expresara en maio de 1931: O que eu desexaría, agora, é que vosoutros, os rapaces galegos, os galegos de mañán, vos orgaizárades, ó comenzo de un xeito liberal, sen eisixir os adherentes maiores sagreficios, pra que se vaian compenetrando pouco a pouco coa Terra e desperto o agarimo a Ela, criado o sentimento viría logo o vencello que sería a base da discipriña e vontariamente xurdirían as auto-obrigas coa Terra16.

Ultreya e as Mocedades Galeguistas: o falar e facer da xuventude de estrelas



Xaime Isla vivirá o ano 1932 como iniciático e transcendental. Na compaña de Ramiro, visitará Ourense e Pontevedra para coñecer os persoeiros galeguistas que lle dan a benvida á “pura e rica vivencia na irmandade galeguista” naqueles anos de “pletórica esperanza”17. A fins deste ano recibe a encomenda de organizar a sección xuvenil do Partido Galeguista (PG) en Vigo18, mais previamente Álvaro de las Casas encárgalle que promova a creación da III Liña de Ultreya19. Con este movemento xuvenil vivirá experiencias que lle provocan “un cúmulo de procesos emocionales”, “una profunda revolución en el vivir”, “una construcción afanosa de nuevas conceptualizaciones espirituales, sentimentales y sensibles”20. O abrollar violento desta convulsión íntima acontece a Semana Santa de 1932 —do 20 ao 27 de marzo—, na que participa na Xeira dos Ultreyas á Misión Biolóxica de Galicia na Granxa de Salcedo (Pontevedra)21. Esta estadía agasallouno cunha dupla hierofanía: a económica e a relixiosa. No primeiro caso polo contacto coa obra de Cruz Gallástegui e o problema económico de Galicia causado polo centralismo e proteccionismo do Estado. “Coido que a Misión espertou en min —que matizaba mais ben ir para filósofo— unha nova vocación ao mostrarme o valor instrumental da economía e da técnica para liberar o home, singularmente no meu caso, o home galego, primixenio, o da miña estirpe, o labrego”, lembrará en 198022. Esta experiencia motívao a tomar a decisión de simultanear os estudos de Maxisterio cos de Dereito en Santiago de Compostela. Emporiso, cando Xosé Filgueira Valverde promova en 1935 no Seminario de Estudos Galegos (SEG) a toda unha nova camada de mozos como alumnos-bolseiros das diferentes seccións, encargará a Xaime e a Ánxelo Ramos Colemán a responsabilidade de organizar o traballo diario e práctico da sección de ciencias sociais, xurídicas e económicas, dirixida por Lois Tobío, ausente pola súa carreira diplomática.

Mais ao tempo, en Pontevedra tamén recupera a práctica relixiosa grazas á asistencia aos oficios de venres santo no mosteiro de Poio, visita precedida de cadansúas leccións impartidas por Antonio Iglesias Vilarelle e Filgueira Valverde sobre canto gregoriano e o ritual dos oficios. Atrás quedaba a súa vida de cenáculo anticlerical no grupo Ni amo ni Dios, o consello de disciplina sufrido polos apupos e asubíos ao bispo de Tui e que estivo a piques de lle custar a expulsión do instituto, e a súa resistencia a integrarse na xuventude católica Martín Códax, malia os esforzos do seu profesor de relixión, o crego Emilio Martínez, o Reisiño. Cando se instale definitivamente en Pontevedra a comezos de 1933 como xefe de estudos da nova Residencia de Estudantes de Campolongo, dirixida por Bibiano F. Osorio-Tafall, pasará moitas horas da súa vida no local de Labor Galega, xunta a Filgueira e Vilarelle, moitas das veces rezando en galego os sábados nun cuartiño onde Antonio tocaba o harmonio. Non obstante, coma o lume de loureiro, a forza dos Ultreya adormeceu e no verán de 1933 practicamente esmorecera. Os mozos e mozas atoparan un mellor camiño de traballo nas Mocedades Galeguistas (MG) e na Federación de Estudantes Galegos (FEG)23 onde a súa nacente capacidade organizativa madureceu na ringleira interminable de cargos e iniciativas que asumiu: secretario xeral da MG de Vigo; secretario de organización da Federación de Mocedades Galeguistas (FMG); membro fundador da sección escolar da FMG en Pontevedra; vogal da Asociación Profesional de Estudantes de Maxisterio de Pontevedra; impulsor da creación da FEG e da Unión Galega de Estudantes; secretario xeral e de relacións dentro do comité da organización rexional da FMG do suroeste de Galicia; responsable da fiscalización e redacción de Guieiro. Outavoz Nazonalista da FMG canda a Prudencio Taboada. A raíz desta militancia infatigable recrea un “retrato fidel do nacionalista” tras a máscara do poeta Jacob que aguilloa uns nacionalistas “firmes, seguros, fortes, ledos” cunha “soia inquedanza no espírito, un vieiro, unha orde: Presencia na Nación!” Porque nas “cinco emocións de estrelas” dos mitos patrióticos —coraxe, fortaleza, rebeldía, sacrificio e valor— alenta a “alborada da revolta”24 dunha vida polo ben común baseada na irmandade, o “clima moral e afeitivo do nazonalismo galego” 25. Tanto nas MG como na FMG operou como impulsor, dinamizador e revitalizador. En outubro de 1933, o seu breve artigo “Notas pra un programa da Unión de Mocedades Galeguistas” detona a creación dunha agrupación das espalladas MG chamando á “loita revolucionaria da mocedade

  

galega pola liberdade da súa patria”26. Allariz, Ourense, Celanova ou Pontevedra escoitan a súa chamada: “A mocedade galeguista de Vigo marca o rumbo a seguir”, saudaba ANT27. Cargado de borradores, papeis e proxectos, viaxa a Ourense o 12 e 13 de xaneiro de 1934 para ser nomeado secretario de organización da FMG. E tras desta encomenda, un traballo formidable, penalidades arreo, conflitos internos na MG de Vigo e pobreza de medios: nin mesa, nin ficheiros, nin cartos28. Baixo o guieiro de Francisco F. del Riego —enérxico e arredista secretario xeral da FMG—, Xaime imaxina, proxecta e organiza: no dereito e revés das súas cartas e circulares espalla iniciativas, organiza reunións, diagrama xornais, debuxa organigramas, debate propostas, propón estatutos, ordenamentos e regulamentos, sinala vieiros e abre posibilidades pero cun ritmo que reborda as cativas posibilidades de actuación duns mozos ateigados de responsabilidades estudantís, familiares e profesionais, e tentados polos leceres xuvenís: paseos, cine, café, amor. Para espertar as MG do seu soño letárxico29, o 25 de agosto de 1934 exhorta as MG criticando a súa pasividade e chamando a loitar pola liberación da Patria: “Falouse de abondo xa. Estamos ateigados de literatura; mais achámonos enxoitos de acción”30. O PG gaba “o clarinazo do irmán Illa”31 e Alexandre Bóveda relouca con este xiro organizativo: “¡Así é como eu tiña imaxinado á FMG!”32 De súpeto o lema “falar e facer” converterase no leitmotiv dos grupos da FMG33. Este berro rebelde e épico non caeu no baleiro e espertou unha enerxía volcánica. Desde Celanova, Celso Emilio Ferreiro adhírese con belixerancia postulando que en cada Mocedade se fixese unha escolleita de “patriotas fortes e decididos, pra que cando faga falla, saian á rúa a impoñerse pola violencia”34. Como recuncaba o Illa no seu artigo, “fai máis un sacrificado pola Causa que cen discursos poéticos”, e el mesmo foi dos primeiros en “poñer o peito adiante como bandeira ao vento” na acción directa. Ao día seguinte do seu “clarinazo”, celebrábase no parque de Castrelos de Vigo un banquetehomenaxe do Partido Radical de Lerroux ao seu fundador e xefe provincial, o deputado Emiliano Iglesias. Aquela multitudinaria homenaxe de dous mil “comellóns” —segundo ANT— provocou un conflito de orde pública. Catro mozos —Antonio Costas, Enrique Varela, Xosé Bieito e Xaime Isla— botáronse ás rúas e paseos de Vigo a espallar follas clandestinas contra o homenaxeado. Antonio foi detido pola policía igual que Enrique, que tivo que deixar de fuxir ao pegar un tiro os gardas de asalto, mentres que Xaime e Bieito lograron burlar a persecución. Grazas a esta

16. Carta de Ramiro Isla a Xaime Isla. Posadas, 22-V-1931. FIC. 17. Freixanes, V. Op. cit., p. 168. 18. EPG, 9-XII-1932. 19. No arquivo da FIC consérvanse sete cartas de Álvaro de las Casas dirixidas a Xaime Isla e unha carta de Xaime a De las Casas coa lista de membros dos Ultreya de Vigo, todas elas datadas en 1932. 20. Carta de Julián Alonso Rodríguez a Xaime Isla Couto. Cádiz, 10-XI1932. FIC 21. Casas, Álvaro de las, e outros (Remixio González Gándara, Alexandre Agra Cadarso, Miguel Roig Lestón, Rufo P. González, Carlos R. Padín, Xohán Astorga Anta, Xaime Isla Couto, Manuel Rei Lado): “Ultreya. 1ª. Xeira (Misión Biolóxica de Galiza), Nós 106 e 107, Ourense, outubro e novembro, 1932. Fíxose separata do diario da xeira. 22. Xaime Isla. “A “Revista de Economía de Galicia”: Notas personales para unha historia”, en Galicia 1950-1980 trinta anos de cultura, Vigo, Galaxia, 1980, p. 8. 23. Carta de Xaime Isla a Francisco Fernández del Riego. 1933. Biblioteca Francisco Fernández del Riego-Fundación Penzol (BFFR-FP). 24. Vid. Jacob. “Alborada da revolta”, ANT 411-412, 1-V- 1936; “Retrato fidel do nacionalista”, ANT 411-412, 1-V-1936; “Poema da Revolución nacional. Elexía valente para o mariscal Pardo de Cela”, ANT 416, 29-V1936. 25. Illa. “No plano de acción da Mocedade. Os irmáns e a irmandade”, ANT 395, 20-XII-decembro 1935. 26. “Notas pra un programa de Unión de Mocedades Galeguistas”, ANT 312, 2-X-1933. 27. ANT 316, 6-XI-1933. 28. Carta de Xaime Isla a Francisco Fernández del Riego. S. l, ca. febreiro de 1934. BFFR-FP. 29. Carta de Xaime Isla a Francisco Fernández del Riego. Pontevedra, 8-II-1934. BFFR-FP. 30. Illa Couto, X. “Falar e facer”, ANT 345, 25-VIII-1934. 31. ANT 345, 25-VIII-1934. 32. Citado en carta de Xaime Isla a Francisco Fernández del Riego. Vigo, 4-IX-1934. BFFR-FP. 33. Taboada, P. “Un pouquiño máis”, Guieiro. Outavoz Nazonalista da FMG 4 en ANT 349, 22-IX-1934. 34. “¡Presentes! Pra X. Illa Couto”, Guieiro. Outavoz Nazonalista da FMG 2 en ANT 347, 8-9-1934.



  

acción, os mozos galeguistas apareceron na prensa española e o Emiliano dedicoulles a parte máis sañuda do seu discurso, criticando por vez primeira os galeguistas35. Ao tempo, a vida da FMG non era allea ás circunstancias conflitivas do Estado. Naquela altura, a “guerra civil latente” xa agromaba con sinais de violencia. A declaración do estado de guerra en outubro de 1934 polo goberno de Lerroux ante a folga xeral insurreccional, a proclamación do Estado Catalán e a revolución en Asturias desbaratou todas as iniciativas da FMG. A escuridade daquelas semanas anticipou o que habería de vir no 36: Castelao e Bóveda desterrados, o local do PG en Vigo clausurado tras o tento de rexistro dos seus ficheiros, o correo revisado e requisado para fichar os militantes da FMG, ANT censurada e suspendida a súa publicación36. En decembro a FMG ponse en marcha outra volta coa preparación da II Asemblea. Na súa despedida pública da secretaría de organización, Isla gaba o traballo deste primeiro ano da FMG que sementara nos mozos a unidade da Idea nacional, mais se cadra tiñan razón os críticos en sinalar que houbera moito de indecisión, literatura e soño37. Amais, as tensións ideolóxicas frustrarían paseniñamente o seu esforzo por evitar o sectarismo baixo o ideal de nacionalizar íntegra e totalmente a vida da Patria, nacionalizando a democracia e mesmo as ditaduras, fascista e comunista38. Entre o 20 e 21 de abril de 1935 celébrase en Santiago de Compostela a II Asemblea da FMG. A esgotadora travesía pola secretaría executiva chegaba á súa fin. Tocáballe ao grupo decano de Ourense facerse cargo dos destinos da organización. Mais non recuou no seu compromiso coa FMG e seguiu a colaborar con paixón e dedicación na orientación doutrinal e organizativa39. Liberado da carga vital da FMG, intensificará a súa colaboración co Seminario de Estudos Galegos pola man do seu secretario, Filgueira Valverde, que lle confía a preparación dunha “Enquesa para o estudio económico i social da Parroquia galega” e mais un “Manual de institucións”. Durante o verán de 1935, camiñará polas Terras do Deza acompañando a Osorio-Tafall como agregado á sección de agricultura, e aplicando de xeito pioneiro toda unha serie de tests psicotécnicos nas escolas do Deza canda aos seus amigos da sección de Pedagoxía e do Laboratorio de Psicotecnia. Mais os tempos abalaban e no horizonte albiscábanse convulsións e conmocións.

Entre a tradición e a traizón: os machadazos brutais da Guerra Civil



Os anos 1935 e 1936 axitaron as augas profundas do seu espírito. No devalar da República

sente a morte dos soños e a poderosa tentación daquela forza reaccionaria —que esmagará as súas esperanzas, asasinará amigos e fenderá a irmandade—, nun proceso inseparable do seu mergullo nunha cosmovisión católica e espiritualista do mundo. A comprensión da súa evolución nestes anos revélase complexa. Un mesmo Xaime e un mesmo pseudónimo —Santiago Fernández— marcan os lindeiros dunha aparente metamorfose. En abril de 1935, Santiago Fernández eloxiaba, defendía e xustificaba o separatismo para que Galicia se remexese do asoballamento e superase o conflito universal entre o catolicismo e o marxismo40. Dous anos despois, un simbólico 25 de xullo de 1937, reaparece o misterioso Santiago Fernández nas páxinas de El Pueblo Gallego (EPG). O arredismo esvaecérase, o patriotismo ficara. En troques de Galicia, a Patria mudara en “España, yugo y haz de naciones”. Aquel “ensayo para una teoría constitucional del Imperio” proclamaba a morte do federalismo, a traizón do internacionalismo e a mentira dos estatutos que debilitaban a enerxía necesaria para a “Gran obra” de España como “unidad de destino en lo universal”41. Velaquí unha mutación e velaquí unha sospeita: traizoara a Causa? Ausentárase da Nación? Naqueles solpores republicanos, o seu catolicismo acrecentarase dun xeito reactivo polo desengano co devir dunha República que idealizara. Desencantado, deixaría de ollar os católicos e as dereitas como as bestas negras da Galicia republicana. Aquela imaxe non se correspondía con persoas como José Antonio Botella, secretario de Acción Popular na provincia e profesor seu no Instituto de Vigo. O día da celebración do triunfo electoral da Fronte Popular, o 16 de febreiro de 1936, acompañouno a xeito de gardacostas para protexelo de posibles ataques e agresións. E nesa noitiña, cos amigos da Xuventude Católica de Pontevedra, fixo garda ante a igrexa da Peregrina polos rumores de que “elementos extremistas” lle querían prender lume. Paralelamente, a súa sensibilidade filosófica atopou en Jacques Maritain un sistema no que ancorar o seu incipiente neotomismo e espiritualismo. En agosto de 1935, na segunda edición dos cursos de verán de Santander, o filósofo francés debulla seis conferencias-leccións dedicadas a “Problemas espirituais dunha nova cristiandade” —anticipo da súa obra Humanismo integral— reivindicando unha civilización cristiá en oposición ao materialismo positivista e marxista. Desde aquel contacto persoal, Maritain marcaría a súa deriva ideolóxica. Con esta bagaxe de lecturas superará con brillantez o exame de reválida do terceiro curso de Maxisterio en xuño de 1936,

  

defendendo unha concepción católica —creacionista, espiritualista e providencialista— do home e do mundo fronte ao materialismo e o mecanicismo do programa oficial42. Previamente, as rupturas no galeguismo polo seu achegamento á Fronte Popular afectaron ao núcleo xuvenil de Pontevedra. Os seus amigos e compañeiros da FMG e da Normal, Manuel Filgueira, Cándido Lozano, Xosé Luís Fontenla e Xosé G. Seoane, canda a Prudencio Taboada e Xosé Sexto, afiliaranse á Dereita Galeguista en maio de 193543. Tal e como lle escribía Xerardo Álvarez Limeses a Alexandre Bóveda, naquel grupo medrara a sensación da “entrega do galeguismo aos nemigos da Relixión” e a súa colaboración no proceso de “descatolización” de Galicia44. Ante este dilema, o posicionamento de Xaime seguirá o exemplo de Otero Pedrayo fronte á arroutada esgazadora de Filgueira Valverde e Vicente Risco, e colaborará coa campaña do Estatuto de Autonomía presentando nas vésperas do referendo os oradores da Fronte Popular nos mitins dos teatros Odeón e Tamberlick de Vigo. Nesta tensión interna da familia galeguista, as MG chegan en risco de ruptura á derradeira asemblea da FMG dos días 2 e 3 de maio de 1936 en Ourense. Fronte aos posicionamentos conservadores e marxistas, Xaime —en representación de ONDA (Orde Nazonalista de Avanzada)— defenderá un nacionalismo integrador e totalitario que se opuxese ao marxismo e ao fascismo mais que, ao tempo, tivese unha orientación pragmática de xeito que, arelando o arredismo como fin último, na táctica política se procurase unha postura intermedia máis posibilista. Esta opción foi referendada maioritariamente evitando o emprego da verba separatismo nos postulados da FMG. Polas crónicas da asemblea coñecemos tamén a súa simpatía por Álvaro Cunqueiro —opositor ao marxismo como contrario ás esencias tradicionais— e propoñente de “Primeira Unión de Mocedades pola Patria” para a nova denominación da FMG que se debatía. As longas horas de debate non fixeron vir a masa dunha postura doutrinal concreta. Tan só un punto de acordo maioritario: mudar a denominación da agrupación para Federación de Mocedades Nacionalistas45. O 2 de xullo de 1936, tras o acto de proclamación oficial dos resultados do referendo do Estatuto en Santiago de Compostela, partía co SEG a unha nova xeira por terras de Fisterra como agregado á sección de Xeografía ao abeiro de Otero Pedrayo. Aquel convivir fraterno cheo de esperanzas no futuro manifestouse nas súas crónicas como “xornalista amateur” publicadas en EPG46. Mais a guerra caeu sobre todos eles coma un machadazo brutal. Naquel fin da Terra abriría o día que sen-

35. Na crónica de ABC publicada o 28 de agosto reprodúcese unha escolma do discurso de Emiliano Iglesias onde cualifica os galeguistas de oportunistas que só buscan postos e prebendas. Á detención destes mozos refírese ANT no número 346 (1-IX-1934). 36. Carta de Xaime Isla a Francisco Fernández del Riego. Residencia de Estudantes de Pontevedra, 28-10-1934. BFFR-FP. 37. Illa. “Índice”, Guieiro. Outavoz Nazonalista da FMG 15 en ANT 361, 13-IV-1935. 38. Carta de Xaime Isla a Francisco Fernández del Riego. Pontevedra, 27-II-1934. BFFR-FP. 39. Illa. “No plano de acción da Mocedade. Os irmáns e a irmandade”, ANT 395, 20-XII-1935; “No plano de aición da FMG. Células”, ANT 388, 2-XI-1935; “No plano de aición da Mocedade. A estructura xeral”, ANT 390, 15-XI-1935; “Proiecto de Estatuto da FMG”, Guieiro. Outavoz Patriótico da FMG 10, 15-IV-1936. 40. Santiago Fernández. “Inquérito. Defensa, xustificación i-eloxio do separatista”, Guieiro. Outavoz Nazonalista da FMG 16 en ANT 362, 20-IV1935. 41. Santiago Fernández. “España, yugo y haz de naciones. Las tres antítesis previas. Ensayo para una teoría constitucional del imperio”. EPG, 25VII-1937. 42. “Examen de conjunto”, Pontevedra, 12-VI-1936. FIC. 43. Lista de afiliados á Dereita Galeguista de Pontevedra, en Antuña Souto, C. O galeguismo na provincia de Pontevedra (1930-1936). Sada, Ediciós do Castro, 2000, p. 452. 44. Carta de Xerardo Álvarez Limeses a Alexandre Bóveda. Poio Pequeno, 19-IV-1935. Transcrita en Castro, X. O galeguismo na encrucillada republicana, vol. II. Ourense, Deputación de Ourense, 1985, pp. 914-916. 45. Guieiro. Outavoz patriótico da FMG 12, 1-VI-1936. 46. “O Seminario de Estudos Galegos en Fisterra”, EPG, 9-VII-1936; “Co Seminario de Estudos Galegos en Fisterre”, EPG, 10-VII-1936; “Co Seminario de Estudos Galegos en Fisterre”, EPG, 15-VII-1936. As crónicas son reproducidas neste número de GRIAL.



  



tenciaba unha época. Tan só a intervención do padre Xesús Carro evitaría que un grupo de falanxistas dese comezo a “limpeza”47. De súpeto, o “caos brutal” da guerra esmagaría o degoiro dos persoeiros da Dereita Galeguista que lideraban a xeira: “Non queremos pra os nosos mozos o destiño de seren víctimas ou asesiños; desexamos enchelos de desprecio á dinamita i á pistola como medios de acción política: nin puños pechados nin brazos en outo”48. Durante a guerra, o seu itinerario vital “complexizouse” cun milladoiro de experiencias: agochado, suspendido do maxisterio, mobilizado, exiliado frustrado, ocultador de fuxidos, artilleiro vitorioso, doente de paludismo, correspondente de guerra premiado, conspirador renacido. Xaime afastouse de Vigo para evitar as represalias e agocharase, durante un mes, na escola da súa irmá Blanca, no lugar do Casal (Budiño, O Porriño). Mais antes acudiu cun carreteiro a recoller os restos que ficaran do local do PG en Vigo asaltado polos falanxistas o día anterior. Afortunadamente, Xaquín Domínguez enterrara a documentación máis comprometedora —as listas de afiliados do PG— e, xa estando incorporado en filas, foi fusilado no Castro tras un xuízo sumarísimo instantáneo acusado de derrotismo. Naquelas semanas oculto, vive atormentado, lendo e escribindo teimudamente e sen sosego49. Entrementres, a policía erroneamente rexistra o domicilio familiar na rúa México de Vigo na procura de probas contra Ramiro, polo que unha irmá corre ao seu piso real en García Barbón para queimar a documentación comprometedora. Naquel angustioso lume finarían todas as cartas de Xaime a Ramiro e toda a súa correspondencia nacionalista desde a Arxentina. As desgrazas medraban: o 30 de agosto, o gobernador civil de Pontevedra, Ricardo Macarrón, prohibirá a cinco alumnos da Escola Normal de Maxisterio —entre os que estaba tamén Ramón de Valenzuela— escoller escola para o seu ano de prácticas docentes “en atención a la ideología política de los mismos”50. A comezos de 1937 a situación familiar resultaba dramática: Ramiro encarcerado en Verín —onde procurara a axuda do amigo desterrado V. Paz-Andrade— tras o tento frustrado de fuxida a Portugal, xunto con Xaime e Roberto González Pastoriza, empregando como tapadeira unha das furgonetas para a recollida do cornello de centeo do Instituto Bioquímico Miguel Servet no que traballaba o seu irmán Fidel; Xaime, impedido para escoller escola; a mestra Blanca suspendida até que non se resolvese o seu expediente de depuración; e os curmáns de Castelao, Manolo e Pepe, agochados no piso de Ramiro. Afortunadamente, o seu pai, o garda civil retira-

do Fidel, convencía o antigo camarada, o Rabioso —alcume do sádico tenente Fernando González— para que liberase a Ramiro, preso no Frontón Vigués. A súa salvación definitiva logrouse ao pasar legalmente a Portugal para colaborar coa oficina do Miguel Servet no Porto canda o médico galeguista Ramón Obella e traballando ás ordes do significado “nacionalista” Emilio Martínez-Baladrón na representación portuguesa do Comité Nacionalista de La Habana. Mais non renunciaron á súa fidelidade republicana, axudando a exiliarse a Antón Alonso Ríos e Ramón Martínez López. En outubro, a quinta do 1936 é chamado a filas con tan só unha esperanza no horizonte para evitar a mobilización: o levantamento da suspensión na elección da escola. Os compañeiros galeguistas mestres en prácticas do Grao Profesional —Manuel Filgueira, Enrique Longa e Francisco Bastida— zafaranse do exército ao ocuparen os seus destinos nas escolas. O escrito de descargo de Xaime enviado ao Goberno Civil en setembro foi rexeitado tras a confirmación da súa militancia no PG e ser considerado un “galleguista furibundo, propagandista del separatismo gallego” polo párroco de Santiago O Maior de Vigo. A partir daquel intre, contaría con catro anos para construír unha coartada que lle permitise recuperar o seu posible futuro como mestre. Ata outubro de 1941, cando é inhabilitado por un ano no dereito de elección de escola, existe un deliberado esforzo por construír a imaxe dun moderado adicto á nova causa: colaborador cun artigo na revista Spes da Xuventude Católica de Pontevedra51, cronista de guerra para EPG —o xornal da Falanxe—52, e oficial da plana maior de artillería do “Exército Nacional”. E dentro desta necesidade de sobrevivir no “Estado Novo” debemos de situar o seu ventureiro carlismo. Lexitimamente podemos preguntarnos se se significou como carlista ou tradicionalista e cales foron as “compañas perigosas” que fixeron que Enrique Peinador moderase a súa participación na reconstrución do PG. Nos escritos de descargo do seu expediente de disciplina, dá conta de como o propagandista do Requeté, Xesús Nieto Pena, o sinalara como singular elemento para as tarefas de organización e propaganda tradicionalista ante Ramón G. Babé, presidente da Comunión Tradicionalista de Vigo e secretario provincial de Falanxe53. Porque entre Xaime e os postulados tradicionalistas existía unha afinidade ideolóxica nucleada arredor do anticomunismo e da defensa do catolicismo. Nunha carta datada en marzo de 1936 dirixida á Unión de Asociacións Anticomunistas de Alemaña revela a súa crenza na existencia dunha conspiración para unha insurrección comunista en

  

Na fronte de Aragón, con Pepe Míguez Leitón, 1938

España e afírmase como un militante patriota oposto aos movementos disgregadores da Patria e da Tradición Católica. Ante o “peligro comunista”, demanda desta asociación —dirixida polo nacionalsocialista Adolf Ehrt, autor do libro Révolte Armée: Révélations sur la tentative d’insurrection communiste a la veille de la Révolution Nationale— orientacións para combatelo54. Por outra banda, moitas das súas amizades galeguistas católicas optaron por unha afinidade ideolóxica co Tradicionalismo, integrándose algúns deles como combatentes no Requeté, como Anxelo R. Colemán e Xaime Vidal. Nas súas conversas recoñecerá que moitos mozos galeguistas entendían que naquela situación límite o bando tradicionalista podía ofrecer estratexicamente unha oportunidade para a supervivencia dos restos do esborrallamento galeguista provocado polo Movemento. E, tras a guerra, Álvaro Cunqueiro mesmo lle suxire crear unha masonería galeguista para conservar os valores culturais da Terra. Emporiso, estas alternativas respondían á conciencia de ser máis que nunca unha “minoría á intemperie” completamente vulnerable á espada do Leviatán franquista. Xaime incorpórase a filas en febreiro de 1937 no Rexemento de Artillería número 15 de Pontevedra, mais solicitando realizar os cursos para oficiais de aviación. Rexeitado, pediu ir como voluntario á fronte nunha das baterías do grupo do

47. Declaracións de Manuel Filgueira Lois, fillo de Manuel Filgueira González, ao autor do artigo. 48. Programa da Dereita Galeguista de Pontevedra, Castro, X., op. cit., p. 889. 49. Isla Couto, Xaime. “A Revista de Economía de Galicia: Notas personales para unha historia”, en Galicia 1950-1980, trinta anos de cultura. Vigo, Galaxia, 1980, p. 8. 50. Libro de Actas da Escola Normal de Pontevedra 1936 (Arquivo da Universidade de Vigo). 51. Jaime Isla. “Cruz y espada”, Spes. Órgano de la Juventud Católica de Pontevedra 45, 1938. 52. “Paz en la guerra” (12-XII-1937); “Elogio y virtud de las planas mayores” (2-III-1938); “Arquitectura bélica: la chavola” (24-VIII-1938); “El enlace de la moto” (27-VIII-1938). 53. No expediente de disciplina e depuración do Maxisterio, conservado no Arquivo Xeral da Administración (32-12893-00026), recóllense dous escritos de descargo: un de 5-IX-1936 e outro de 10-II-1939. No arquivo da FIC consérvase a copia doutro escrito de descargo máis amplo de 1IV-1941. 54. Carta de Xaime Isla á Union des Associations Anticomunistes de Allemagne. Vigo, 2-III-1936. FIC. A carta é o orixinal e ignórase se efectivamente foi enviada.



  

comandante Nandín, da 108 división, á que se incorpora en outubro en Aragón. Durante o seu ano de servizo ininterrompido nesta unidade ascenderá a brigada de complemento. Mais o paludismo contraído en Castelló levoulle por diante quince quilos, deixándoo enfraquecido e minguado a nivel corporal e espiritual. Tras a hospitalización en Briviesca (Burgos) e en Vigo, é trasladado en marzo de 1939 ao Rexemento de Artillería número 11 de Burgos. Coa súa batería viaxa desde Cataluña a Madrid, e logo a Cidade Real, onde se atopa co poeta Xosé Crecente Vega. Naquela angustia vital, de soidade e silencios, tentará recuperar a comunicación cos irmáns espallados e illados polas frontes de guerra. Devagar, logra contactar con Anxelo Ramos, Xosé Luís Fontenla, Xosé de Castro-Arines e Xohán Ledo, nunhas comunicacións censuradas inzadas de saudade, tristura e eufemismos. Durante as pousas das frontes de guerra enche cuartillas con notas e cartas aos amigos, ás madriñas de guerra, á familia e á súa moza, a arousá Maruxa Abad. Nun primeiro intre, vive con apaixonamento e fantasía a vida na fronte como medio para materializar o seu ideal de “guerreiro católico”: En el frente encontraremos esa incitación del trabajo y del peligro nuevos que interesarán toda nuestra adhesión pero aquí es distinto. Hoy por hoy el frente para mi es la salvación, la tarea que conformará todas mis inquietudes. Y aquí, fuera de este puro juego de preparación para el frente (exploraciones, observaciones, paseos militares, cálculos), la desolación55.

Non obstante, esta idealización inxenua non borra a desolación no seu xenuíno sentimento íntimo: Yo quisiera iniciar una correspondencia plena de nuestra amistad tan nueva pero tan segura ya. Y casi con una gran ansia egoísta. La de salvarme de esta desolación de mi espíritu, hace bien poco enriquecido y realizado gozosamente en un clima pletórico de sentimientos —mis amigos, mis libros, mis actividades, mi novia— y ahora, de pronto, hundido en el vacío inaudito de quedarse solo. Sin aire, sin amarras, todas las ligaduras que aún pudieran atarme a lo de atrás las he roto: mis cartas, mis versos, mis dibujos, mis ensayos, destruido todo en ese arranque casi heroico de matar la nostalgia de los recuerdos56.



Desde Aragón tamén logra recuperar a comunicación con Ramiro, que segue a acompañalo como no pasado: aprendéndolle a fumar en pipa, enviándolle tabaco, revistas de arte europeas e literarias portuguesas e brasileiras. Mais ambos os

dous viven na nostalxia da antiga correspondencia en galego: Creo que mi correspondencia no podrá reiterar aquella antigua de cuando tú eras rapaz, por muchas causas, de las cuales ninguna se te ha de ocultar por lo que no voy a enumerarlas. Para mí es una gran satisfacción saber que te la recuerdas y, sobre todo, la emoción que yo pretendía poner en ellas57.

A medida que ía coñecendo como ladaíñas as mortes dos amigos na fronte, sofre de “días negros” polo “desaparecer continuo” no que ficarán Antón Míguez, Ánxelo Ramos, Manuel Ferreirós, Xaime Vidal e o seu máis íntimo amigo, Alfonso Fernández. Naquela desolación, o ánimo do “periodista guerrero” contrasta co seu sentimento amargado e pesimista58, e a súa saudade profunda da vida de estudante59. En maio de 1938 sofre unha profunda crise espiritual na que “desea morirse” e sente desesperación e desacougo. Maruxa comprende a orixe desta súa “dolor moral”: Es algo más que saudade, Jaimiño. Es el cambio profundo que sufrieron vuestras vidas, todos vosotros, los que conocisteis las realidades de esta guerra60.

A recuperación da comunicación cos vellos camaradas, agora “uniformados y rigidos”, servía de paliativo parcial a un fondo pesimismo que non lograba esmagar a lucidez tristeira da circunstancia na que estaban a vivir. Porque naquelas cartas sempre estaban presentes os nomes e voces dos amigos mortos combatendo no “caos cego” da guerra, como na adoecida elexía de Anxelo Ramos Colemán ao saber da morte de Antón Míguez: Sabía la muerte de Antón Míguez Alonso (q.e.p.d.). La de Ferreirós también. Pero la de Antón fue mucho más dolorosa para mí, mucho más de lo que puedas sospechar. Yo no sé si comprendes el hecho de escribir su nombre entero, para mí es un homenaje a su vida y su memoria en la mía, fiel más allá de la vida, de esta vida actual extraña y confusa. […] Todavía no nos llegó el momento de la reflexión, ni de la emoción, pero creo que debemos vivir para hacer realidad nuestro destino. Nosotros permaneceremos unidos en cuanto dure nuestro sentimiento; que durará más que nosotros mismos. La voz de los muertos lo exige. […] Por eso el abismo de nuestra alma se llena con nuestra afirmación. Afirmarnos a nosotros es afirmarlos a ellos 61.

  

Xaime lembrará toda a vida —como “memoria preciosa”— esta carta, porque “esta afirmación, esta fe afondada no íntimo do noso espírito foi a razón vital, sublimada pola traxedia, pra o resto da nosa existencia”62. Porque a guerra cambiounos a todos profundamente, pero afortunadamente non lograra fender a fidelidade aos amigos e á Nación. Os tempos xa eran chegados para “auscultarse a si mesmos”, como pedira o defunto Ánxelo Ramos63.

Epílogo: a realización no fracaso Desmobilizado en agosto de 1939, facíase preciso atopar razóns para manter acesa unha “gran esperanza vital” tras os machadazos brutais que vivira o galeguismo. O gran reto que tiñan por diante aqueles vellos mozos, veteranos da guerra e da saudade dos grandes homes do PG, era mudar outra volta en “xuventude de estrelas”, recuperando unha estrofa do poema “Tarangaños” de Curros Enríquez e que servira no pasado de inspiración ás MG: “¡Troca en homes de ben estes monstros, / que nin mesmo que os viran meigallos; / nunha gran xuventude d’estrelas / esta gran xuventude de sapos!” Xaime toparía a súa fonte de renacemento vital no libro do filósofo existencialista alemán Karl Jaspers, Ambiente espiritual de nuestro tiempo, lido nas frontes de batalla e que afirmaba a posibilidade dunha realización no fracaso64. Asumíndoa revivirían as posibilidades de conspiración para reconstruír clandestinamente un futuro de liberdade. Nos reencontros cálidos coas vellas amizades, compartirá esta esperanza no fracaso que Marino Dónega interpreta como optimismo. Cando despois de tres anos se atope con Francisco F. del Riego en Madrid, no café La Granja El Henar, Paco espetaralle: “Dónega díxome que estabas moi optimista. Pero optimista de que, coño!” Auscultándose a si mesmos e ás circunstancias históricas, descubriron que no sangue de moitos irmáns buligaba o mandato de Suárez Picallo: “É mellor morrer queimado loitando pola liberdade que morrer afogado nas toupeiras”65. A xuventude de estrelas renacía! Tan só ficaba un pequeno paso: desbotar as seducións do réxime que tiñan por obxectivo desbaratar as derradeiras resistencias non violentas á súa hexemonía represiva. Como xefe provincial de Falanxe, Jesús Suevos, ofreceralle formar parte da redacción de EPG e o secretario provincial de propaganda, Ramón Lago Olano, reclamouno para dirixir a propaganda radiada. A súa carreira literaria e xornalística coidábase prometedora: a súa transcrición do xornal manuscrito El Planeta —redactado na fronte de Aragón— merecera un premio á mellor crónica de ex-com-

batentes66. Malia a tentación de traballar a carón dos seus amigos xornalistas Ánxel Sevillano e Gonzalo Rey Alar, rexeitará o ofrecemento para concentrarse nos seus estudos de Dereito. Un vieiro profesional novo abríase: o exercicio libre da avogacía a carón de Gregorio Espino —ex-alcalde de Vigo, vello xurista e loitador anticaciquil—, que lle aprendeu a economía real e o integrou nos Homes de Acción Católica. Entre os ficheiros do Secretariado Benéfico Social de Vigo —obra asistencial daqueles Homes presentada ao bispo de Tui, José López Ortiz, o 21 de xullo de 1945, dous días antes da primeira asemblea clandestina do PG en Coruxo—, o novo secretario técnico do PG agochará o seu arquivo para o futuro autogoberno de Galicia. Non obstante, a represión, o cárcere e a consolidación de Franco no poder obrigaron a imaxinar novas alternativas para a supervivencia. Naquel experimentar nacerá a frustrada distribuidora SEPT canda a Plácido Castro e Celso Collazo; o inapreciable “Suplemento de los Sábados” do xornal La Noche; e o amor. O 29 de xuño de 1947 Xaime casaría en Raxó con Cristina Nóvoa Pedreira tras dun “gozoso, creador e pervivente tempo do namoramento” que se prolongará sesenta e cinco anos. E canda a ela alumeará en Galaxia en 1957 unha “Illa Nova” para os fillos novos da Nación. Outra xuventude de estrelas alborexaba! ■

55. Carta de Xaime Isla a Maruxa Abad, s. l., ca. verán 1937. FIC. 56. Id. 57. Carta de Ramiro Isla a Xaime Isla. O Porto, 16-I-1938. FIC. 58. Carta de Maruxa Abad a Xaime Isla. Vilagarcía de Arousa, 10-I1938. FIC. 59. Carta de Maruxa Abad a Xaime Isla. Vilagarcía de Arousa, 11-II1938. FIC. 60. Carta de Maruxa Abad a Xaime Isla. Vilagarcía de Arousa, 13-V1938. FIC. 61. Carta de Ánxelo Ramos Colemán a Xaime Isla, s. l., 13-V-1938. FIC. 62. V. Freixanes, op. cit., p. 169. 63. Carta de Ánxelo Ramos Colemán a Xaime Isla, Casablanca de Carabanchel, 5-XI-1937. FIC. 64. Jaspers, Karl. Ambiente espiritual de nuestro tiempo. Barcelona, Editorial Labor, 1933, p. 97. 65. Citado en Vidal Rey, Xaime. “Aos mozos galegos”, ANT 328, 24-III1934 ou Bieito Pazos, X. “As mocedades e o galeguismo revolucionario”, ANT 331, 14-IV-1934. 66. Isla Couto, Jaime. “Aquella revista del frente. Cuando los de la ‘plana’ hacíamos ‘el planeta’”. EPG, “Galicia en la Cruzada Nacional”, número extraordinario, 18-VII-1939.



Lihat lebih banyak...

Comentarios

Copyright © 2017 DATOSPDF Inc.