Historia do Castañazo-rock de Chantada (2014)

Share Embed


Descripción

Historia do Castañazo-rock (1993-2014) Antom Fente Parada

“Todo o mundo que non ten ideas asume as hexemónicas, porque parece que así as ten”, Xosé Manuel Pereiro, director da revista Bravú e cantante de Radio Océano.

No outono de 1993 un grupo de amigos e amigas decide organizar un festival en Chantada pola súa paixón polo rock. Naquel tempo non era nada doado moverse até Vigo ou outras cidades para poder ver música moderna en directo. O transporte en Galiza, unha materia pendente desde sempre, non axudaba. Os petos da mocidade, sempre cheos de soños, tampouco. Aínda non había Internet e as relacións humanas guiábanse máis pola realidade que polo virtual e o mediático. Aqueles pioneiros, que realmente eran continuadores doutros mozos e mozas que foran desde a década de setenta incorporando a música alternativa e moderna na sociedade chantadina e non sen problemas e incomprensións, dito sexa de paso 1. Decidiron escoller o mes dos magostos para celebrar nun baixo da vila a primeira edición dun festival no tempo da castañeira. De feito, na década de noventa, fóra do Castañazo foron moi poucas as ocasións para poder ver algo “diferente”, alén das actuacións de bandas locais como La Paja Cubana, PK2, ou RNT que ían desde o punk até a experimentación nos lindeiros da música electrónica (ou até na vangarda da música complexa como no caso do Colectivo Musical Autónomo, CMA). Houbo algunha excepción, con todo, como a actuación de Los Berrones en 1992, grupo nacido en Tolivia (Asturies) en 1987 e que chegou a vender 20.000 copias do seu primeiro disco longo (Voi dicítelo!, KM44, 1989) cantando «n'asturianu»2. 1 2

Pardo Hermida, Alfredo (2014) “Nove nomes cos que contar os últimos trinta anos de escena local”, La Voz de Galicia, edición Lemos, 28-12-2014. Dispoñíbel en http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2014/12/28/novenomes-cos-contar-os-ultimos-trinta-anos-escena-local/0003_201412M28C4992.htm#.VJ_GvycE0Ak.facebook Elipe, Xulio (1996), Llingua y rock, Uviéu: AYDA, pp. 44-45.

O Castañazo débelle moito a existencia dos Rastreros de Chantada e, máis concretamente, ao seu batería Juan Camilo, máis coñecido no mundo do rock galego como “Richi” ou “Richón”. Precisamente os Rastreros toman de RNT a idea de mesturar punk e gaita e conségueno facer con notábel suceso, dotando a Galiza dunha forma propia de punkitude, a arroutada, que xungue tradición e modernidade. Podemos dicir, tocante ao bravú, que en grande medida –por exemplo, no caso dos Rastreros vese claramente a través do uso da gaita no punk– se dá algo análogo ao calibanismo nas literaturas africanas3. Por outras palabras, manifestacións culturais creadas (moitas veces polas capas medias ou máis desfavorecidas, aínda que logo resignificadas e, en boa medida, transformadas pola grande industria cultural) no centro do sistema-mundo como o rock, o punk... son primeira adaptadas como mímese, mais nas culturas dinámicas acaban sendo novamente resignificadas e fusionándose con elementos propios da cultura receptora.

Concerto dos Rastreros no I Castañazo-rock Pasados máis de vinte anos o Castañazo segue máis vivo que nunca. Hoxe é unha vizosa asociación cultural que integra a máis dun cento de mozas e mozos da vila. Así as cousas, o que comezou sendo un pequeno magosto con concertos e que xuntaba só a uns poucos centos de persoas hoxe é un dos festivais máis consolidados da Galiza e do Estado que reúne o máis selecto do panorama internacional e a milleiros de persoas.

3

Próspero e Calibán son dúas personaxes dunha coñecida obra de Shakespeare: A tempestade. Calibán é un “salvaxe” escravizado por Próspero. Ernest Renan viu en Calibán o terceiro estado oprimido pola aristocracia no seu drama filosófico Calibán. Calibán tamén foi habitualmente empregado dentro do repertorio dos autores latinos (Rubén Darío sen ir máis lonxe en “El triunfo de calibán” de 1898 e “El crepúsculo de España” do mesmo ano) e até nalgunhas interpretacións marxistas remite claramente para o colonialismo. Nesa liña é onde encontramos o calibanismo, ou sexa, nas loitas coloniais de África. Precisamente, Aimé Césaire, o poeta da negritude, quen insire este elemento repertorial nas literaturas africanas coa obra Une Tempête, tamén nas de lingua galego-portuguesa. Para ver o enorme suceso deste termo e a súa influencia nas discusións culturais do noso diasistema lingüístico nosa cultural véxase: Sousa Santos, Boaventura (2003), “Entre Próspero e Calibán. Colonialismo, pós-colonialismo e interidentidade” en Novos Estudos, CEBRAB, nº 66, pp. 23-52. Dispoñíbel en http://novosestudos.uol.com.br/v1/files/uploads/contents/100/20080627_entre_prospero_e_caliban.pdf Última consulta 12/01/2015.

I CASTAÑAZO-ROCK (1993): GREEN DAY, OS XURAMENTOS E UN BAIXO DE ARROUTADA Do anecdotario do primeiro Castañazo podemos resgatar que cáseque toca Green Day en Chantada un ano e medio antes de ser número 1 nas listas de vendas. A idea desbotouse porque era arriscar 100.000 pesetas cun grupo que ninguén coñecía. E, paradoxalmente, a mostra de que eran outros tempos é que logo a organización primixenia do Castañazo foi velos a Vigo e eran 100 persoas vendo a unha das principais bandas da altura. A Galiza como periferia do centro do sistema-mundo capitalista, cunha inserción serodia e deficiente no mesmo –en boa medida producida durante a ditadura fascista– e nun contexto con presenza forte de elementos da Galiza precapitalista no agro, pasou en dúas décadas a contar con múltiplos festivais que congregaban a milleiros de persoas, ou polo menos a centos. Cando nos laiamos pola ausencia de apoio á música alternativa en galego debemos ter presente que, en todo caso, segue a existir unha demanda deficiente mais que se partía dunha situación de partida francamente difícil. Nese sentido deberíase recoñecer o impulso para a música galega que o bravú supuxoe o tecido social de base que foi creando festivais e consolidando espazos culturais autónomos. Nun baixo, cunha equipa de son que distaba de ser óptima e cun palco feito para a ocasión celebrouse o primeiro Castañazo. Estivo a piques de non celebrarse porque «para a autoridade competente os baixos dunha obra en construción que servían de campo da festa carecían de saídas de emerxencia»4... eran, definitivamente, outros tempos! Nin os organizadores, nin as bandas que pasaron aquel día por Chantada sabían que estaban escribindo a historia moderna do sistema musical galego. Hoxe ningún estudoso da música galega e do movemento bravú pode pasar sen citar a Chantada e ao Castañazo-rock. En palabras de Pedro Feijoo5: Galiza xa tiña unha identidade musical –folk á marxe– diferente: o Rock Bravú, un novo movemento que, igual que acontecera case 150 anos antes en pleno Rexurdimento, contaba con gurús como Xurxo Souto, ou mesmo peculiares bardos como Pinto d'Herbón. Ao ronsel que marcaban os Diplomáticos pronto lle seguirían bandas como Os Skornabois de Vilanova de Lourenzá, O Caimán do Río Tea en Ponteareas ou, en Chantada, Os Rastreros, os Sex Pistols galegos. (...) A mediados dos noventa a arroutada bravú estendíase por todo o país.

Naquela edición actuaron os Diplomáticos de Montealto e a conexión cos Rastreros foi total nun concerto memorábel e até hai quen opina que foi dos mellores Castañazos pola proximidade co 4 5

Valiño, Xavier (), Rock Bravú. A paixón que queima no peito, Vigo: Xerais, p. 25. Feijoo, Pedro (2005): Viva o Fu Remol, Vigo: Xerais.

público e pola apoteose do final, onde Diplomáticos e Rastreros tocaron xuntos “A vida de Xan”. Naquela altura, os Rastreros estaban conformados por Richi (batería), Helétrico (voz principal), Óscar o “Gaitas”, Xulio de Esmoriz e Killo. No tocante aos Diplomáticos, Rómulo Sanjurjo trebellaba no alcordeón, Xurxo Souto era a voz principal, Guni Varela o guitarrista, Mangüi Martín no baixo e Pulpiño Viascón o bateria. A aventura continuou ao día seguinte. Outra banda de Chantada os Kulimanhas puñan de relevo o fervedoiro de bandas que era a Chantada daqueles anos. Seguíronlles desde o Morrazo KAOS co seu punk frenético, cuxa alma mater, Suso, formaría logo SOAK con temas como “Puta fina” ou “Carrero Blanco” antes de disolverse na virada do milenio, mais deixando en impronta en outras bandas da actualidade como Tiro na Testa de Don Ramiro (Lalín). E tamén, se contou cun grupo de Death Metal chamado Sepulcro, banda moitas veces esquecida cando se fala daquela época quizais por facer un estilo demasiado adiantado para a Galiza daquela altura. Hoxe existen numerosas bandas de metal, aínda que o público e os festivais centrados nese estilo seguen a ser poucos, con algunha notábel excepción.

Concerto de Rozando Nos Toxos (RNT) Nesa segunda xornada celebrouse, igualmente, o I Concurso de Xuramentos, unha aposta por recoller a expresión oral máis extrema e visceral da cultura popular e cuxo gañador foi o vocalista de Rozando nos Toxos Fernando Otero. O premio era unha ducia de chourizos, un garrafón de viño e unha peza de pan de Cea e constituíuse nun dos actos estrela da primeira edición do festival, aínda que debido aos ataques da prensa e da dereita suscitou innumerábeis protestas. Precisamente, cando se retomou o festival en 2007 (a edición V) Marcos e Roberto Otero (irmáns de Fernando

infelizmente finado) xunto a Richi foron os nexos entre a primeira organización e a nova organización (xa como Asociación Cultural O Castañazo). Finalmente, o máis importante, resumido por Xavier Valiño do seguinte xeito: Naquela ocasión fálase de como unir a todos os grupos que hai espallados en Galiza, e acórdase convocar unha segunda xuntanza o ano seguinte baixo o nome de Primeiro Simposio Mundial Sobor do Rock Bravo, Bravú ou Arroutado.6

II CASTAÑAZO-ROCK (1994): O MANIFESTO DE VIANA, ACTA FUNDACIONAL DO BRAVÚ O chamado movemento bravú é unha moda xuvenil dos anos noventa relacionado coa primeira xeración nacida nunha Galiza autonómica. Para estes mozos, a galeguidade non é unha problemática, senón unha obviedade. Nas antípodas da sisuda indagación sobre a alma galega das xeracións anteriores, o bravú supón unha exaltación desacomplexada do galego, a reivindicación festiva do local (incluso dos dialectos e os erros léxicos intencionados). Á saudade, estes rapaces opoñen o clixé verbal oposto, a arroutada, o máis achegado ao punk que se pode atopar nun dicionario galego.7

A segunda edición do Castañazo é, sen dúbida, a máis importante da súa primeira etapa e a que 6 7

Valiño, Xavier (1999), Rock Bravú. A paixón que queima o peito, Vigo: Xerais, p. 25. Murado, Miguel Anxo (2013), Outra idea de Galicia, Madrid: Debate.

ligou, definitivamente, a historia da música galega con este festival. En palabras de Xurxo Souto: Os Rastreros chamáronos chamáronos para tocar con eles nun magosto alternativo o CastañazoRock. Alí naceu a idea de reunir a outros grupos que andaban na mesma ruta. No seguinte magosto, ano 94, citáronnos na aldea de Viana para cear na taberna do Sistema. Ben, o nome oficial era O Caballero, pero o dono sempre dicía que no verá “o sistema é comer churrasco” e “no inverno o sistema é tomar cocido”. Por iso era O Sistema. Apareceu moita xente, ademais de Rastreros e mais nós, alí viñeron os Skornabois de Lourenzá, Yellow Pixoliñas, que xa tiñan disco e eran un referente, Os Papaqueixos da Coruña, Os Impresentables de Vimianzo, Cisco de Vigo, que andaba nos Bochechiñas... Mesmo tamén apareceu tarde, Manolo Rivas con Isabel, a súa compañeira. Tiñan boa escusa, acaban de aterrar en Santiago nun voo procedente de México. O cocido foi impresionante, na sobremesa houbo debate sobre o que queriamos ser e como queriamos chamar ao que facíamos. Case ao remate como ninguén acababa de achegar unha proposta clara, tirei da que eu traía preparada da casa, todo calculado. Uns días antes, paseando na Cidade Vella pola Praza da Fariña, dixérame un amigo, Pepe de Carral: vos tiñades que lle chamar á vosa música bravú. Bravú dixen e bravú quedou. E creo que foi un acerto. A maiores da eufonía brutal destas dúas sílabas: bra-vú, case como un mantra tibetano, o seu significado era tamén especialmente acaído: o sabor, o cheiro da carne do monte, da carne sen castrar. Unha boa metáfora para o que queriamos facer: música do noso tempo, pero co cheiro ben definido desta parte do mundo que habitamos.8

O cartaz da II edición reflicte á perfección como estaba en mente pórlle unha etiqueta a aquela emerxencia de grupos que facían música alternativa en galego, xunguindo tradición e modernidade e demostrando que o galego era unha lingua apta para calquera expresión cultural e, como non, para o rock. Aqueles mozos crearon un movemento cultural arredor dun cocido, como apunta Manolo Maseda «iso contasllo a Kusturika fai unha peli» 9. Novamente Xurxo Souto dinos sobre aquela reunión que fixo de Viana o centro do universo de Chantada a capital do bravú: Un brinde dun grupo de rapaces que foi quen de incidir niso que se chama “cultura”. Un fato de xente nova reunidos, non nunha cafetería da Coruña, nunha asemblea de estudantes en Santiago, ou nun pub de Vigo, senón no entorno marabilloso da taberna do “Sistema”, a converter a aldea, por primeira vez, no centro do mundo.10

Cea de Viana na tasca do Caballero, “O Sistema” (1994)

8 Suárez, Rodri (2014), Non temos medo. Historia oral de Os Diplomáticos de Monte Alto, A Cruña: Nicetrip, pp. 69. 9 Op. cit., p. 72. 10 Souto, Xurxo (2014), “1994/2014, XX anos de Bravú” en Sermos Galiza, dispoñíbel en http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/1994-2014-xx-anos-bravu/20140803132015029714.html (última consulta 18/09/2014).

Aquela edición contou cun feixazo de bandas galegas, do mellor da nosa nación: os Diplomáticos de Monte Alto, os Bochechiñas, os Impresentables, os Herdeiros da Crus, Os Papaqueixos, Skornabis, o grande Pinto de Herbón e, como non, os anfitrións, os Rastreros de Chantada e outra banda chantadina Os Tabernícolas. Porén na Cea de Viana, na tasca do Caballero, estiveron tamén os Yellow Pixoliñas, O Caimán do Río Tea, xente d' Os Verghalludos da Cruña e do que logo sería Desfeita. Tamén xornalistas como Alberto Casal e escritores como Manolo Rivas e a súa dona Isabel, chegados directamente en avión desde México. Todos eles, son os responsábeis do Manifesto de Viana, verdadeira declaración de principios do bravú.

O lugar escollido foi baixo a cuberta do instituto e nel celebrouse o primeiro magosto popular que xa non faltaría en ningunha das edicións do Castañazo. Esta edición podería definirse como o primeiro festival bravú da historia ou, empregando a variante da área luco-auriense: o primeiro festiva bravío de todos os tempos. Precisamente Unión bravú sería o título do primeiro recopilatorio do movemento, editado por Edicións do Cumio, que continuaba a iniciativa de Bocixa (Zënzar) e

Xosé María Varela que coordinaran Rock na Costa da Morte11. De feito, Edicións do Cumio dirixíronse directamente a Richi dos Rastreros nunha xuntanza que se celebrara na tasca compostelá Tumbadiós e que contou cun produtor de excepción, o histórico Suso Vaamonde que serviu como elo entre Voces Ceibes e o bravú. Infelizmente, o disco apareceu cheo de erros: aparecían grupos que logo non viñan recopilados e outros que si estaban non aparecían, contaba cunha portada que para moitos é a máis fea da historia do rock –se ben neste 2014 recorremos a ela, adaptándoa, para facermos as camisolas dos XX anos de bravú–. Algúns nomes que se barallaran en xuntanzas previas como Olho ao Cam, Os Maruxa, Yellow Pixoliñas, Os Inmortais, Malavida e Heredeiros da Crus non se incorporaron e finalmente en Unión Bravú participaron: Os Papaqueixos co seu tema “Matías, o morcego”; Bochechiñas con “Crooner”; Xenreira con “Presente!”; Rastreros co seu himno “Tractorada”; Os Skornabois con “A nova Fifi”; Os Diplomáticos de Monte Alto con “Platinos”, tema do que moito despois farían unha versión os Rastreros no disco-homenaxe aos Diplomáticos intitulado 120 Capadores; Pinto de Herbón con “Nitramón, 15, 15, 15”; Kaos e o seu tema “Galiza morta non!”; Os Impresentables achegaron “Que foi do rock&roll”; O Caimán do Río Tea o seu célebre “Manolo Pescadilla”; e Túzaros o tema “Cuspen na cara”. O 31 de outubro de 1994 tremeu Viana e o seu eco fíxose escoitar no universo enteiro.

11 Neste disco estaban Os Impresentables, Zënzar (o grupo en galego máis lonxevo), La Crema, Desertores do Arado, Malavida e Troleblues.

III CASTAÑAZO-ROCK (1995): O BEN FEITO, BEN PARECE

Os Skornabois no III Castañazo-rock Após tanta peripecia chegamos á edición número III. Na que se presentou o disco Unión bravú, do que xa falamos anteriormente. E doutra volta o cartaz era do máis completiño. Como se aprecia na imaxe foi autodenominado como o maior festival de rock bravú de todos os tempos.

A nova localización elixida foi o mercado gandeiro, onde aínda se segue celebrando na actualidade, como saberán os milleiros de festivaleiras e festivaleiros que cada mes de novembro se desprazan até Chantada. O espectáculo correu a cargo de bandas hoxe de culto na música galega como o Caimán do Río Tea, Impresentables, Papaqueixos, Diplomáticos, Kaos, Skornabois e Túzaros. Foi a primeira edición que non contou con ningunha banda de Chantada sobre o escenario. Mais iso era o de menos, xa que en tan só tres anos o Castañazo converteuse nun dos mellores festivais de Galiza polo que pasaba o mellor do panorama musical galego e co engadido de que era unha época onde os festivais non abundaban como na actualidade sendo, xa que logo, pioneiros. IV CASTAÑAZO-ROCK (1996):

QUE IMPORTA SE MORREMOS SE DEIXAMOS SEMENTE DE

VENCER?

O disco dos Rastreros, editado por Edicións do Cumio, e cuxo subtítulo era ben suxerente: A piñón fixo e a golpe de pixo. A IV edición tíñao francamente difícil para superar o xa visto en anteriores edicións. Aínda así foi a ocasión escollida para presentar o primeiro (e aínda hoxe único, se ben andan preparando un novo) disco dos Rastreros, toda unha xoia que mantén intacta a súa frescura. Outra novidade foi contar con artistas recoñecidos de fóra. Naquela edición Chantada recibiu Manolo Cabezabolo, que estaba en pleno auxe. Ademais, para completar outro fermoso cartaz contouse coa banda chantadina Os Tabernícolas e O Caimán do Río Tea, que entraban na merenda de todas as galegas e os galegos através do Xabarín Clube co seu tema “Estou na lavadora”.

Novamente o recinto escollido foi o mercado gandeiro, voltou celebrarse o magosto popular, cobrouse entrada, unha organización máis experimentada e sendo a edición que contou cun maior éxito de público. No entanto, a falta de apoio das institucións e incluso a promesa de axudas por parte da concelleira de cultura (Susana López Abella do PP) que nunca foron pagas rematou por condenar ao Castañazo á desaparición... ou iso crían naquela altura moitas e moitos en Chantada. Así, o Castañazo-rock perdeu a oportunidade de converterse nun dos festivais con máis edicións de Galiza, mais, como veremos, non todo estaba perdido. V CASTAÑAZO-ROCK (2007): XUNTOUNOS O DEMO DO RICHÓN CUN ANGAZO.....12 2007. Moita ilusión, moitas gañas, pouca experiencia... nacía a Asociación Cultural O Castañazo con Ibán Gómez Vázquez como primeiro, e até de agora único, presidente e máis de vinte mozas e mozos na organización dando o callo ao longo de todo o ano. O nexo de unión entre a primeira fornada e a nova: Richi dos Rastreros –que en 2008 deixaría a organización– e os irmáns Otero (Marcos e Roberto). El Progreso falaba de que en Chantada se reunía un moribundo bravú nun certame musical con pouco futuro. Vese que o bolseiro non era precisamente un lince. O que isto escribe non viviu ningún Castañazo da primeira época, iso que desde o 1992 xa andaba por Galiza con seis anos chegado desde Alemaña. As primeiras novas do Castañazo tívenas a través de conversas informais e dun dos programas políticos que concorreran nas municipais, que levaba entre os seus puntos recuperar o festival Castañazo-rock. De feito, axudou bastante que no concello mudaran os ventos. O último Castañazo da primeira etapa aínda está esperando polas 100.000 pesetas (na altura eran bastantes cartos, máis dos 600€ de agora se temos en conta tanto a inflación como o poder adquisitivo desa cifra na altura) que apalabrara a concelleira de cultura. Pois ben, un bo feixe de mozos, coa axuda da Deputación de Lugo e do Concello de Chantada, conseguimos sacar adiante o festival: Ibán Gómez Vázquez, o presidente da asociación e a persoa que máis horas lle dedica ao festival ao longo do ano; Rafael Lobelle González, responsábel na actualidade dos Cantos de Taberna e de impulsar a Liga Nacional de Cantos de Taberna; Lucas Lage; Xavier Viana, organizador e instigador dos Xogos Bravús; Sandra Ouro, encarregada da mercadotecnia do festival; Ana Ouro; Cris Ouro; Eva; Alejandro Antonio, un todoterreno no que a loxística se refire; Nerea Noguerol, que leva o tema dos ourizos; Isaac Viana, que coordina o bar; Ana Gay, que leva o backstage e o Castañazo Infantil; Lorena Gay e a colaboración sempre 12 Site do festival: http://www.castanhazo.com/2007/concertos.htm

presente de Adegas Amedo... Idas e vidas (traballo, cansazo, etapas vitais...) e tamén nova sabia como Paulo ou Miguel Piñeiro que representan as primeiras xeracións que terán que ser o futuro da organización deste festival, que esperemos se consolide xa como unha cita imprescindíbel da nosa vila, xunto á festa da empanada ou á feira do viño. E como non, se es de Chantada ou da comarca do País do Faro e les isto convídamoste a formar parte da nosa asociación: hai sitio para todas e todos vós. O único que tiñamos claro naquela altura era que queriamos facer un festival que apostase pola música galega, mais no noso contexto, unha vila do interior despoboado e envellecido coma Chantada, recorrer a grupos internacionais era tamén necesario para contarmos cun volume de público amplo, que fose positivo para a nosa vila e permitise traer ao interior galego o mellor do panorama galego e internacional. Hoxe podemos con fachenda dicir que por Chantada pasaron bandas de primeiro nivel e contarmos cun festival de rock e música alternativa consolidado, a unha escala que non existe en varias das principais cidades galegas. Algo se debeu facer ben. A localización escollida foi o mercado gandeiro, do que xa non nos moveríamos nestes xa sete anos que levamos organizando o Castañazo-rock. Na primeira edición conseguimos axudas do concello, que leva axudando en maior ou menor medida desde entón, e da Deputación de Lugo, outra axuda fundamental para podermos seguir adiante coa nosa andaina festivaleira. No tocante ao cartaz, resaltar que o lobo bravú –presente no escudo de Chantada– converteuse no noso emblema, aínda que o logo da asociación sexa un castiñeiro deseñado por Ignacio Pavón (autor igualmente do logo do Festival do Castro e membro da asociación que organiza todos os meses de agosto o festival homónimo en Ferreira de Pantón). No que concirne aos grupos musicais contamos cun feixe de bandas que bouraban forte naquela altura no panorama galego e moitas delas históricas, que mellor nexo entre a primeira etapa e esta nova andaina: Zënzar, os padriños do rock galego, máis de 25 anos enriba dun cenario fan que non sexa preciso dicir nada sobre eles; Os Tres Trebóns, a nova andaina musical de Xurxo Souto, que lle dá título a un dos seus libros, xunto a outros membros de Papaqueixos e Diplomáticos; Ruxe-Ruxe, que comezaban a botar a andar cando morría o Castañazo no 1996 e que en 2007 eran unha das bandas máis en forma do panorama musical galego;

Motor Perkins, procedentes dese lugar máxico que é Don Ramiro e que facían unha trepidante aposta atlantista que nos fixera ir a algúns de nós desde Chantada a Pantón no carro con “O día”, tema da súa maqueta Motor Perkins, unha e outra vez a toda pastilla; Cuchufellos, exemplo da explosión que a partir dos 2000 se produce en Galiza no panorama musical, ritmos frenéticos desde Maceda de Trives e fin de festa espectacular; e, sobre todo, para nós o fundamental foi o retorno desexado e tan agardado dos Rastreros do que Carlos Blanco, que presentaba o festival, falou e falou ben: Lembro a miña emoción inmensa ao acudir ao concerto dos Rastreros de Chantada cando se volveron xuntar, e acórdome como presentei o bis dicindo que eu xa vira aos Clash en París e aos Rastreros en Chantada, podía morrer tranquilo. Había 5.000 rapaces brincando como poucas veces teño visto, cantaban a canción deles que saíra no disco do Xabarín porque esa era a súa educación.13

No tocante ás actividades lanzamos a I Feira do Disco Galego, onde me fixen cunha das últimas copias que ficaban do disco Rastreros. A piñón fixo e a golpe de pixo. Porén, debemos recoñecer que a cousa, infelizmente, non coallou, se ben sigo considerando que é algo moi necesario aínda que nestes tempos posmodernos as feiras de vacas, discos e libros sexan cada vez mais raras na nosa xeografía cando, de sempre, Galiza fora basta en feiras. Por outra banda, presentamos o disco-homenaxe aos Diplomáticos, esa xoia chamada 120 Capadores que nos trouxo un Richi ilusionadísimo a unha das reunións previas da organización. E para completar o pack a jam session bravú máis brutal xamais vista o día anterior (cun xigante Josito Pereiro cantando “Como o vento” e “Terra Chá” xunto a Xurxo Souto, Richi e moitos outros) e unha imprescindíbel mesa redonda intitulada “Bravú: pasado presente no futuro” con Belén Regueira, Alberto Casal, Emilio de Skornabois e Safari Orquestra, María Yáñez, Santiago Jaureguizar, Xavier Valiño, Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Souto. VI CASTAÑAZO-ROCK (2008): EN CANADÁ FÁLASE GALEGO14 Se no primeiro Castañazo-rock por pouco non viñera Green Day, había que tirar aquela argana atrevesada na nosa historia e traer un grupo de alén do Atlántico. Un bestial punk-celta, aposta persoal de Richi. Foi así como Chantada recibiu aos canadienses The Real McKenzies, un espectáculo que nunca esqueceremos os que papamos o frío de novembro no mercado gandeiro. A presenza desta banda, xunto a outras punteiras conseguiu manter a extraordinaria afluencia de pública, consolidar o retorno do festival e ubica a Chantada como capital dos festivais de inverno do macizo galaico. 13 Suárez, Rodri (2014), Non temos medo. Historia oral dos Diplomáticos de Monte Alto, Cruña: Nicetrip, p. 107. 14 Site do festival 2008: http://www.castanhazo.com/2008/concertos.htm

Fomos gañado en experiencia e comprobando como podíamos contribuír a encher unha vila perdida do interior galego de mocidade e de vida, conseguindo ampliar aos hostaleiros da contorna que comezaron a vernos con bos ollos. A presenza de bandas galegas foi sempre irrenunciábel, mas a achega internacional permitía ampliar público que deste xeito se achegaba tamén ás bandas galegas. As bandas galegas que en 2008 nos deleitaron en Chantada foron Skarnio, unha aposta musical chea de frescura no seu momento que encadilaba a todo o país cun disco moi completo; Skacha, sempre A Ferro e lume cun rock sen contemplacións; e desde a Cruña unha aposta por novos talentos (novamente cousa do Richi), os Bastard on Parade, que irán incorporando repertorio galego (“Quen teña viño” entre outras) e que eran o máis semellantes aos The Real McKenzies que había nesta Finisterre. Tamén contamos cos Veraneantes, unha charanga épica que amenizou o magosto popular que, como non, non faltou nunca desde 2007. No capítulo de actividades deixamos a feira dos discos pola feira con polbo, carne ao caldeiro... ao xeito un pouco do Castro, mais que ao ser de noite fomos dándonos conta que non era o máis acaído para a dimensión e o formato do noso festival. Mellor funcionaron os obradorios de rock nos que contamos cun profesorado de excepción como Alberto Cereijo (Los Suaves), Fran Amil (Papaqueixos), Javier Abreu e Pedro Feijoo Barreiro... E, sobre todo, as primeiras olimpíadas ou xogos bravús que, grazas ao bo facer de Xavier Viana e Cris Ouro, levan sendo unha das señas de identidade do Castañazo-rock desde 2008 e unha inconfundíbel marca de que o Castañazo sempre foi e será bravú na súa cerna. Desta volta, pasámolo en grande co lanzamento de boina, o turra-soga, a espectacular corrida de leiteiras e o bravío chote de esterco! VII CASTAÑAZO-ROCK (2009): O RURAL UNDERGROUND TAMÉN É BRAVÚ15 En 2008 contamos por fin cun spot, obra do xenial Alfredo Pardo protagonizado, entre outros, polo noso “piloto” Isaac Viana16. Foi unha oportunidade de, ao noso xeito tentar conxurar as consecuencias da quebra de Lehman Brothers en setembro, cando o minotauro global explotou. Seguimos fieis ao noso estilo e sen especular, apostando pola calidade e tentando sempre ir a máis.

15 Site de 2009: http://www.castanhazo.com/2009/concertos.htm 16 Pode visualizarse na seguinte ligazón (última consulta 19/09/2014): feature=player_embedded&v=CkAflrRcCdE

https://www.youtube.com/watch?

Comezamos a iso das 21 horas o festival coa regueifa d' “Os Jordechos”, aos que seguiu o rock galego antifascista dos Skandalo GZ, unha banda que segue contando cunha excelente saúde. Aínda que para ska, o apisonador concerto dos Talco, desde a Venecia máis rebelde, nunha altura en que aínda eramos vinte ou trinta os que os coñeciamos na Galiza (aínda que xa arrasaban en Austria, Alemaña...). Desde Portugal Peste&Sida, unha vella arela de tender pontes entre Galiza e Portugal, entre dúas follas dunha mesma porta cultural. Kogito deixou a forte pegada do seu directo tamén naquel Castañazo, mostrando a boa saúde da música galega que pode competir en pé de igualdade co que se fai en calquera parte do mundo. Palabras maiores é Dixebra. Xunto aos Berrones é a banda máis senlleira do rock astur e a súa alma mater, Xune Elipe debe ser recoñecido tamén como peza asociada ao movemento bravú. L'asturianu muévese fora un recopilatorio que contaba cun tema dos Rastreros de Chantada, entre outras moitas bandas (La de la vaca 17). Máis unha vez Dixebra demostrou que é unha das bandas cunha variedade de repertorio, estilos e rexistros do máis brutal da Península Ibérica e talvez de Europa Occidental, case nada e ao carón da nosa porta. É claro que o seu compromiso nacionaliego cunha Asturies dixebra e cos perdedores do new brave world da globalización capitalista non contribuíu para que obteñan todo o recoñecemento que precisa esta banda. A edición do 2009 contou, por suposto, co magosto popular, os xogos bravús e unha interesante palestra intitulada “A gaita e a música tradicional no rock” que contou con Llorián Garía Florez (gaiteiro de Dixebra), Xaquín Martínez Barona (desde 1999 gaiteiro de Ruxe-Ruxe), Luís Cao “Aspy” (Bastard on Parade) e Aarón Iago Bouzón Barrio (Ultraqäns, Banda Potemkin)... Outra palestra foi “Historia e gloria da canción de tasca”, por Xurxo Souto, da que sairía a idea de recuperarmos os cantos de taberna no Castañazo-rock, outra actividade que non pode faltar hoxe e a que queremos dotar dun novo pulo impulsando unha Liga nacional de cantos de taberna. Ambas moderadas por Vituco Neira, vocalista e guitarra de Ruxe-Ruxe e presentador do Planeta Furancho. VIII CASTAÑAZO-ROCK (2010): UN FESTIVAL CON VISITA PAPAL18 17 O tema “La de la vaca” pode sentirse na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=BOAHtEB9Mw4 (última consulta 12/01/2015). 18 Site da oitava edición: www.castanhazo.com/2010/concertos.htm (última consulta 22/09/2014).

A visita papal a Chantada foi a idea xenial de Aldredo Pardo para promocionar cun spot o noso festival, que xa anda polas 9000 visitas19. Amais, foi unha edición que voltou a contar co formato dos dous días, a única polo de agora no tocante á segunda etapa do festival e por volume de público e polos grupos cos que se contou supuxo a consagración definitiva do festival. Incorporouse ás actividades un Castañazo infantil que non falta xa en ningunha edición desde aquel entón. Naquela ocasión contamos co Ce Orquestra Pantasma, que fixo un espectáculo que non deixou indiferente a ninguén, nin ás crianzas nin aos que xa non somos tan nenos. O aberto de billarda e os xogos bravús completaron a programación de actividades. Pola banda da música, dous días deron para achegar moitas bandas e música até a vila chantadina. O sábado día 30 contamos con Banda Bassoti, ska italiano de clase cunha abastada traxectoría e recoñecidos por todo o mundo. Unha banda de firme compromiso, sempre abaixo e á esquerda. Desde Madrid chegou o punk dos Boikot, nos seus últimos traballos balcanizado e sempre contudente e chamando ás cousas polo seu nome desde 1987. Ese mesmo sábado non podía faltar a música en galego. Voltaron os Ruxe-Ruxe, punk-rock bravú desde 1996, e unha das bandas galegas máis recoñecidas dentro e fóra da nosa nación. A representación local correu a cargo dunha banda xa disolta na actualidade: Alén, con membros de Rodeiro e de Chantada que remataron creando, no caso do seu vocalista, Dantebrama (Madrid) ou incorporándose aos Rastreros, no caso do seu guitarra Pablo e do seu baixista Daniel. A banda creouse en 2004 e en 2008 editaron un coidadísimo disco intitulado Volver a nacer, que contaba con dous temas en galego e numerosas colaboracións. O domingo 31 desde os Països Catalans chegou unha das bandas do Estado con maior proxección internacional e recentemente disolta após triunfar por todo o mundo co seu ritmo trepidante, a súa constante innovación e o seu compromiso coa realidade nacional e a cultura do País Valencià. Naturalmente, falamos de Obrint Pas, banda nacida en 1993. Acompañándoos desde Asturies estaba Fe de Ratas, banda nacida en 1995 cun rock puro e letras comprometidas combinando o emprego do castelán e do astur-leonés. Canto aos grupos galegos do domingo, chegaron até terras chantadinas os Dakidarria, banda formada en 2001 e que non para de colleitar novos éxitos con discos como Realidade alienantes 19 O spot pode verse na seguinte ligazón (última consulta 25/09/2014): https://www.youtube.com/watch? feature=player_embedded&v=HuERyI1vouU

(2010), A discordia nas Rías Baixas (2002), Fragasaurus Rex (2004)... E contamos co pop-folc dos Guezos, que en 2001 editaron o seu primeiro traballo discográfico de nome homónimo. IX CASTAÑAZO-ROCK (2011): RITMOS MAXIARES E CONTINUANDO POLO REGUEIRO DO ÉXITO A novena edición contou como revelación coa banda húngara dos Bohemian Betyars, pura dinamita e mestura de estilos nun directo contundente e sen descanso. Acompañounos unha banda clásica do panorama do rock estatal, os Reincidentes, que, no entanto, ofreceron unha versión que deixou enxergar certo desgaste, mais que igualmente fixo as delicias dos seus seguidores, moitos deles chantadinas e chantadinos (xa que foi unha das edicións en que se venderon máis entradas na nosa vila). Desde Madrid chegaba o grupo nado en 1994, Habeas Corpus, que presentaba o seu novo traballo O todo o nada, en que comezaba a súa exploración de novos estilos para o seu punk hardcore cheo de compromiso e denuncia social. Tamén de Madrid chegaban The Lokos, banda nacida en 2006 e que conta entre os seus membros con integrantes de Ska-P. Entre as bandas galegas pasaron por esta edición Skarallaos, que traían desde Culleredo unha mestura de ska e reggae para non deixar a ninguén indiferente. E desde Vigo chegaron os Falperrys, proxecto que recolleu parte da herdanza de Motor Perkins. Cantos da taberna desde os influxos da música tradicional irlandesa e galega, polo ronsel do atlantismo de Radio Océano e a revista La Naval. A edición completouse cos IV Xogos Bravús con probas como o “arrebolamento de ourizos” ou o “movemento de marcos”; o magosto; o II Concurso de cantos de taberna, que consolidaba a continuidade desta actividade nada a raíz dunha palestra de Xurxo Souto nunha edición anterior; o IV aberto de billarda; e o II Castañazo infantil a cargo d' Os tres tenedores. O spot, máis unha edición baixo a dirección de Alfredo Pardo e Chantada Films e gravado por Ana Ortega, contaba os amoríos dunha duquesa e un duque que remataron no Castañazo-rock a ritmo dos olívicos Falperrys20. Superou as 2000 visitas. X CASTAÑAZO-ROCK (2012): SEMPRE NO ROCK BRAVÚ21 A décima edición do noso festival tiña que, necesariamente, voltar ás súas orixes, ao movemento musical máis relevante para a música galega moderna: como non, falamos do bravú. Foi unha 20 O clip pode verse na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=V-WsecPJetY 21 Site da X edición dispoñíbel aquí: http://www.castanhazo.com/2012/Inicio.html#navegador

edición 100% galega, demostrándose outra volta que un festival podía ter unha grande magnitude se se apostaba polas bandas galegas con maior repercusión. Anos despois, en 2014, o festival Revenidas de Vilaxoán repetiría esta aposta pola música galega nun festival de dous días que foi tamén moi sucedido do ponto de vista da afluencia de público. O spot desta volta exploraba vieiros máis surrealistas e aproximouse ás dúas mil visitas, continuando coa tradición de converter a parte dos organizadores en protagonistas22. Radio Falo anunciaba un estraño andazo que concluía que o Castañazo-rock era, outra vez, unha cita á que ninguén debería faltar, o único remedio era o “Castañizol”.

Canto ás bandas, significou o regreso de bandas históricas da primeira etapa do Castañazo-rock, como Os Papaqueixos d'A Cruña, explosiva aposta polo folque e o rock, cuxo espírito recuperaría Ultraqäns. Ou como os Diplomáticos de Monte Alto, que retomaran en Allariz a súa formación histórica e visitaron o Castañazo-rock en 2012 encontrándose cos mellores anfitrións: os Rastreros de Chantada. Fechaba este cartaz 100% galego a electrizante banda de Maceda de Trives, os Cuchufellos, que son tamén pura actitude bravú. E, por último, tiven a honra de participar xunto aos meus compañeiros de Liviao de Marrao no noso primeiro grande festival (a banda formouse a finais de 2010 e deu o seu primeiro concerto en maio de 2011). Chantada segue tendo canteira e, para perder constantemente poboación, está sendo un fervedoiro de grupos (The Niggas, Terror Erótico Adolescente, Los Televisores...). 22 O spot pode consultarse na seguinte ligazón: http://www.castanhazo.com/2012/Inicio.html#navegador

No que atinxe ás actividades, o día comezou co Castañazo infantil co contacontos Anxo Moure, un espazo de xogos tradicionais relacionados cos Xogos bravús, que tamén se celebraron, e novamente

a presenza do Ce Orquestra Pantasma. Os cantos de taberna, o aberto de billarda e o magosto coa charanga Os Veraneantes completou unha programación excepcional e demostrouse que era tamén posíbel ateigar o mercado gandeiro apostando por un cartaz 100% galego. XI CASTAÑAZO-ROCK (2013): SEMPRE E MÁIS DESPOIS Os cantos de taberna voltaron suscitar unha morea de boas críticas, contando con dez grupos participantes e moitísima troula.

Novamente contouse coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Chantada no apartado das subvencións públicas e o éxito de entradas foi moi notábel. Axudas que, dito sexa de pasaxe, poderían pasar á historia nun lapso breve de tempo, de aprobarse o Tratado de Libre Comercio que negocian, en segredo, a Comisión Europea e os EUA (reservándose estas unicamente para grandes empresas encarregadas de macrofestivais e con ánimo de lucro a diferenza do modelo “militante” da FEGAFE de festivais sen ánimo de lucro). Tratouse dunha edición máis heterodoxa do acostumado que suscitou algunha crítica, mais coa que se tentou explorar novas propostas musicais e seguir outorgándolle frescura e orixinalidade á cita de Chantada coa mellor música do panorama internacional. O Castañazo infantil seguiu polo regueiro do anterior ano, ao organizar uns Xogos Bravús para nenos pola mañá, que serviron de adianto aos da tarde (os VI Xogos Bravús). Contaba igualmente cun obradoiro de castañas que, igualmente, actuou de preludio do magosto tradicional, patrocinado pola cooperativa local ICOS. Outra novidade foi o concurso de bandas, cuxos gañadores na fase do público foron Extensión Agraria, PDA e Biribirlocke. Logo o xurado deliberou que nos acompañaría no escenario ExTensión Agraria, que contaba con vellos coñecidos de Chantada (ex-Skornabois). O día anterior, no pub Besto Bravo SL, quentaba o ambiente a festa total dos Maskarpone de Ourense nun concerto promovido pola FEGAFE, que celebrou o seu aniversario e unha asemblea en Chantada aprobeitando o Castañazo Rock. No entanto, esta iniciativa non tería continuidade na seguinte edición, en boa medida porque este sistema foi adoptado por tantos festivais que rematou por colapsar as redes sociais e os criterios de valoración deberían ser musicais e non por número de afinidades ou amizades nunha rede social. O éxito de público foi notábel e deixou enxergar a progresión continuada que o noso festival está vivindo desde que foi recuperado pola asociación. No regueiro da música contamos co punk descarnado e sen concesións dos bascos Lehendakaris Muertos, que contan con letras cheas de ironía en castelán en discos como Llegué, vi y me vendí e temas como “El problema vasco”. No capítulo de bandas galegas á xa citada ExTensión Agraria sumáronselle dúas bandas ligadas por unha estreita amizade e das máis laureadas do panorama coevo do noso sistema musical: Nao e Dakidarria, a primeira formación monolingüe en galego e cun forte compromiso co país e a segunda bilingüe, mais igualmente ligada ás problemáticas sociais e culturais da nosa nación. Por outro vieiro estético e de diferente estilo ían as dúas bandas que completaban o cartaz da undécima

edición: Bongo Botrako e Che Sudaca. A aposta por diferentes estilos, non exenta de debate tanto internamente como desde fóra da asociación a través de críticas ou comentarios na rede, demostrou ser un éxito ao ampliar a asistencia e a heteroxeneidade do público facendo atractivo o festival paso a paso a diferentes continxentes da sociedade galega, algúns que, deste xeito, contactan tamén coas bandas galegas que seguen a ter un público moito máis restrinxido que outras bandas, en boa medida pola ausencia dunha normalización satisfactoria da cultura galega (que se pode ver nos alarmantes datos de emprego da nosa lingua, sen ir máis lonxe, entre a mocidade). XII Castañazo Rock (2014): Chantada, capital do inverno festivaleiro galego Neste 2014 a nova edición do Castañazo Rock contou cunha afluencia masiva de pública. Milleiros de persoas que ategueiron todo o día as rúas da vila e pola noite fixeron que o mercado gandeiro cáseque parecera pequeno. Foi a edición cunha maior afluencia de público e cun cartaz construído con moito esforzo e cunha aposta novamente por diversos estilos e referencias galegas e do panorama internacional.

Imaxe do mercado gandeiro durante o concerto de Talco na XII edición do Castañazo Rock. Pixelin Photo encargouse de ir subindo en tempo real fotos do festival, nunha das novidades desta edición.

Vinte e un ano despois do primeiro Castañazo, o festival pasou de encher un baixo cuns poucos

centos de persoas no ano 1993 a congregar por volta de 5000 persoas en 2014 no mercado gandeiro. No capítulo dos grupos Los Gatillazo trouxéronnos unha posta en escena brutal acompañada dos acordes máis puros do punk con vellas e novas letras que falan de problemas que lonxe se solucionarse cobran a cada paso unha maior urxencia e vixencia. De Euskal Herria a Bosnia, Madrid, Barcelona e Chantada foron os únicos puntos da xira dos Dubioza Kolektiv, que deron un concerto impresionante cun son calcado ao dos seus discos: música tradicional balcánica fusionada con elementos de ska, rock e da música electrónica nunha mestizaxe que está pegando con moita forza, nomeadamente en Centroeuropa e Europa do Leste. A aposta pola mestizaxe, aínda que en diferentes coordenadas, estivo tamén presente no concerto de La Raíz, que fechaban a súa xira en Chantada e deixaron unha moi boa sensación nos siareiros da banda, que non eran poucos, que se desprazaron até o corazón de Galiza. Desde Venecia produciuse a volta dunha das bandas de ska referenciais neste momento no panorama internacional. Falamos, como non, de Talco que, malia non dar o seu mellor concerto, conseguiron que o público se entregara completamente aos seus potentes pogos e ao ritmo frenético de festa imprimido polos matices que a súa potente sección de vento lle dá ao seu ska. Tocante ás bandas galegas, demostraron estar a altura das grandes apostas internacionais e da vitalidade e variedade da nosa música, a pesar da crise dos cachés e da precariedade cada vez máis atafegante que sofren as bandas galegas. Demostrouno pola tarde durante o magosto a música balcánica e galega dos Fanfarria Takikardia, que xa estiveron noutros festivais importantes da nosa xeografía como o Freixo Rock celebrado en maio. Visualizouse a variedade e a calidade tamén co metal dos Machina, banda premiada recentemente pola súa laboura musical, e coa mestizaxe e o ska trepidante dos Maskarpone, que volvían a Chantada para deixar aínda un mellor sabor de boca que na súa anterior visita.

As dúas almas da formación actual dos Rastreros (Helétrico e Richi) durante os Cantos de Taberna da XII edición do Castañazo Rock.

Concernente ás actividades destacar a aposta cada ano máis sucedida do Castañazo Infantil; a impulsión dunha Liga Nacional de Cantos de Taberna e a celebración de máis unha edición dos Cantos ao longo de 12 estabelecementos hostaleiros da vila e contando con 12 grupos, dous máis que en outras edicións; a exposición que conmemoraba os 20 anos de bravú desde unha ollada centrada en Chantada (e que se estreou o 13 de setembro na homenaxe aos vinte anos do Manifesto de Viana, en que participou activamente na organización a Asociación Cultural “O Castanhazo”, xunto a outras entidades do país do Faro: Casa do Barqueiro, Cineclube os Papeiros, Chantada Films...); e, como non, os Xogos ou Olimpíadas Bravús, que xa contan cunha longa tradición e aceptación. A calidade das bandas, a asistencia de público, o ambiente de festa total, a entrega de ducias de asociadas e de colaboradores que conforman a asociación.... levan a unha única conclusión posíbel: veñan máis mil Castañazos! Xa estamos traballando de cheo na edición do 2015 que, polas datas, cadra para facer dous días de xoldra e cultura galega para o próximo mes das castañas. Saúde e bravura!

Lihat lebih banyak...

Comentarios

Copyright © 2017 DATOSPDF Inc.