Celebración do cincuentenario de publicación de \'A Esmorga\' de Eduardo Blanco Amor

September 10, 2017 | Autor: Manuel Forcadela | Categoría: Galician Studies, Galician Literature
Share Embed


Descripción

Celebración dos cincuenta anos da publicación de A Esmorga de Eduardo Blanco-Amor Manuel Forcadela Universidade de Vigo Ao cumprírense cincuenta anos da publicación de A Esmorga de Eduardo Blanco Amor e ao celebrármolo nesta cidade de Ourense, vila natal do autor e centro espacial e temático obsesivo da maior parte das súas construcións literarias, cabe reflexionarmos sobre algo que forma parte do mesmo cerne do seu mundo imaxinario: a contraposición entre o aquí e o alí, entre o dentro e o fóra, entre a proximidade e a distancia. O Ourense da súa infancia foi o lugar do que partiu e, aínda que regresou a esta cidade en innúmeras ocasións, xa nunca puido regresar a aquel Ourense da súa nenez, o Ourense que había percorrer, unha vez tras outra, para felicidade dos seus numerosos lectores, na práctica totalidade da súa obra literaria, tentando reencontrarse, a través da memoria que se agacha nas palabras, con aqueles seres que foron a substancia conformadora da súa identidade. Na conciencia de Eduardo Blanco Amor a cidade de Ourense brillou durante toda a súa vida como un lume distante que o chamaba, como chaman os faros polos barcos que se achegan á costa, como chaman os anuncios luminosos das gasolineiras nas estradas. Mais a vida tiña escrita para el unha historia ben diferente. A historia da emigración, primeiro, e do exilio, despois. A historia de saberse perseguido, de defender uns ideais irreconciliables co fascismo, mais non coa causa da Segunda República, coa idea dunha Galicia que decidira libremente o seu destino no plebiscito de autonomía de 1936. Así que mentres no aquí se espallaba a barbarie, Eduardo Blanco Amor tivo que percorrer o alí, deitarse nas ondas que atravesan o Atlántico e ir en procura de novos camiños, de novas culturas, de novos amigos, sempre coa ferida da terra que se abandonaba, da terra que sangraba alá lonxe a través dos corpos ferozmente asasinados de moitos dos seus amigos, Federico García Lorca entre eles. Dese xeito Eduardo Blanco Amor, como tantos outros dos seus contemporáneos soubo romper a dicotomía entre o enxebre e o cosmopolita, entre o tradicional e o moderno, e presentársenos de regreso, como o Adrián Solovio que ideara moitos anos atrás Ramón Otero Pedrayo, sendo local e universal, tradicional e hipermoderno, ao mesmo tempo, sen que niso houbese o menor problema, a máis lixeira disonancia. E por iso o mundo narrativo que Eduardo Blanco Amor nos entregou segue a fulxir para todos nós, tal e como proba esta celebración que hoxe estamos a levar a cabo, coa luces do exemplar e do memorable. Exemplar, porque a través da súa figura, da súa elevadísima dimensión ética, de home entregado á causa dos 1

seus nobres ideais, de alguén que deixou a terra americana, cando acadara nela todas as distincións que coubese agardar, de escritor recoñecido, de intelectual de prestixio, regresando a unha Galicia que el sentía que o chamaba para entregarlle un feixe de obras que habían dispor novos camiños para as nosas letras, iniciando singraduras que aínda hoxe perduran... exemplar, digo, porque coa súa actitude dispuxo un modelo para todos aqueles que aínda hoxe seguimos a manter os esforzo en defensa da nosa lingua e da nosa cultura, un esforzo que hoxe resulta máis necesario ca nunca, xusto cando as augas das mareas políticas semellan anunciar tempos de perigo para a nosa supervivencia como cultura e como pobo diferenciado. Memorable porque a memoria está no xusto centro da súa aventura literaria. Blanco Amor escribe lembrando e, a través da lembranza, imaxina, reconstrúe aquilo que foi derrubado polo tempo, recupera as formas que ficaron obsoletas, dálles novo sentido, e, dese xeito, sitúanos para sempre no centro do seu amor, dese obxecto de desexo que foi o Ourense da súa infancia, e todos os personaxes que lle deron levedura a súa fariña primixenia. Como ben saberán todos os presentes, obra narrativa de Eduardo Blanco Amor en galego está composta por tres volumes, A Esmorga de 1959, Os biosbardos de 1962 e Xente ao lonxe de 1972 que, xunto cos dous volumes de obras teatrais Farsas para títeres de 1973 e Teatro para a xente (1975), constitúen a totalidade da súa obra literaria en prosa galega. En Os Biosbardos Blanco Amor reúne sete contos todos eles postos en boca dun narrador infantil ou adolescente distinto en cada relato. Todas as historias son historias acontecidas no Ourense dos seus anos mozos e os personaxes que neles se moven son personaxes pertencentes ás clases populares ourensás. Un grande poder de evocación da adolescencia, presente ao longo de todo o volume, leva a Blanco Amor a guiarnos con man destra polo Ourense dos seus recordos. Todos os contos enmarcados dentro dun ámbito vilego e non predominantemente rural. Como un tema reiterado ao longo da súa obra en Os Biosbardos encontramos o mundo social, o das xentes de Auria, presentadas como un auténtico protagonista colectivo, e o mundo persoal e intimista dos nenos que contan os relatos. Sen embargo, a visión que Blanco Amor ten do mundo infantil está moi lonxe do tópico do neno anxelical. Trátase de personaxes cheos de problemas, que afrontan a vida cunha curiosa madurez que os leva a querer ser, a definirse. Nese camiño vai ser moi importante o medo como sentimento, analizado a través de diversas historias, nunha reflexión sobre o mundo infantil que é en realidade unha maneira de voltar a ver o neno que o autor foi, como se a escrita destes contos nos estivese desvelando unha especie de psicoanálise persoal que só ficase reflexada na escrita. A pobreza das xentes, a descuberta do sexo e o erotismo en condicións de grande ignorancia ambiental, a emigración, aparecen mesturados cunha visión máxica da realidade na que Blanco Amor parece pór de manifesto a súa convición de que 2

o mundo precisa do misterio, do neboento e do oculto, esoutra cara da moeda que chamamos realidade. Xente ao lonxe é unha radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que loitan por unha escola laica e popular frente á burguesía que pretende unha escola relixiosa, tema aínda hoxe de rabiosa actualidade. Este tema, desenvolvido por medio de multitude de personaxes (ata un total de 170) que lle outorgan a obra un carácter polifónico, mesmamente presente na pluralidade de narradores, dá pé a unha descripción pormenorizada do ambiente ourensán na que o propio autor toma, subliminalmente, partido. Culminación, pois, dun Blanco Amor empeñado nunha obra de carácter realista que ao tempo que fose reflexo dunha sociedade en crise servise tamén para a toma de conciencia do lector. Xente ao lonxe é, en certa medida, a antítese de A Esmorga que hoxe celebramos no sentido de que os conflictos que nesta fican reducidos ao plano persoal dos protagonistas en Xente ao lonxe son descritos desde a perspectiva da colectividade. Ambas as novelas fechan un ciclo definido polo autor como unha indagación humanista no interior e no exterior para abrirse así a unha nova visión do tema da liberdade individual/liberdade colectiva. No primeiro dos casos Blanco Amor é pesimista. No segundo, optimista. Xente ao lonxe é, pois, unha análise sociolóxica sobre un mundo imaxinario que, sen embargo, ten todos os trazos definitorios do Ourense de principios de século. O mesmo esquema social que encontraremos en A Esmorga, coa súa burguesía anti-galega, os comerciantes maragatos, unha igrexa tremendamente reaccionaria e unha clase obreira que trata de organizarse para defender os seus dereitos, convertida xa na auténtica dinamizadora dunha sociedade que precisa modernizarse e cambiar. Tense escrito que existen dous arquetipos básicos do protagonista novelesco da modernidade. Por unha banda, Don Quixote, un ser que se enfrenta ao negativo do mundo entendéndoo como un resultado da actuación das forzas demoníacas, do encantamento producido polas potencias do mal, e incapaz de encontrarlle o sentido obxectivo ou relixioso que posuía o antigo ideal épico-cabaleiresco, opta por se enfrontar con ese mundo. Por outra banda, o protagonista da Educación Sentimental de Flaubert, un heroe que reaxe contra a degradación do real mediante o ensimesmamento. A teoría segundo a cal a estructura da novela moderna sería un eco da estructura da sociedade de economía burguesa é certamente útil para ler a Blanco Amor. Xa que os valores dominantes son os valores do troco, do intercambio monetario e financeiro, o heroe novelesco convertiríase en individuo problemático pola súa aspiración aos verdadeiros valores. O seu individualismo, a súa procura de pracer centrada en si mesmo, choca cos signos morais dunha sociedade baseada na mediación e no troco bancario. O heroe absurdo das 3

novelas de Kafka ou os procedementos de obxectivización do nouveau roman serían sintomáticos das sucesivas fases da evolución económica centradas no monopolio e no imperialismo nas que o personaxe literario comeza a carecer de destino individual e devén unha cousa entre cousas por mor dun mercado que equipara aos consumidores cos obxectos de consumo. Estamos diante dunha novela que vai deixando de ser antropocéntrica, que abandona ao home como centro de atención e empeza a despregar a súa ollada por todo o existente. Xustamente este paso, non dado por Blanco Amor, será o que distinga a súa obra da producción dos homes e mulleres da Nova Narrativa. En Blanco Amor aínda está vixente o home como centro do mundo do relato. O discurso é sobre o home e o escritor mira a un personaxe deseñado cos seus medos e as súas esperanzas e caracterizado, como veremos, por unha serie de atributos psicolóxicos que lle dan vida fóra da secuencia das palabras. Na Nova Narrativa a linguaxe comeza a ocupar paulatinamente o primeiro plano nun exercicio de desenfoque no que a cámara parece querer rematar filmándose a si mesma. A Esmorga de Eduardo Blanco Amor debemos ubicala dentro dos resultados que a perspectiva crítica creada pola socioloxía vai ter no mundo da creación literaria e, fundamentalmente, vencellada a un movemento artístico de posguerra que coñecemos co nome de neorealismo, mais sempre co eco ao fondo do existencialismo filosófico e literario. O movemento, como ben pode desprenderse do seu propio nome, trátase dun esforzo por encontrar un modo realista de narrar adecuado á expresión dos novos tempos. A crítica toma habitualmente como punto de partida o ano 1929 en que se publica Gli indiferenti (Os indiferentes) de Alberto Moravia. Nesta obra contánsenos as dificultades en que se ve unha familia italiana da época en franco proceso de disolución moral. Coa derrota do fascismo e a destrucción carretada pola guerra numerosos escritores incorporan un elemento novo: a descripción dos ambientes de extrema pobreza en que vivía o pobo italiano. Así, a miseria moral indagada por Moravia cedeu lugar á miseria material aínda que persistiu a disposición de non facer literatura, a ansia de reproducir a realidade de xeito que esta falase por si mesma. Sen embargo, A Esmorga é, como dicimos, algo máis que unha obra neo-realista, unha descripción da realidade social, económica e cultural dunha época da historia de Galicia a partir duns acontecementos e duns personaxes paradigmáticos. Pecaríamos de sectarios se esquecésemos que na obra tamén son visibles outros temas como o límite moral do pracer, o afastamento do home do seu destino ou a alienación dos seus protagonistas así como a atmósfera irónica aínda que amarga, propiciada xa desde as páxinas do prólogo, o sulagamento no mundo do imaxinario popular, a impotencia das forzas da vontade do individuo frente a outros poderes instintivos, 4

espontáneos e irracionais do ser humano que veñen determinar os seus actos. Debemos, pois, ver en A Esmorga outro tipo de influencias literarias que, fundamentalmente, poderíamos definir como: - a narrativa hispano-americana na que Eduardo Blanco Amor estivo integrado como autor en lingua española. - a tradición narrativa galega anterior da que toma numerosas temáticas, como a decadencia do Antigo Réxime, a aventura báquica… O feito de Blanco Amor ter pasado máis de trinta anos da súa vida en terras arxentinas fai que teñamos que ver dalgún xeito a súa obra como un producto da interrelación que se produce na súa personalidade entre, por unha banda, as vivencias da súa infancia e a súa formación cultural no seo do galeguismo da Segunda República Española, así como do galeguismo do exilio, e, por outra, a influencia que a literatura hispano-americana, en xeral, e arxentina, en particular, exerceu sobre o seu oficio literario. Neste sentido debemos ver en Blanco Amor, tanto como escritor en galego como en castelán, a un home tanxencialmente vencellado ao que se denominou popularmente 'boom hispano-americano', epígrafe convencional baixo o que agrupamos a autores tan diversos como Julio Cortázar, Mario Vargas Llosa, Gabriel García Márquez, Ernesto Sábato, Jorge Luis Borges, Carlos Fuentes, entre outros. Estas influencias atinxirían os procedementos narrativos e a asunción duns principios estéticos que, en grande medida, coinciden cos destes autores. Aínda que o termo boom e o seu aspecto de fenómeno comercial teñen sido criticados moi a miúdo, haberá que recoñecer que se trataba dun fenómeno transcendental no desenvolvemento da literatura hispano-americana: "Significa a súa apertura e inscripción no proceso de transformacións experimentado por toda a literatura occidental (na liña de combate: Kafka, Joyce, Céline, Faulkner, Hemingway) e que, simultaneamente, representa para nós a adquisición dunha plena madurez expresiva. Ao mesmo tempo que se incorporan novas técnicas e procedementos narrativos vaise definindo a súa propia personalidade". 1 Igualmente esas mesmas mudanzas van atinxir á novela galega, a través da obra de Eduardo Blanco Amor, polas mesmas datas, nun período de tempo que poderíamos ubicar arredor dos finais dos anos cincuenta e principios dos sesenta, época en que coincide a publicación da obra narrativa galega de Blanco Amor coa aparición do fenómeno literario que coñecemos, como xa se dixo, co nome de Nova Narrativa Galega, por traducción, máis ou menos fiel, do que en Francia se denominou Nouveau Roman. 1

. Jorge Lafforgue, Nueva novela hispanoamericana, vol. 2, Buenos Aires, Ed. Paidós, 1974, páx. 11. 5

A Esmorga convértese así no resultado dunha dobre manobra especulativa: por unha banda, o "rapto" que invade ao autor na primavera de 1956, cando unha voz na súa conciencia comeza a ditarlle o discurso novelesco, como se personaxe de Cibrán ocupase a personalidade e o corpo de Eduardo Blanco Amor para contar a súa propia historia; por outra, o coñecemento derivado das lecturas psicanalíticas e da propia psicanálise levada a cabo polo autor desde 1948. Ben entendamos A Esmorga, como resultado dunha neurose obsesiva centrada na figura do pai, ben a vexamos como o resultado da aplicación das teorías freudianas ao proceso da creación literaria, o certo é que entre a novela e a psicanálise hai unha tupida rede de conexións e referencias que fan da súa explicitación un paso clave no camiño da súa decodificación e interpretación. A Esmorga é, por tanto, un síntoma da renovación da nosa sociedade, logo da Longa Noite de Pedra do fascismo que cantara Celso Emilio Ferreiro. O fracaso do etnocidio cultural dirixido contra o noso pobo encontra na novela de Eduardo Blanco Amor a súa bandeira, o seu orgulloso estandarte de resistencia. Ademais, incorpora novas substancias nutricias, unha modernidade cosmopolita que demostra, máis unha vez, por se aínda fixese falta, que através da lingua galega somos universais e autóctonos, alleos e propios, enxebres e cosmpolitas, e que o noso diálogo co mundo non pasa, tal e como queren algúns, necesariamente pola estepa. Honramos, pois, nesta homenaxe ese exemplo de home fiel aos ideais, que soubo manter erguida a bandeira de Don Quixote por máis que esta fose contraria a unha determinada, e interesada, Educación Sentimental.

6

Lihat lebih banyak...

Comentarios

Copyright © 2017 DATOSPDF Inc.