A historia da prensa galega: máis de dous séculos de publicacións en castelán e galego

Share Embed


Descripción

A historia da prensa galega: máis de dous séculos de publicacións en
castelán e galego
Xosé López/Rosa Aneiros

Douscentos catorce anos de publicacións marcan ata o ano 2014 a historia
dos medios impresos en Galicia, unha nacionalidade histórica do Estado
español con lingua propia que construíu un escenario de comunicación
mediada tecnoloxicamente con xornais en castelán, maioritarios e
dominantes, e en galego, como mostra da expresión máis xenuína da
comunicación autóctona. A imprenta chegou tarde a Galicia (entre 1480 e
1490 –a primeira imprenta estable data de 1486, en Santiago de Compostela-)
debido a súa situación periférica na Península Ibérica e máis tarde (en
1800) callaron as iniciativas comunicativas periódicas en papel e
facturadas nos pequenos talleres nos pequenos talleres creados da man do
invento rexistrado no século XV por Johannes Gutenberg e perfeccionado a
sombra do paso dos anos por unha longa lista de mestres artesáns. Pero a
cultura impresa asentouse tanto nas grandes cidades galegas, onde se
editaron e editan os principais diarios, e nas principais localidades de
Galicia, grazas a prensa comarcal, un modelo de publicacións impresas de
proximidade que chegaron a ter unha forte implantación e das que
actualmente só quedan pouco máis dunha ducia de cabeceiras, algunhas
centenarias. É o breve resumo da historia de máis de dous séculos de
publicacións en dous idiomas no Fisterra da Península Ibérica, nun país con
menos de tres millóns de habitantes, cunha gran dispersión da poboación e
con importantes comunidades na emigración, especialmente nos principais
países de Latinoamérica e Europa.

Introdución

A historia dos medios impresos en Galicia é a historia dun país onde as
manifestacións protoxornalísticas[1] tiveron longa vida –dous séculos máis
que as localidades onde apareceron as primeiras publicacións periódicas-
ata que, pasados os séculos XVII e XVIII, cando a maioría dos países
europeos xa dispoñían de publicacións periódicas, no inicio do século XIX
apareceu a primeira iniciativa impresa estable e de carácter periódico, El
Catón Compostelano. Francisco María del Valle-Inclán, tío avó do autor de
Luces de Bohemia, Ramón José Simón Valle Peña, máis coñecido como Ramon
María del Valle-Inclán. É a historia, por tanto, duns medios impresos
tardíos, nunha sociedade bastante illada dos principais centros económicos
e políticos do momento, e con manifestacións comunicativas, na súa primeira
etapa, moi vinculadas a modalidades expresivas de opinión e a todo o que
encerra o xornalismo ideolóxico, dominante neses momentos no entorno.


A primeira publicación de Galicia foi El Caton Compostelano

A historia dos medios impresos en Galicia hai que situala no marco da
historia do xornalismo español, pola pertenza ao Estado e polo tanto pola
incidencia do contexto político e económico na aparición ou desaparición de
iniciativas comunicativas. E, aínda que formalmente comeza co século XIX,
debemos situar o nacemento do proceso previo baixo a alongada sombra do
século XVII, un século de dobre ritmo, que se cataloga como etapa clave na
historia de Europa. Nel modeláronse o Absolutismo e o parlamentarismo
modernos, e argumentáronse as ideas racionalistas e do dereito natural de
corte non teolóxico, pero tamén través da cultura acumulada do documento
impreso (Braojos, 1999:23), ocupou un capítulo singular no ámbito da
comunicación protoxornalística, en Galicia, e xornalística, noutros países.
Os "avisos", "ocasionales", "relaciones" e "mercurios" iniciaron un camiño
que desembocou nas gacetas, consideradas os documentos propiamente
xornalísticos. Aínda que a primeira Gazeta en España comezou a publicarse
en Madrid en 1661, xa antes había tradición "publicística" de crónica e
"relaciones" en varias provincias españolas (Sáiz, 1990:47). Barcelona e
Sevilla era onde existía ese caldo de cultivo, que a Galicia non chega ata
finais do XVIII. A esas alturas polas feiras e mercados de Galicia
circulaba información oral e escrita que tiña como principais focos de
difusión as feiras e as tabernas. Calendarios, almanaques, "pregos de
cordel", follas volantes anónimas, adiviñanzas, coplas de cego, contos,
historias e lendas integran esa rede informal de comunicación (Campos,
2000:83).

Nacemento e evolución zigzagueante

El Catón Compostelano, publicación de periodicidade semanal, xorde como
herdeiro desa tradición comunicativa e desas iniciativas periódicas para
intervir no espazo galego, con gran tradición de comunicación oral e de
textos escritos, moitos en forma dialogada e con forte pegada xornalística,
para ser lidos en concentracións de persoas. A norma á que tivo que
someterse para saír á luz foi a Real Orden de 1788, que contemplaba que os
autores e tradutores de papeis periódicos –impreso non superior a catro ou
seis pregos- presentaraos, firmados por si mesmo, ao xuíz de imprentas,
solicitando licencia para a impresión, e tamén o paso polo censor.
O autor dos vintedous discursos de El Catón Compostelano, Francisco María
del Valle Inclán, excéntrico en moitas actitudes (Barreiro, 2000: 17),
catedrático da Facultade de Leis da Universidade de Santiago e
Bibliotecario da institución, quixo escribir, no seu empeño intelectual,
"para reprehender los errores introducidos bajo el nombre de costumbre, e
instruir en todas las materias políticas y literarias"[2]. Nos primeiros
discursos, o seu autgor xa advirte que pensa nunha publicación de carácter
enciclopédico, cun tema central de cada discurso, e moi inspirado
formalmente no libro –formato pequeno, sen debuxos, impreso con tipos
clásicos e con unha capitular abrindo cada discurso-.
A iniciativa de Francisco María del Valle Inclán sumou vintedous números e
desapareceu, o que deixou de novo a Galicia sen publicacións propias, aínda
que dentro do mundo dos medios impresos que chegaban de fóra. España, nese
momento de tránsito de século e de inicio do novo, vivía unha situación
convulsa, que a invasión francesa polarizou en distintos movementos, uns a
favor de cambios con Napoléon e outros, a maioría, nunha aberta oposición á
presenza francesa no territorio da Península Ibérica. A guerra de
guerrillas que caracterizou á guerra da Independencia española no plano
militar tivo a súa vertente informativa na aparición de numerosos medios de
comunicación antinapoleónicos nos que se exhortaba á poboación a rebelarse
contra dos franceses.
Nese contexto apareceu o primeiro diario impreso en Galicia. Publicouse o 1
de xuño de 1808 é dicir, un día despois do levantamento das cidades de A
Coruña e Santiago, os días 30 e 31 de maio- na cidade de Santiago, coa
cabeceira de Diario de Santiago, e a súa vida prolongouse ata o 21 de
xaneiro de 1809. Nese mesmo ano de 1808 naceron na cidade de A Coruña
o Diario de La Coruña e o bisemanario Gazeta de La Coruña -ambas apareceron
o 22 de xuño- e o Telégrafo político y literario de La Coruña (setembro).
Todos estes medios son combativos co exército francés e cos afrancesados,
excepto a última etapa de Gazeta de La Coruña, na que da voz aos intereses
napoleónicos –na etapa comprendida entre xaneiro de 1809 e xuño do mesmo
ano, cando os franceses son expulsados de Galicia-.


Diario de Santiago foi o primeiro periódico diario de Galicia

O poder político foi consciente, desde o momento da súa aparición, da
importancia dos primeiros diarios. Foi por elo que se esforzou por
controlalos, consciente da influencia que tiñan no público e da súa
importancia como creadores de opinión. De feito, os dous primeiros diarios
galegos –Diario de Santiago y Diario de La Coruña- foron patrocinados polo
poder vixente, é dicir, as Juntas creadas logo da quebra do poder absoluto,
despois da invasión das tropas francesas de Napoléon Bonaparte (Viveiro
Mogo, 2008:9).


Diario de La Coruña apareceu o 22 de xuño de 1808.

Estas e outras publicacións da época proxectan a imaxe dun dos promotores e
pioneiros do xornalismo en Galicia, Manuel Pardo de Andrade. A partir de
xullo de 1809, comeza unha nova etapa xornalística cos franceses xa
expulsados. Isto fai posible o regreso do Diario de La Coruña denominado
durante unha breve etapa Diario del Gobierno de La Coruña-, o nacemento do
Semanario político, histórico y literario de La Coruña ou a publicación de
El Patriota Compostelano, como continuación do Diario de Santiago. Manuel
Pardo de Andrade, home culto e director do Semanario político, histórico y
literario de La Coruña, pon en marcha un proxecto xornalístico moi político
e ideolóxico, de curta duración. Pero o seu bo facer xornalístico provocou
que o seu nome quedase ligado ao nacemento e consolidación da prensa no
noroeste peninsular, que se produce na primeira década do século XIX.
Desde o levantamento popular, o contexto político facilitou a aparición de
publicacións, especialmente das contrarias á difusión do ideario da
Revolución Francesa en España. Pero o decreto do 10 de novembro de 1810 das
Cortes de Cádiz aínda favoreceu máis o nacemento de medios impresos, xa que
sancionou a liberdade de imprenta que existía de feito tralo levantamento
popular de 1808. As publicacións da época, a maioría aparecidas en Santiago
e A Coruña, son unha miscelánea da futura prensa de información xeral e da
prensa de carácter político. Inclúen noticias da guerra, referencias das
sesións das Cortes, sección política, anuncios e cartas ao director, pero
apenas recollen noticias locais ou de Galicia (Pérez Pais, 1974:220). O
período, que prometía cambios na prensa, durou pouco tempo e pronto
chegaron as restricións e unha ralentización na renovación dos medios.
Os acontecementos políticos de 1814, con Fernando VII suspendendo a
Constitución e recuperando o poder absoluto, marcan a seguinte etapa, cunha
censura que provocou a desaparición da maioría dos medios impresos. O
levantamento de 1820 permitiu recuperar as liberdades, incluída a de
imprenta, o que favoreceu a aparición de novos xornais, aínda que non foi
unha etapa especialmente brillante, quizá porque o 1 de outubro de 1823
Fernando VII puxo fin ao trienio liberal e restableceu o absolutismo, coa
conseguinte prohibición das publicacións. Manuel Pardo de Andrade tivo que
exiliarse e outros xornalistas e impresores sufriron desterro. Durante o
período do seu mandato, ata que se fai cargo do poder a rexente María
Cristina, Galicia careceu de xornais (Barreiro, 1991:306). A morte de
Fernando VII en 1933 abriu un novo período liberal ata 1868, con novas
publicacións en Galicia, malia os criterios restritivos do momento.
En 1833 apareceu na Coruña o periódico Correo de Galicia, subtitulado
xornal literario, político, mercantil e industrial e dirixido por Sebastián
Iguereta. Trátase dunha publicación bisemanal, cunha presentación formal
inspirada na prensa europea máis informativa e menos ideolóxica, que abre
unha nova etapa nas publicacións, xa máis segmentadas por temas -prensa
comercial, médica, xurídica, literaria?-. No campo político, destacaron
medios de diferentes tendencias, como El Telégrafo (1843) e El Centinela
de Galicia (1843), en A Coruña; La Aurora de Galicia (1845), La Opinión
Pública (1863) e El Restaurador (1863) en Santiago…E, sobre todo,
apareceron periódicos políticos que teñen unha liña provincialista[3] , é
dicir que prestan atención ás cuestións reivindicativas de Galicia e
enmárcanse nos portavoces das primeiras manifestacións galeguistas.
Da lista de diarios provincialistas hai que destacar, entre outros, , El
Porvenir (1845-1845), en A Coruña, dirixido por Antolín Faraldo; Iris del
Bello Sexo -posteriormente Iris de Galicia- (1841-1841), El Idólatra de
Galicia (1841-1842), dirixido por Domingo Díaz de Robles, e El Recreo
Compostelano (1842-1843), dirixido por Antonio Neira de Mosquera, en
Santiago; La Oliva (1856-1857) que tiña como director literario a Manuel
Murguía, en Vigo (Santos Gayoso, 1990:79-161). O sector progresista e
provincialista entraba nos medios de comunicación, o que sentaba as bases
dunha etapa de renovación para os medios impresos e o xornalismo galego.


O director literario de La Oliva foi Manuel Murguía, impulsor e primeiro
presidente da Real Academia Galega.

O certo é que a etapa resultou alentadora para os medios, tanto pola
renovación como pola cantidade. Entre 1833 e 1868 saíron e publicáronse en
Galicia 168 xornais. Excepto catro -Boletín Eclesiástico del Obispado de
Mondoñedo, Boletín Oficial del Obispado de Tuy, El Vigía (Vilagarcía) e La
Cuenca del Eo (Ribadeo)-, os demais naceron en centros urbanos e algúns
excederon o ano de vida (Pérez Pais, 1974:220). A prensa galega vive unha
etapa de modernización, con renovados formatos, e incorpora novas seccións.
As publicacións exploran as vantaxes da especialización e algunhas
focalizan a información en zonas xeográficas moi próximas. As noticias
sobre o progreso e o desenvolvemento económico, especialmente de Galicia,
ocupan máis espazo e créase un bo clima favorable ao papel divulgador dos
medios impresos.

A eclosión de medios

A semente dos renovados medios impresos do período liberal de 1833-1868
xermina no sexenio (1868-1875) cunha gran cantidade de xornais en Galicia,
favorecida pola liberdade de prensa e polo empeño á hora de explicar
consígnalas revolucionarias para consolidar o réxime. O xornal, unha vez
máis, non foi un produto empresarial, senón un instrumento político. Esta
prensa revolucionaria está redactada pensando máis que no pobo no lumpen
urbano ao que había que atraer e conquistar. Consolidado o réxime, a prensa
partidista caracterízase por unha gran mobilización política contorna
especialmente aos partidos marxinais -republicanos e carlistas-, que serán
os que exerzan unha actividade máis intensa (Barreiro, 1991:323). Na
numerosa lista de cabeceiras que aparecen e desaparecen, tanto na prensa
revolucionaria como conservadora, destaca unha: Faro de Vigo (1853).
Pertence ao campo conservador e co paso do tempo, en pleno século XXI,
portará a bandeira de diario decano da prensa española.
A restauración borbónica (1875-1931) abre unha nova etapa na historia dos
medios impresos galegos, xa que se trata dun período no que apareceron
varias das cabeceiras que se manteñen na actualidade no mercado. É
necesario recordar que houbo una certa estabilidade política, non exenta de
problemas, e que Galicia experimentou un certo crecemento urbano, algúns
logros na educación e melloras nas comunicacións. No campo da impresión, os
sistemas tamén melloran e incorpórase a imaxe gráfica, á vez que se dan
tímidos pasos cara á profesionalización do traballo xornalístico (Pérez
Pais, 1974:221).
Na primeira metade do século XIX a prensa comercial convive coa prensa de
opinión, a literaria e cultural. A mediados de século empézanse a detectar
síntomas de identidade e institucións sobre a organización informativa e
comercial dos xornais, coa introdución da publicidade, os novos xéneros e
Galicia como obxectivo -o próximo-. E a finais do século XIX a prensa de
Galicia xa toma corpo empresarial (Campos, 2000:88), consolidando a
traxectoria dalgunhas das principais cabeceras que aos poucos conquistaron
os disputados mercados locais.
A etapa máis ideolóxica e doutrinaria dos xornais estaba dando tímidos
pasos a unha fase máis informativa, comercial e empresarial da maioría dos
proxectos impresos. Non podemos esquecer que El Correo Gallego (Ferrol,
1878. En 1938 trasladouse a Santiago de Compostela), La Voz de Galicia (A
Coruña, 1882), (Diario de Pontevedra (Pontevedra, 1887), hoxe fieis a súa
cita cos lectores, apareceron nesa etapa e que pouco despois o fixeron El
Progreso (Lugo, 1908), La Región (Ourense, 1910), e El Ideal Gallego (A
Coruña. 1917). Outros diarios importantes fundados na citada época e que
non tiveron a sorte de chegar á actualidade foron La Zarpa (Ourense, 1921),
Galicia (Vigo, 1922), e El Pueblo Gallego (Vigo, 1924).
La Zarpa, o diario agrarista fundado por Basilio Álvarez, estaba ben
presentado, na liña dos xornais de información xeral, aínda que dando
sempre maior importancia á información política (Santos Gayoso, 1990: 545-
546). 


Basilio Álvarez foi o fundador e director do diario La Zarpa.


O diario Galicia, fundado por Valentín Paz Andrade, foi un dos exemplos
máis claros de modernidade e renovación da prensa galega da época. Destacou
como un medio impreso non só dos máis modernos do seu tempo, senón un dos
máis reivindicativos. A súa calidade converteuno nunha auténtica referencia
para os diarios galegos que o sucederon ao longo da historia do xornalismo
en Galicia (López/Aneiros, 2004:10). El Pueblo Gallego, fundado por Manuel
Portela Valladares, brillou como outra das grandes cabeceiras da historia
do xornalismo galego. Sempre estivo a favor da modernización e o
autogoberno da sociedade galega e contra da cultura caciquil, por medio
dunha linguaxe xornalística directa (Santos Gayoso, 1990:566).


O diario Galicia foi moi moderno e moi reivindicativo


Estes tres diarios -La Zarpa, Galicia y El Pueblo Gallego- conforman o
grupo de medios impresos de información xeral que na década dos vinte do
século pasado emprenden un proceso de modernización xornalístico cara ao
modelo de xornal comercial informativo -o coñecido como diario de empresa,
que máis tarde se consolida e chega ata a actualidade coas súas
correspondentes variantes-. Máis tarde sumaríanse a este proceso
modernizador e de aposta polo diario comercial informativo (diario de
empresa) La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, Diario de
Pontevedra, El Progreso, La Región y El Ideal Gallego.
As publicacións monotemáticas ou dunha ou varias áreas de especialización
temática poboaron a oferta informativa desta etapa, con moitos medios
culturais, agraristas ou obreiristas como os máis relevantes. Santiago foi
a cidade cun maior número de publicacións de índole cultural e onde en 1876
empezou a Revista Compostelana de Instrucción y Recreo -semanal-, que
dirixiu Eduardo Mosquera Montes e que contou con Emilia Pardo Bazán, Barros
Sivelo ou López Pereira como colaboradores. Na cidade da Coruña, no ano
1887, comezou a publicarse a revista Galicia -semanal-. En Pontevedra, unha
cidade na que existían agrupacións selectas que promoveron publicacións
(Barreiro, 1991:329), no ano 1888, publicouse El Iris Literario -revista
quincenal-; no ano 1897 apareceu Galicia Moderna -revista quincenal-; en
Vigo, no ano 1909, naceu Vida Gallega mensual-, unha publicación con
excelentes fotos e unha das revistas máis modernas de España, en opinión de
Xosé Ramón Barreiro, e no ano 1927 creouse Industrias Pesqueras, excelente
revista técnica pesqueira que prosegue en activo como quincenal; ou en
Ourense, no ano 1883 apareceu Galicia Literaria -mensual- e no ano 1888 viu
a luz Álbum Literario -semanal- (Santos Gayoso, 1990: 224-419).
A prensa agraria, estudada por José Antonio Durán, recolle os moitos
problemas do sector agrario, derivados do modelo de subsistencia e das
iniciativas dalgúns para acceder á propiedade da terra. Algunhas das
publicacións que deixaron pegada foron Acción Gallega (1910-1916) -revista
quincenal dirixida polo axitador agrario Basilio Álvarez-; El Agricultor
(1906-1916) -revista mensual dirixida por Elías Santomé na localidade
lucense de Riotorno-; El Barbero Municipal (1910-1914), semanario satírico
e anticaciquil de Rianxo; El Campesino (1900), semanario publicado en
Lavadores (Vigo); El Estradense (1906-1908) (1918, segunda época),
semanario de A Estrada (Pontevedra); Redención Gallega (1910-1913),
semanario de Teis-Lavadores (Vigo) que sucede a El Campesino. En canto á
prensa obreira, é a partir de 1880 cando hai en Galicia unha prensa obreira
consolidada, en opinión de Barreiro Fernández. Así, en 1881, en Vigo,
aparece La Propaganda, dirixido por Ricardo Mella, ou en 1882 sae á rúa en
Pontevedra El Hijo del Trabajo.
O panorama dinámico da prensa da etapa da restauración complétao a prensa
non urbana ou comarcal, publicacións periódicas de información de
proximidade e con liña editorial das principais formacións políticas deses
ámbitos. Localidades como Mondoñedo, Ribadeo, Vilalba, Viveiro, Noia,
Ortigueira, Cedeira, Betanzos, Baiona, Redondela, Ponteareas ou Tui
contaron con importantes cabeceiras. El Eco Mindoniense (Mondoñedo, 1892),
El Mindoniense (Mondoñedo, 1888), El Eco de Villalba (Vilalba, 1908), El
Heraldo de Villalba (Vilalba, 1916), La Voz de Sarria (Sarria, 1931), Faro-
Miño (Chantada, 1908), Ecos del Eume (Pontedeume, 1910), Nueva Cedeira
(Cedeira, 1924), El Eco (Verín, 1889), El Eco de Monterrey (Verín, 1924),
La Voz del Miñor (Baiona, 1911), La Voz del Tea (Ponteareas, 1924) ou Aloya
(Tui, 1906) conforman unha selección desas cabeceiras.

La Voz del Morrazo publicábase dúas veces á semana


El Eco Mindoniense apareció en Mondoñedo en el año 1882.


El Eco de Cuntis apareceu na localidade pontevedresa en Cuntis no ano 1932.

Desde a aparición de La Cuenca del Eo, en Ribadeo, no ano 1866, da man
dunha pequena imprenta, nesa localidade apareceron, entre outros, El
Ciudadano (1868), El Eo (1879), Las Riberas del Eo (1881), La Comarca
(1912) e Ribadense (1909). En Viveiro, no ano 1886 apareceu El Farol, ao
que seguiron, entre outros, El Eco de Vivero (1888) El Vivariense (1890),
La Voz de Vivero (1909), Heraldo de Vivero (1912), Landro (1916), El
Defensor del Obrero (1919), La Voz del Pueblo (1926) e Unión Comercial
(1934). E en Ortigueira, en 1895 saliu El Condado de Ortigueira, ao que
logo seguiron, en 1902, El Eco Ortegano, La Voz de Ortigueira (1916) e
Acción Agraria (1920), entre outros.


El Condado de Ortigueira tiña periodicidade semanal

Nas tres localidades citadas mantense, con carácter semanal, a aparición de
unha publicación na actualidade. Ribadeo prosigue con La Comarca del Eo
(naceu como La Comarca en el 1812), Viveiro conta con Heraldo de Vivero e
Ortigueira con La Voz de Ortigueira. Trátase de tres publicacións
periódicas con moita historia, moi próximas e que manteñen vivo ese
xornalismo de outrora da crónica social próxima e a vida do pobo a través
de persoas e feitos relevantes, así como con opinións de veciños.
A prensa galega de finais do XIX e principios do XX viviu, pois, un momento
de moita vitalidade, de cambio e adaptación ás tecnoloxías do momento
-novas máquinas de composición e reprodución-, así como unha gran variedade
temática de publicacións. Desde 1890 ata 1923 apareceron cada ano ao redor
de vinte ou trinta novos títulos, de moi variada orientación. A década de
1910, xunto coa de 1930, é a máis pródiga en novas publicacións e é cando
xorden máis medios de carácter local e comarcal. Os diarios avanzan cara ao
modelo de diario comercial -a maioría dos galegos, con catro páxinas e unha
dedicada á publicidade-, con bastante atención á información local, pero
con información de España e do Mundo. Moitos deses diarios reclaman o
título de "independentes" (Pérez Pais, 1974: 222-223).
A etapa foi moi frutífera desde o punto de vista dos medios impresos, aínda
que terminou un pouco embazada pola ditadura de Primo de Rivera e os
Gobernos Berenguer e Aznar (1923-1931). As restricións para a prensa
provocaron un descenso do número de cabeceiras, aínda que tamén foi unha
fase da aparición de importantes medios (El Pueblo Gallego, Industrias
Pesqueras, Heraldo de Galicia…). O viveiro de medios con que se chega ás
vésperas da segunda República é, en todo caso, bo.


El Pueblo Gallego fundouno Manuel Portela Valladares

Prensa en galego

A historia da prensa en galego precisa dunha introdución da propia historia
do galego. A transformación do latín vulgar traído polos soldados romanos
ao redor do século II a.C. foi moi lenta, progresiva e imperceptible, tanto
que a maior parte dos historiadores coinciden en situar a plena
diferenciación dos dous idiomas entre os séculos VIII e IX nosa era, é
dicir, logo de máis de 900 anos de contacto e interferencias entre o latín,
o substrato celta e os superestratos suevo, bretón e visigodo[4] .
Unha vez desenvolvida e singularizada a nova lingua, pódese falar de tres
grandes períodos na súa historia (Freixeiro Mato, 1997: 17): o galego
antigo (desde as primeiras locucións ata finais da Idade Media), o galego
medio (séculos XVI, XVII e XVIII, tamén chamados "séculos escuros") e o
galego moderno (desde o século XIX incluso a actualidade). Na etapa
medieval ou do galego antigo podemos sinalar, á súa vez, dúas grandes
épocas: unha caracterizada pola oralidade da lingua e a falta de documentos
escritos que chega ata o século XII e outra na que o romance queda plasmado
xa en papel e que chega ata ao século XV.
Durante toda a etapa preliteraria do galego, o latín segue conservando o
seu carácter escrito e internacional pero, conforme avanza a Baixa Idade
Media, a nova fala vai asumindo todas as funcións propias dunha lingua
normalizada. Así, o galego convértese nun idioma familiar e de relación
social, sen distinción de clase nin de espazo, emprégase no mundo laboral e
no contacto coas institucións: concellos, gremios e igrexas. Tamén a
función cultural, reservada nun principio ao latín como lingua escrita, vai
ser asumida polo galego de xeito espectacular durante a época trovadoresca,
cando se converte, ademais, na lingua universal na que se canta e escríbese
a poesía lírica. En palabras de Castelao (1961: 51): "o romance galego
percorreu un ciclo literario completo, de tan alto valor artístico que
traspuxo as fronteiras do noso país, chegando a ser lingua lírica e cortesá
de Castela".
A separación nos ámbitos de uso do latín e o galego era cada vez máis
difícil de manter debido a que só un reducido número de persoas podía
entender ou escribir ben o primeiro. Os mesmos escribanos atopaban serias
dificultades á hora de desenvolver o seu traballo, o que os levaba a
ilustrar frecuentemente os documentos con palabras e sintagmas lingüísticos
do romance. De feito, a comezos do século XIII, existen xa manuscritos de
compraventa, últimas vontades ou doazóns redactadas en galego (Freixeiro
Mato, 1997: 31). Nesa época, xorden tamén as cantigas da escola
trovadoresca galego-portuguesa.
A primeira etapa literaria da lingua galega pode dividirse en dous
períodos: o trovadoresco (desde os primeiros textos escritos ata o ano
1350) e o post-trovadoresco (de 1350 ata finais do século XV). Na época
trovadoresca, o galego medieval consegue o seu maior esplendor grazas ao
desenvolvemento dunha riquísima escola lírica -un dos documentos literarios
máis antigos en lingua galega que se coñece é a cantiga satírica "Ora faz
ost'el senhor de Navarra", escrita no último lustro do século XII por Joam
Soares de Pavia-. No tocante á prosa, a produción de escritos en galego foi
máis ben escasa e os máis antigos que se conservan teñen carácter
administrativo e notarial. Os máis antigos ata o momento coñecidos son o
Foro do Burgo de Castro Caldelas, escrito en Allariz en 1228 ou o Foro de
Dona Toda de 1244. Alén do Miño e na segunda década do século XIII aparecen
o Testamento de Afonso II e a Notícia de Torto.
A desaparición da escola lírica galego-portuguesa e a progresiva decadencia
literaria caracterizan a época post-trovadoresca. No século XV, a coroa de
Castela afianza a súa poder político e desenvolve fortes medidas
centralistas e intervencionistas en case toda a península. En Galicia, como
consecuencia do apoio prestado aos perdedores nas loitas dinásticas
castelás (primeiro a Pedro I e despois a Juana la Beltraneja), comeza un
proceso de substitución da nobreza autóctona por outra foránea: unha clase
alta intransixente coa cultura e coa lingua da antiga Gallaecia que vai
impoñer o castelán como código único para a lingua falada e a escrita. O
seu coñecemento pasa a esixirse non só no plano cultural senón, tamén, no
económico, no político, no militar e no eclesiástico, é dicir, en todas as
esferas do poder. 
A división política da Gallaecia en dous reinos distintos produciuse xa a
mediados do século XII, pero non rompera a unidade lingüística. Pouco
despois, á outra beira do Miño, a coroa portuguesa desprazou a súa capital
a Lisboa e converteu o galego-portugués nun idioma coidado e protexido que,
co paso do tempo, foi transformándose nun poderoso instrumento cultural e
político que abandeira as conquistas lusas alén dos mares e cada vez máis
influenciado polas linguas mozárabes do sur da península. Mentres, ao norte
do río, Galicia pasou a ser un reino sen monarca propio e sen corte que
potenciase o seu idioma, o que impediu a consolidación do galego como
lingua escrita e fomentou a sensación de pobreza, miseria, discriminación e
ruralidade vinculada á lingua propia fronte á riqueza e o poderío dos
nobres castelán-falantes. Así, aos poucos, baixo o reinado dos Reis
Católicos consumouse a imposición do castelán a todos os niveis, sumindo a
lingua e a literatura galegas nos chamados "séculos escuros".
A Idade Moderna comeza en Galicia cun importante conflito lingüístico no
seu territorio: hai unha lingua que ocupa a esfera do poder e outra que
pasa a ser o idioma dos subordinados. En realidade, son moi poucos os datos
que se posúen sobre a verdadeira situación do galego nos séculos XVI, XVII
e a primeira metade do XVIII, aínda que existen referencias illadas en
diversos autores que nos permiten falar de tres grupos sociais segundo o
seu comportamento lingüístico: unha minoría monolingüe castelá, que ostenta
o poder político e relixioso; un colectivo autóctono bilingüe, que se
integra no aparello de poder; e unha maioría monolingüe galega e,
fundamentalmente, campesiña.
No século XVI, o galego era xa unha lingua completamente ágrafa. Freado o
seu emprego como idioma escrito nas mesmas portas do Renacemento, non só se
viu privado de experimentar as novas correntes históricas senón que perdeu
tamén a oportunidade de difundirse a través da imprenta. A copia impresa
supoñía toda unha revolución no tocante á expansión e divulgación de textos
e de linguas e, ademais, dotaba dunha disciplina ortográfica e lingüística
inédita a idiomas ata entón carentes de codificación. O Renacemento, o
Humanismo e, en boa medida, a Ilustración foron outras oportunidades
históricas perdidas para o galego que, por mor das adversas circunstancias
socio-políticas de Galicia, seguía existindo e resistindo só como lingua
falada para o conxunto do pobo. 
No século XVIII, xusto cando a presión contra o galego era máis intensa por
mor das políticas centralizadoras dos Borbóns, comezaron a escoitarse en
Galicia unha serie de voces que mostraban a súa preocupación e inquietude
pola situación do idioma, así como polo subdesenvolvemento do país. Fai
falta destacar neste grupo, ao Padre Feijóo, ao Padre Sobreira e a Frei
Martín Sarmiento, quen defendeu a necesidade de levar o galego ás escolas
-a lingua do ensino era o castelán-, á administración e á igrexa.
Atribúeselle tamén o feito de ser o primeiro en rexeitar a condición de
dialecto para o idioma e de sentar, en certo xeito, as bases do que se deu
en chamar "Rexurdimento". 
Nos primeiros anos do século XIX, a raíz da invasión francesa e
.......xeral, empregaban o galego nas súas composicións. 
Os primeiros textos escritos en galego imprimíronse a comezos do século XIX
e tiñan como finalidade principal situar aos campesiños ao lado dos
liberais ou dos absolutistas. Conforme avanzaba o século XIX, os homes e
mulleres do Rexurdimento ían tomando conciencia de que a conservación e a
normalización da lingua pasaban ineludiblemente pola modificación da súa
condición social (Hermida, 1992: 90), e unha boa forma de conferirlle
prestixio ao idioma era empregándoo nun medio de comunicación. Así, o 7 de
febreiro de 1876, naceu O Tío Marcos d'a Portela, o primeiro xornal escrito
en galego e que promovía unha activa defensa da lingua, así como do orgullo
de empregala. 


O Tío Marcos d'a Portela foi a primeira publicación periódica escrita en
galego.


O éxito do semanario ourensán, dirixido por Valentín Lamas Carvajal, foi
espectacular e, en menos dun ano, cuadriplico a súa tirada pasando dos
1.000 aos 4.000 exemplares. O contido ía dirixido fundamentalmente aos
campesiños, tiña un marcado carácter anticaciquil e trataba temas de
actualidade política, económica e social. Tamén contaba entre as súas
follas cos traballos, en verso e en prosa, de colaboradores como Manuel
Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Francisco Añón, Manuel Lugrís Frade,
Eladio Rodríguez ou Benito Losada. "O Tío Marcos d'a Portela. Parrafeos c'o
pobo gallego" publicouse entre 1876 y 1880, 1883 y 1889 e, casi trinta anos
despois, entre 1917 e 1919, funcionando nesta última etapa como portavoz
das Irmandades da Fala en Ourense.
Antes de que botara a andar o xornal de Lamas Carvajal, editáronse en
Galicia unha serie de publicacións sen continuidade no tempo que contiñan
textos en galego como La Tertulia de Picaños (1820), La Tertulia en La
Quintana (1836) ou Parola de Cacheiras (1836), nas que se informaba e
opinaba de cuestións de actualidade de maneira dialogada. Tamén se
imprimiu en A Coruña un medio de periodicidade variable: O Vello do Pico
Sacro (1860).




La Tertulia de Picaños foi unha publicación de carácter irregular que
contiña textos en galego.

Seguindo a estela de O Tío Marcos d'a Portela, entre 1881 e 1895,
apareceron numerosas publicacións, entre as que podemos citar A Fuliada, en
Betanzos y a Coruña; O Galiciano y A Tía Catuxa, en Pontevedra; A Monteira
e O Labrego, en Lugo, ou As Burgas, en Ourense, caracterizadas pola súa
breve permanencia no mercado e por estar relacionadas, a maior parte, co
movemento rexionalista galego. Nesta época tamén aparece en La Habana a
primeira publicación escrita completamente en galego: A Gaita Gallega.
Repinica muiñeiras, alboradas e fandangos unha vez ó mes (1885-1889).



A Nosa Terra apareceu como boletín decenal.

Co alzamento militar de 1936, o galego desapareceu da escrita e os únicos
textos impresos nos que se empregaba eran periódicos clandestinos ou
publicacións editadas desde o exilio como Adiante e Galicia Emigrante
(Buenos Aires, 1954), Vieiros (México, 1959) ou A Nosa Galiza (Ginebra,
1967). Só a aparición da revista cultural Grial, da editorial Galaxia, e o
ideario da Unión do Povo Galego, Terra e Tempo, viñeron romper un silencio
que se prolongou durante case catro décadas.



Vieiros publicó o seu primeiro número en México no ano 1959.


En 1976, xa finalizada a ditadura, naceu en Santiago de Compostela Teima,
o primeiro semanario de información xeral escrito completamente en galego;
e, pouco despois, volveu á vida A Nosa Terra (1977), dirixida por Margarita
Ledo Andión. A recuperación da democracia permitiu que florecesen numerosas
revistas escritas na lingua de Galicia como Encrucillada, A Trabe de Oro,
Agália, Andaina, Dorna, Artesán ou Tempos Novos, pero houbo que agardar
case vinte anos antes de que aparecera un periódico de información xeral, O
Correo Galego (posteriormente, ata o seu peche, Galicia Hoxe) -1994-2011,
primeiro e único diario de pago impreso que empregou a lingua galega en
tódalas súas follas (1994-2011).





Teima tiña a súa redacción en Santiago de Compostela.


(Resumo do texto completo.- O texto completo pode consultarse en:
López, Xosé/Aneiros, Rosa (2016): A historia da prensa galega: máis de dous
séculos de publicacións en castelán e galego. En, Sousa, Pedro Jorge; Lima;
Helena; Hohlfeldt; Barbosa, Marialva, Uma Histórica da Impresa Lusófona.
Porto: Media XXI.















Referencias bibliográficas

Álvarez Pousa, L. (1998). Prensa e identidade na sociedade da información.
Estratexias e función dos xornais no sistema galego de comunicación. Tomo
I. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago. Tese de doutoramento.
Barreiro Fernández, X.R. (1991). Galicia. Historia. Tomo VI. A Coruña:
Hércules de Ediciones.
Barreiro Fernández, X.R. (2000). Francisco María del Valle Inclán ou a
extravagancia ao servicio da cultura. En López, X. -coordinador-, El Catón
Compostela. Estudios. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Beramendi, X. (2007). De provincia a nación. Historia do galleguismo
político. Vigo: Edicións Xerais.
Braojos Garrido, A. (1999). De los antecedentes a la conquista de la
libertad de expresión. En Gómez Mompart, J.L. y Marín Otto, E. -editores-,
Historia del periodismo universal. Madrid: Editorial Síntesis.
Campos, F. (2000). Lento espertar empresarial da prensa en Galicia. En
López, X. -coordinador-, El Catón Compostelano. Estudios. Santiago de
Compostela: Consello da Cultura Galega.
Campos, F. (2002). El nuevo mapa de los grupos de comunicación en el siglo
XXI. En López, X. -coordinador-, La comunicación en Galicia 2002. Santiago
de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Fernandez Méndez, D. (2012). Diario de Galicia: xornalismo de calidade con
Galicia como marco de referencia. Santiago de Compostela: Universidad de
Santiago. Tesis doctoral.
Ledo, M. (1982). Prensa e galleguismo. Da prensa galega do XIX ao primeiro
periódico galego nacionalista. 20 anos de "A Nosa Terra" (1916-1936). Sada
(A Coruña): Ediciós do Castro.
Luca de Tena, G. (1993). Los diarios: de la empresa política a la política
de empresa. En VV.AA., Informe da Comunicación en Galicia. Santiago de
Compostela: Consello da Cultura Galega.
Freixeiro Mato, X.R. (1997): Lingua galega: normalidade e conflicto. Vigo:
Laiovento.
Guillamet, J. (2002). Pasado y futuro de la prensa local. En López,
R./Fernández, F./Durán, A., La prensa local y la prensa gratuita. Castellón
de la Plana: Universidad Jaume I.
Hermida Gulías, C. (1992): Os precursores da normalización. Vigo: Xerais.
López, X./Aneiros, R. (2004). Presentación xeral do estudio crítico do
Galicia. En, López, X. -Editor-, O xornal Galicia (1922-1926). O alento da
modernidade. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega-A Nosa
Terra.
Losada, A./Ballestero, M.A./Mahou, X.M. (2004). O marco da información
agraria e pesqueira en La Voz de Galicia (1977-1996). En Máiz, R. -Editor-,
Identidade colectiva e medios de comunicación. La Voz de Galicia 1977-1996.
A Coruña: Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.
Máiz, R. (2004). Marcos políticos identitarios y medios de comunicación: La
Voz de Galicia (1977-1996). A Coruña: Fundación Santiago Rey Fernández-
Latorre.
Peña Saavedra, V. (1998). Repertorio da Prensa Galega da Emigración.
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Pérez Páis, M.C. (1974). Prensa. En, VV.AA., Gran Enciclopedia Gallega.
Tomo 25. Santiago de Compostela: Gran Enciclopedia Gallega.
Pérez Pena, M. (2006). Prensa e transición política en Galicia. A
contribución dos xornais ao proceso de construcción identitaria. Santiago
de Compostela: Universidad de Santiago. Tesis doctoral.
Rodríguez Castelao, A.D. (1961): Sempre en Galiza. Buenos Aires: As Burgas.
Sáiz, M. D. (1990). Historia del periodismo en España. Madrid: Alianza (2ª
edición).
Seoane, M.C./Sáiz, M.D. (2007): Cuatro siglos de periodismo en España. De
los avisos a los periódicos digitales. Madrid: Alianza Editorial.
Santos Gayoso, E. (1990). Historia de la prensa gallega. 1800-1986. Sada (A
Coruña): Ediciós do Castro.
Viveiro Mogo, P. (2008). Os promotores dos primeiros diarios galegos:
Diario de Santiago e Diario de La Coruña. En López, X./Aneiros, R.,
Primeiros diarios galegos (1808-1809). Estudos críticos. Santiago de
Compostela: Consello da Cultura Galega.

-----------------------
[1] Utilizamos a expresión protoxornalismo para referirnos a esas primeiras
manifestacións de mensaxes informativos escritos que utilizaban diferentes
canais de difusión, preferentemente de impresos non periódicos. Inclúe, por
tanto, as primeiras expresións de medios de comunicación -comunicación
mediada tecnoloxicamente- e os indicios das manifestacións anteriores ás
propiamente xornalísticas. O protoxornalismo fai referencia a eses inicios
que non son propiamente xornalísticos, pero que preceden aos xornais e que
foron o seu caldo de cultivo.
[2] A cita textual, onde explica aspectos do proxecto, corresponde ao
discurso preliminar que recolle o número un da publicación.
[3]O provincialismo foi un movemento político que xurdiu en Galicia a
mediados do século XIX e que está considerado como o antecedente do
galeguismo e do nacionalismo galego. O historiador Justo Beramendi sitúa,
no seu libro "De provincia a nación. Historia do galeguismo político"
(Xerais, 2007), o inicio deste cambio político e reivindicativo na cidade
de Santiago cara ao ano 1840.
[4] Este apartado, sobre a orixe do galego e os medios en galegos, baséase
nun traballo elaborado por Rosa Aneiros e Xosé López no marco do traballo
do Arquivo de Medios do Consello da Cultura Galega, presentado en reunións
científicas e divulgado por varios medios.
Lihat lebih banyak...

Comentarios

Copyright © 2017 DATOSPDF Inc.