Replica: Unha tipografía do século XXI

October 14, 2017 | Autor: M. Dopico Castro | Categoría: Graphic Design, Typography, Typeface and Typography
Share Embed


Descripción

unha tipografía do século XXI Marcos Dopico

Sen dúbida o ámbito da tipografía é un terreo de cambios lentos e pausados, que obedecen a normas establecidas con un grande pouso histórico, a convencións formais que dende a aparición da categoría das letras sen remate no século XIX, en esencia, pouco mudaron. Cecais, como un fenómeno que tenta compensar ese lento devir nas últimas décadas, tódolos deseñadores temos observado a fugacidade da aparición, auxe e decadencia de moitas das tipografías aparecidas no mercado. É un feito evidente que a forma dunha tipografía nunca muda, pero sí a nosa percepción sobre ela. Como exemplos poderemos recordar tipografías que entraban e saían do denominado top ten dos deseñadores, aquelas que suben ós altares para máis tarde caer en desgracia; os continuos cambios de estatus da omnipresente Helvetica, pasando do amor ó odio de forma sucesiva en diversas etapas, a Rotis de Otl Aicher a principios dos anos 90, a Meta de Erik Spiekermann a finais desa mesma década, a Fedra Sans de Peter Bilak e a FF DIN de Albert Jan-Pool ó comezar o novo século…

01

Nese punto álxido encontrase neste momento unha tipografía suíza que sae á luz en 2008: Replica. Os seus creadores son Manuel Krebs e Dimitri Bruni, fundadores do pequeno estudo de deseño Norm nado en Zürich a finais de 1999 e herdeiros directos da tradición do estilo suízo internacional. Dende os seus inicios os proxectos de Norm posúen un peso específico orientado á tipografía, tanto é así que moitos deles xurden precedidos da creación dunha tipografía específica que máis tarde funcionará como proxecto independente. Éste é o caso de Replica, una tipografía sen remate, lineal, que podería clasificarse como neogrotesca. Concibida para unha publicación auto editada titulada Two-dimensional space, sae á luz a finais de 2008 despois de ter realizados diversos intentos para a creación dunha nova neogrotesca. Desde finais dos anos 90, Bruni e Krebs veñen seguindo un proceso de evolución na súa gráfica e nas súas tipografías que ten moito que ver coa súa filosofía do deseño, co que eles denominan “cosmos Norm”, un conxunto de normas, estándares e parámetros prefixados que configuran unha estética que conecta cos procesos do deseño actual. O seu caso resulta un grande paradoxo e representa unha curiosa actitude de conciliación de dous mundos que case parecían ate o de agora antagónicos: a tecnoloxía dixital e a tradición. O proceso de creación da Replica, parece querer desafiar esas normas que admiten a importancia do debuxo a man das formas tipográficas antes da súa dixitalización, ou o pouco axeitado das fórmulas matemáticas e a xeometría para a adaptación do ollo humano nos procesos de lectura. Unha das peculiaridades da Replica é a súa base reticular, case matemática, sobre a que constrúe o seus trazos, aínda sendo unha pau seco neogrotesca que segue a tradición da Akzidenz Grotesk, Helvetica, Univers ou Unica. A tecnoloxía dixital é un asunto clave aquí, xa que o enfoque metodolóxico parte dunha auto limitación da grella modular do software de deseño tipográfico FontLab, limitándoa dende os 700 puntos orixinais aos 70, coincidindo coa visualización en modo vista previa do propio software. Esta inicial restrición permitiulles limitar as posibilidades de colocación das curvas de Bézier e puntos na pantalla, e o que puido parecer unha eiva converteuse nunha plantilla máis eficaz para o debuxo das letras. Tanto Manuel Krebs como Dimitri Bruni séntense cómodos traballando con restricións, forman parte da súa filosofía austera do deseño. Replica nace polo tanto dunha grella modular, con medidas precisas, retomando os plantexamentos da vangarda histórica. Sen embargo, os resultados formais evócanos unha tipografía mono lineal froito dun trazado manual sobre un taboleiro de debuxo. Unha segunda definición formal, directamente relacionada co seu interese en facer visible a grella sobre a que asenta o seu debuxo, son os biseis de cada unha das esquinas das letras, de xeito que non existen ángulos rectos. Por outra banda, estes biseis dun tamaño igual a cada unidade da grella danlle ó tipo de letra un carácter máis específico e permiten 02

90,700 80,690

03

recoñecela facilmente. Outra característica identificable é que todas as diagonais posúen cortes verticais e non existen extremos en punta en letras como A, K ou R. Deste xeito pódese aforrar espazo e colocar un interletrado máis pequeno sen que a composición se resinta. Todas estas características formais inéditas nunha neogrotesca fan que a fonte se comporte de xeito diferente dependendo do seu tamaño. Mentres que en tamaños pequenos os biseis e os cortes das diagonais apenas se perciben e amosan unha tipografía cun aspecto lixeiramente redondeada e fluída, nos tamaños grandes para titulares ou textos de carteis a fonte amosa a súa cara xeométrica. Esta dobre estética é sen dúbida un valor, e permite realizar composicións de texto coa mesma familia, pero tamén entra en contradición co valor da neutralidade implícito nas neogrotescas. Sen embargo os seus autores son claros neste senso: “En xeral, creo que a nosa antiga ambición de deseñar un tipo neutral, un tipo de letra intemporal foi equivocada. Eu non creo que sexa posible desenvolver un tipo de letra neutral”. Finalmente, e seguindo coa ambigüidade deste tipo, o propio nome de Replica tamén resulta unha cuestión relevante. Éste posúe dous aspectos: por unha banda está a interpretación da palabra réplica como copia no senso de revival ou remake, algo que ten moito que ver coa súa intención de adentrarse na tradición do deseño de tipografías grotescas, e por outra banda refírese á palabra francesa réplique, como resposta enérxica a tipografías como Helvetica, Univers ou Haas Unica. A reinterpretación do estilo suízo internacional sae á luz aquí e plantexa novos amiños alternativos a explorar do proxecto moderno.

Referencias:

Ficha:

www.norm.to

Nome: Replica

www.lineto.com

Autores: Norm (Dimitri Bruni & Manuel Krebs)

www.designmuseum.org/design/norm

País: Suiza

Eye magazine n. 70, winter 2008

Fundición: Lineto

Replica Type Specimen 2009

Ano: 2008 Pesos dispoñibles: Regular, Light, Bold e versión Monospaced

04

Lihat lebih banyak...

Comentarios

Copyright © 2017 DATOSPDF Inc.